NOTA INFORMATIVA

YA HEMOS SUBSANADO EL PROBLEMA DE LA LÍNEA TELEFÓNICA. VOLVEMOS A ESTAR A SU DISPOSICIÓN EN NUESTRO TELÉFONO: 𝟵𝟴𝟲 𝟰𝟵𝟳 𝟮𝟳𝟯. FELIZ 𝙋𝙐𝙀𝙉𝙏𝙀 𝘿𝙀𝙇 𝙋𝙄𝙇𝘼𝙍 A TOD@S.
𝗡𝗢𝗧𝗔 𝗜𝗡𝗙𝗢𝗥𝗠𝗔𝗧𝗜𝗩𝗔̲ Desde ayer, Martes 06/10/26, tenemos una avería en el teléfono de la Biblioteca. Si necesitan ponerse en contacto con nosotros, pueden hacerlo a través de nuestro correo electrónico 𝙗𝙞𝙗𝙡𝙞𝙤𝙩𝙚𝙘𝙖@𝙥𝙖𝙯𝙤𝙨𝙙𝙚𝙗𝙤𝙧𝙗𝙚𝙣.𝙜𝙖𝙡, o acercarse hasta la Biblioteca y les atenderemos personalmente. Recordarles que nuestro horario es: 𝗟𝘂𝗻𝗲𝘀, 𝗠𝗶𝗲́𝗿𝗰𝗼𝗹𝗲𝘀 𝘆 𝗩𝗶𝗲𝗿𝗻𝗲𝘀 𝗱𝗲 𝟭𝟬:𝟬𝟬 𝗮 𝟭𝟰:𝟬𝟬. 𝗠𝗮𝗿𝘁𝗲𝘀 𝘆 𝗝𝘂𝗲𝘃𝗲𝘀 𝗱𝗲 𝟭𝟲:𝟬𝟬 𝗮 𝟮𝟬:𝟬𝟬. En cuanto el problema de la línea esté solucionado, les avisaremos. Disculpen las molestias.
Amosando publicacións coa etiqueta Cultura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cultura. Amosar todas as publicacións

venres, 26 de xuño de 2026

"NO PAÍS DAS COUSAS MARABILLOSAS" con RAFA QUINTÍA, unha actividade da XIV Edición do FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL "ATLÁNTICA" para coñecer a tradición e a cultura popular galega

Iniciamos as actividades do mes de xullo cunha actividade titulada “NO PAÍS DAS COUSAS MARABILLOSAS” que será impartida polo antropólogo RAFA QUINTÍA nun espazo natural marabilloso como é o Carballo de Martiz na Senda Arqueolóxica de Amoedo o Sábado 4 de Xullo ás 20:00 horas, e convidamos a toda a veciñanza a asistir á mesma. A entrada é de balde.

Esperámosvos ás 20:00 horas no punto de encontro (Torreiro de Amoedo) sinalización P1 do mapa, onde hai aparcamento público xeral e camiñaremos 1,2 km (20 minutos aprox.) para achegarnos ao Carballo de Martiz onde se desenrolará a actividade.

Para persoas con mobilidade reducida hai prazas limitadas de aparcamento preto do Carballo de Martiz, sinalización P2 indicada no mapa.


Esta actividade está incluída na XIV edición do FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL "ATLÁNTICA" que se celebra neste ano 2026 e no que o Concello de Pazos de Borbén participa por oitavo ano consecutivo.

"NO PAÍS DAS COUSAS MARABILLOSAS” o antropólogo Rafa Quintía convídanos a descubrir o fascinante mundo dos amuletos galegos nunha sesión moi especial onde se mesturan maxia, menciña popular e narración oral. Esta conferencia que fala do mundo dos amuletos na cultura popular galega, non é unha charla ao uso: é unha viaxe chea de contos, lendas e saber tradicional.

