Cos ollos na Lúa
Antonio García Teijeiro
Col. Ler é Vivir.
A Coruña, 2010
A partir de 8 anos
Noa era unha nena delgada, alta e inqueda; Dark era un can elegante, apracible, con pelo branco e negro. Os dous eran moi amigos e cariñosos. O can amaba á lúa, pero non entendía por que non era branca e negra como el. Noa estaba enfeitizada pola blancura da súa luz e preguntábase por que non era negra, amarela ou marrón, como a pel dos seus amigos e compañeiros de escola.
Cada noite, Dark dicíalle baixiño palabras fermosas á lúa e contáballe historias: a de Galopín, un can sen dono que escapara da escoba coa que lle golpeou dona Remedios, unha muller de moi mal xenio; a de Tartufo, un can que fora abandonado no monte, ao que recolleu un neno e levouno para a casa.
Tamén Noa falaba coa lúa. Escribíalle cartas contándolle de Troitiño, un ancián coa roupa gastada que cantaba vellas cantigas polo parque, e da Tola, unha muller que anos antes perdera á súa filla nun accidente de circulación, que quedaba sentada nun banco do parque arrolando unha boneca. E contáballe que xogaba na praza con nenos e nenas, deses aos que chamaban inmigrantes, que viñeran de África ou América.
Dona Lúa escoitaba, sorría e ata chegaba a emocionarse. Un día, apareceu branca, negra e doutras cores. Os dous amigos, fascinados, pousaron os seus ollos na face da lúa. Noa sentiu que lle falaba; Dark leu, nun papel que apareceu como caído do ceo, que a lúa ten o corazón de moitas cores. Entón, os dous durmíronse felices mentres a noite colleu o seu pincel de abrazos e pintou de escuro as respiracións ilusionadas de ambos os amigos.
En liña co lirismo do texto, as ilustracións, sobre fondos coloristas, participan dinamicamente da tenrura da historia.
48 p. - 19x12 cm.
ISBN: 978-84-403-1151-1
FAITE SOCIO DA BIBLIOTECA E LÉVAO PARA LER NA TÚA CASA