Na Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén - BiblioPazos, queremos conmemorar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS e para elo o próximo Martes 21 de Maio ás 11:00 horas da mañá nas instalacións do CPI “Curros Enríquez” de Pazos recibiremos a visita de Quique Mauricio e Carlos Taboada de POLO CORREO DO VENTO que nos ofrecerán o seu contacontos ilustrado baseado no libro “TINTA DO MAR. Pequena biografía de Luisa Villalta”, editado por Polo Correo do Vento a través de Lela Edicións.
Nesta actividade narrarase oralmente a historia, sempre dando pinceladas da obra e vida da autora LUISA VILLALTA GÓMEZ a quen a Real Academia Galega dedica este ano este día tan importante para a exaltación a promoción da nosa literatura e da nosa lingua; e farase un obradoiro de debuxo no que se realizará unha caricatura da escritora, filóloga e violinista galega.
Temos comprometida a asistencia a este evento do alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e da EEI “A Galeriña” de Nespereira; co obxectivo de que a cativada coñeza á autora homenaxeada este ano no DÍA DAS LETRAS GALEGAS.
O Concello adquiriu 100 exemplares do libro e cada un dos asistentes a este evento será agasallado cun exemplar; ademáis tamén obsequiarase cun exemplar a cada un dos escolares de 3º e 4º de Primaria do CPI “Curros Enríquez”, ata acabar as existencias.
Por último animar a toda a veciñanza a conmemorar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS participando en calquera das actividades que levamos e cabo en BiblioPazos e tamén nas que se realizan noutras bibliotecas, escolas e outras institucións da nosa comarca para estimular a todo o mundo a ler polo menos 20 minutos cada día, e mellor si o fan na nosa lingua galega.
EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA