Para continuar homenaxeando ás nosas tradicións a través de historias contadas oralmente que farán que a imaxinación de mozos e adultos viaxe a través dos contos de sempre mesturados tamén con historias máis actuais celebramos este ano o 4º CICLO DE TRADICIÓN ORAL "FALAR POR FALAR" DE
PAZOS DE BORBÉN.
Todas as actividades deste 4º CICLO DE TRADICIÓN ORAL celebraránse no Auditorio do Concello os venres do mes de novembro.
O ciclo comenza o día 8 de novembro con dúas actuacións de RAQUEL QUEIZÁS.
Ás 13:00
horas estará cos rapaces de 3º e 4º da ESO e con
varios usuarios da Asociación ASPAVI co seu espectáculo "CASO PECHADO",
dirixido especialmente a un público adolescente que recolle lendas urbanas,
relatos de misterio e historias de terror. Nel unha detective fala dos
casos máis curiosos que tivo que investigar, case todos foron resoltos, son
casos pechados, agás un.
Con CASO PECHADO a
narradora quere partillar cos adolescentes a súa fascinación polas historias de
terror, misterio e o cine negro. As mozas e mozos son os protagonistas, tanto axudando
a resolver casos como a recrear as situacións nas que tiveron lugar os sucesos.
Ás 20:00 horas volverá a actuar Raquel Queizás, desta vez para público xuvenil e adulto para ofrecerlles o seu show "PALABRAS
NA BOCA", un espectáculo baseado nas lendas que pasou escoitando na
súa nenez que contan as pedras de tempos máxicos e remotos. Palabras
na boca da súa nai, palabras na boca da
súa avoa, palabras que a alimentaron e a fixeron crecer. Deambulando entre
historias vividas e lidas, namorouse. Palabras na boca trae
para compartir e urdir relatos coa súa voz... e coas súas mans.
Continuará o 4º CICLO DE TRADICIÓN ORAL "FALAR POR FALAR" o venres 15 de novembro coa
presenza de CRIS DE
CALDAS que nos ofrecerá os seguintes espectáculos:
Ás 13:30
horas ofrecerános o espectáculo "OS CONTOS DO MEU
BAÚL" no que Cris de Caldas trae un baúl cheo de
contos e poemas no que leva contos escoitados aos maiores, e contos lidos.
Contos para aprender e contos de humor. Moito conto hai no seu baúl!. E tamén
saen del versos dos que che deixan o ritmo pegado ao corpo. Nese baúl cabe todo
tipo de sorpresas. Abrímolo?!.
A esta primeira sesión asistirán os rapaces de 1º e 2º de ESO do CPI "Curros Enríquez" de
Pazos, ademais de varios usuarios da Asociación ASPAVI.
Ás 20:00 horas presentará para público adulto "TECENDO
CONTOS", contos tecidos na memoria dos tempos e transmitidos
oralmente xunto a outros contos tecidos na escrita. Versións non coñecidas de
contos clásicos que se unen a interpretacións libres de relatos literarios.
Oralidade e literatura danse a man para xuntar contos para non esquecer, dos
escoitados ao redor do lume, de denuncias, pantasmas e algunha risa tamén se
tecerá...
O venres 22
de novembro seguiremos coas actividades do 4º CICLO DE TRADICIÓN ORAL "FALAR POR FALAR" e teremos con nós a veciña do Condado LORENA PINHEIRO co seu espectáculo "SEICA" cheo de emoción, diversión e reflexión empregando como ferramenta un dos apeiros máis antigos da
humanidade: as historias contadas.
Historias, contos e faladurías recollidas na parroquia da
narradora e no seo da súa familia, acompañando o espectáculo de pequenas
intervencións musicais ao estilo Saladina, a súa avoa e unha das protagonistas
das historias que sucederon en Meder, alá polos anos 40.
Iniciará as súas actuacións ás 13:00 horas cunha
versión para adolescentes á que asistirán os rapaces de 3º
e 4º de ESO e varios usuarios da Asociación ASPAVI.
Pola
tarde/noite ás 20:00 horas continuará cunha sesión especial
para público adulto.
E finalizaremos as actividades deste mes pechando o 4º CICLO DE TRADICIÓN ORAL "FALAR POR FALAR" o venres
29 de novembro con dúas actuacións a cargo da mestra e
narradora ANGELES GOÁS.
Ás 13:00
horas os alumnos de 1º e 2º de ESO e de 5º e
6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos, ademais de
varios usuarios da Asociación ASPAVI deleitaranse coas
historias do seu espectáculo "O MEDO É
LIBRE", composto dunha selección variada de contos propios e
de tradición oral que trata da temática do medo, unha emoción coñecida por
todos por ternos atopado con el nalgún momento da nosa vida. Contos que son
historias de vida que nos falan dos medos que conviven con nós no día a día,
que nos moven ou nos paralizan. Aínda así eles non teñen a última palabra,
porque o medo é libre, si..., pero nós podemos decidir que grao de liberdade
queremos darlle.
Ás 20:00 horas veremos novamente a ANGELES
GOÁS co espectáculo "AS FAMES
CONTADAS" dirixido especialmente a público adulto cunha
sesión de historias e contos que tratan a temática da fame, incluíndo non só
a fame de comer senón outro tipo de fames que tamén temos os seres humanos.
Comeza en torno á comida que se fai nunha casa para celebrar a festa. O feito
de xuntarse é mesa provoca que se conten historias e sempre unhas van levando a
outras. Así van saíndo as fames: de comer, de cariño, de aprender, de cartos...
fames que dunha maneira ou outra temos que saciar.
Estas actividades forman parte do programa 4º Ciclo de Tradición Oral incluído no proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.
A ENTRADA É DE BALDE EN TODAS AS SESIÓNS
ATA COMPLETAR O AFORO DO LOCAL
ANIMÁMOSVOS A ACUDIR ÁS
ACTIVIDADES ORGANIZADAS POR BIBLIOPAZOS!!!