Acompañarémolo nunha sesión onde cada historia nos conecta co coñecemento ancestral herdado dos nosos devanceiros. Rafa ten o don de facer que escoitar sexa lembrar: rescata o que fomos e fainos rebuscar nas nosas memorias, cun estilo ameno, próximo e apaixonado.

Un encontro para gozar, sorprendernos e recoñecer a forza da tradición que aínda vive en nós.

RAFA QUINTÍA (Galicia)

Rafa Quintía é unha das voces máis singulares da antropoloxía galega contemporánea. Cunha mirada lúcida e fondamente comprometida coa cultura do país, leva anos explorando e narrando o imaxinario galego dende múltiples frontes: a investigación, a divulgación, a docencia e a creación audiovisual.

Nado en Vigo en 1971, é licenciado en Antropoloxía Social e Cultural e en Ciencias Económicas, e conta cun mestrado en Educación Secundaria. Dirixe a empresa Ab Origine, especializada na posta en valor do patrimonio inmaterial, e exerce como profesor na UNED.

A súa obra escrita abrangue máis de trinta libros nos que mergulla na mitoloxía, o simbolismo, a relixión popular e as crenzas tradicionais galegas. Entre os seus títulos máis destacados están Mitoloxía de Galicia, Heichas contar. Contribución ao corpus mitolóxico galego, Mariña inmaterial, Pola graza de Deus. A relixiosidade popular en Galicia ou Descifrando o Entroido. Nos últimos anos publicou tamén Dicionario dos amuletos galegos, A etnomediciña galega e A pedra da pezoña, obras que continúan afondando nas crenzas, símbolos e saberes da cultura popular galega.

Ademais, participa activamente en proxectos de divulgación e defensa do patrimonio cultural galego, é presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Tamén é autor de documentais que exploran rituais, festas e paisaxes culturais de Galicia, combinando sensibilidade estética e rigor académico.

Premiado en diversas ocasións —entre outros, co Ramón Piñeiro de Ensaio ou o Vicente Risco de Ciencias Sociais—, exerce como presidente da Sociedade Antropolóxica Galega e destaca como un dinamizador activo do coñecemento popular e do patrimonio invisible.

O ano pasado deixou pegada en Santo André de Teixido, nun encontro que foi un auténtico éxito e onde o público quedou atrapado entre historias de mortos, romarías, crenzas e camiños antigos. Por iso regresa este ano ao Festival Atlántica, desta volta baixo un carballo cheo de historias, nun deses lugares onde semella que a memoria segue falando baixiño entre as follas.

A súa participación no Festival Atlántica é unha oportunidade única para escoitar como a tradición cobra nova vida cando se conta dende o respecto, a paixón e o coñecemento profundo.

Un ano máis formamos parte de Atlántica

Para calquera información sobre esta programación poden contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

luns, 11 de marzo de 2024

PROGRAMA DE ACTIVIDADES DE ANIMACIÓN Á LECTURA E DE SENSIBILIZACIÓN E DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA 2024 - DIA INTERNACIONAL DAS MATEMÁTICAS

Continuamos coas actividades de animación á lectura e de sensibilización e dinamización da lingua galega deste ano 2024 coa actuación o mércores día 13 de marzo nas instalacións do CPI “Curros Enríquez” de Pazos con “O MAGO PACO” que nos traerá do seu proxecto educativo Matemáticas para Ilusionar o espectáculo “MATEMAXIA” no que participará o alumnado de 5º e 6º de Primaria.

Con esta actividade desde a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén queremos conmemorar o Dia Internacional das Matemáticas que se celebra en todo o mundo todos os 14 de marzo de cada ano desde que a 40ª Conferencia Xeneral da UNESCO proclamara este día a través da Resolución 30 do 26 de novembro de 2019 a proposta da Unión Matemática Internacional.

Para a UNESCO a celebración do Día Internacional das Matemáticas é unha data oportuna para promover maior cooperación dos organismos e gobernos a nivel internacional para desenrolar programas e actividades que realcen a ensinanza das ciencias matemáticas.

