Esta actividade terá lugar o Venres día 13 de Maio a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén, e está convidado para asistir ao mesmo o alumnado de Infantil do CPI "Curros Enríquez" de Pazos; da EEI “A Galeriña” de Nespereira; e os usuarios da Asociación ASPAVI, ademais de todo o público en xeral que se inscriba previamente na Biblioteca chamando ao teléfono 986 497 273.
Maletas de distintos tamaños e formas estimularán a imaxinación do público para guialo por países inventados e reais, fantásticos e universais. Mergullarémonos no mar e pasearemos por París ata chegar á muralla chinesa. Fomentaremos a lectura coa teatralización, nun constante xogo de interacción cos nenos e nenas, e acompañaremos á ratiña Sofía na súa viaxe polo Universo para descubrir quen é o ser mais poderoso do Mundo.
Teremos que preguntarlle ó sol, á nube e ao vento, nun xogo de coreografías divertidas, para conducir avións, helicópteros, globos e naves espaciais. E remataremos a viaxe coa maleta cheíña de sorpresas pois despois deste percorrido imaxinario teremos unha nova maneira de ollar o Mundo.
Un convite a viaxar coa imaxinación. Qué levarías na maleta para visitar países reais ou fantásticos?
Esta actividade atópase incluída no programa de dinamización da lectura LER CONTA MOITO que promove a Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración cos concellos e coas súas bibliotecas.
EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA
EDUCACIÓN E A CULTURA