A celebración deste día será a oportunidade perfecta para lograr os obxectivos do chamado programa “A Ciencia para a Paz e o Desenrolo Sostible”.

O papel desempeñado pola UNESCO para levar a cabo a celebración desta importante data foi decisivo e o seu principal obxectivo, é fortalecer a nivel mundial todas as áreas científicas e tecnolóxicas para que, a través delas, se chegue ao desenrolo sostible, así como á tan anhelada paz que buscamos todos os seres humanos.

Por outra parte, conmemorar o Día Internacional das Matemáticas, axudará a destacar o papel das mulleres científicas que se preparan como matemáticas a nivel mundial e con elo, a visibilizar o traballo de moitas delas, que desempeñaron un papel importante no pasado, como foi o caso de Sophie Germán ou Mary Winston, entre moitas outras.

Así mesmo, no mundo tecnolóxico de hoxe, as matemáticas cobran maior importancia, xa que están vinculadas a todos os avances informáticos dos que se beneficia a humanidade para desenrolarse en todos os campos e áreas da vida. Sobre todo, para as novas xeracións que están por vir.

Cada ano propónse un tema para despertar a creatividade en torno ás matemáticas e animar á participación. O tema para 2024 é: "XOGANDO COAS MATEMÁTICAS".

A organización quere celebrar os xogos matemáticos como os quebracabezas e outras actividades entretidas pero tamén "xogar" coas propias matemáticas, explorar, experimentar e descubrir.

“MATEMAXIA” é un espectáculo no que O MAGO PACO mestura dúas disciplinas, as matemáticas e a maxia, que “a priori” podemos pensar que non teñen nada en común e ata parecen contrapostas, pero nada máis lonxe da realidade e a través desta actividade O MAGO PACO demostrará o moito que teñen en común e o que comparten unha vez que nos achegamos a elas dunha maneira diferente e moi divertida.

Coa axuda deste mago un tanto tolo e fascinado polas mates, as nenas e nenos participantes conseguirán atopar e sentir moi de preto a maxia que existe dentro dos números, das operacións, da xeometría, da estatística, etc. Descubrindo algúns dos porqués da maxia coa axuda de explicacións matemáticas, demostrando que esta disciplina, as veces tan pouco motivadora para os alumnos e alumnas, está chea de sorpresas que descoñecemos e que a converten nunha materia fascinante.

Un espectáculo adaptado ao currículo educativo que trata diversos contidos do mesmo dunha forma práctica, dinámica e moi entretida, interactuando constantemente cos rapaces e rapazas, facéndoos participes, cómplices e protagonistas de cada experiencia ou momento fantástico. Todo isto fai dela unha actividade idónea para levar a cabo nos centros escolares.

Os obxectivos desta actividade son os seguintes:

XERAIS

  • •Promover actividades lúdico-educativas como complemento ó curríulo escolar.
  • •Fomentar a participación social en actividades lúdico–culturais das nenas e dos nenos, así como de toda a comunidade.
  • •Estimular o desenrolo de actitudes e aptitudes coma a imaxinación, a creatividade, a cooperación e a confianza.
  • •Favorecer a coeducación mediante os cambios de roles prefixados na nosa sociedade.
  • •Potenciar valores solidarios, tolerantes, de respecto sobre todo o que lles rodea.
  • •Mostrar a importancia da aprendizaxe a través do xogo.

ESPECÍFICOS

  • •Crear un ambiente de distensión gardando o respecto ás instalacións do colexio, ós compañeiros e compañeiras, ó material a empregar e os actores.
  • •Potenciar actividades importantes para o desenvolvemento integral dos e das menores, como: a psicomotricidade fina, as matemáticas, a física, etc.
  • •Realizar actividades con temáticas transversais como: a educación para a saúde, a educación intercultural, a educación medioambiental, etc.
  • •Lograr unha aprendizaxe mais completa dos contidos tratados a través dunha metodoloxía práctica e dinámica.

O proxecto deste espectáculo contén diferentes contidos incluídos no currículo escolar de primaria e, entre outros, se tratarán os seguintes:

OPERACIÓNS COMBINADAS               

  • Sumas
  • Restas.
  • Multiplicacións
  • Cálculo mental

FIGURAS IMPOSIBLES

  • Cinta de Moebius
  • Características
  • Utilización práctica da figura

SISTEMAS NUMÉRICOS

  • Sistema decimal.
  • Sistema Binario.

ÁREAS XEOMÉTRICAS

  • Fórmulas
  • Visualización práctica

PROPIEDADES NUMÉRICAS

  • Propiedades do número 9

SERIES E SECUENCIAS

  • ¿Qué son?
  • Como formar un orden desordenado
  • Visualización e práctica

Realizarase en dúas sesións de, aproximadamente, 50 minutos cada unha delas; a primeira ás 11:00 horas, e a segunda a partir das 13:00 horas.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

venres, 18 de xuño de 2021

HOXE COÑECEREMOS O PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO E HISTÓRICO DE PAZOS DE BORBEN pola Senda Arqueolóxica de Amoedo

Hoxe venres 18 de xuño rematamos as actividades que organiza a Biblioteca Pública Municipal "BIBLIOPAZOS" do Concello de Pazos de Borbén deste primeiro semestre do pandémico ano de 2021.

E o facemos cunha actividade de natureza, un roteiro pola Senda Arqueolóxica de Amoedo para coñecer parte do patrimonio arqueolóxico e histórico de Pazos de Borbén percorrendo a Ruta Sur da senda, baixo a dirección de Xurxo Constela Doce de A Citania Arqueoloxía, na que imos visitar restos de petróglifos e mámoas e un foxo do lobo.

Con esta actividade pretendemos por en valor o patrimonio natural, arqueolóxico e histórico do municipio, prestando especial atención tamén á recuperación da toponimia das sendas e dos paraxes naturais.

Faremos a ruta cos alumnos de 5º e 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos, sen que poidamos admitir mais persoas que puideran estar interesadas en realizar esta actividade debido a que temos que cumprir cos protocolos do COVID-19.

A ruta prevista está chea de posibilidades sendo un recurso indispensable para a proxección social a través dunha didáctica enfocada cara a arqueoloxía cun enorme nùmero de restos arqueolóxicos que a converten nun referente para toda Galicia das épocas da prehistoria recente, primordialmente Neolítico e Idade do Bronce, representadas por mámoas e petróglifos respectivamente.

A catalogación recente dun foxo de lobos de dobre converxencia aumentan o atractivo da ruta, atopándonos cun resto insólito e representativo da Época Medieval na Galicia.

Na RUTA SUR nos concentraremos na zona do Alvedosa con 9 grupos de petróglifos, 6 mámoas e un foxo de lobos, pola interese de meter máis épocas históricas no roteiro e empalmar co Concello de Redondela na ruta, ampliando a perspectiva do val e do propio xacemento de Amoedo.

A ruta dunha extensión aproximada de 2 Km pretendemos facela en 2 e 3 horas aproximadamente, saíndo ás 10:00 horas da mañá dende a gasolineira de Chan de Amoedo, tal e como está previsto inicialmente.

Recordamos as recomendacións debidas á pandemia do COVID-19 do uso obrigatorio da máscara en todo momento e gardar a distancia de seguridade, e tamén que os participantes procuren:

  • Levar algo de avituallamento (Auga e algo de comida - bocadillo ou barras enerxéticas-)
  • Levar pantalón largo para protexe-las pernas en zonas de espiños, herba seca, ramas baixa, etc.
  • Levar calzado adecuado para andar polo monte para evitar accidentes. Recomendable que sexa calzado pechado evitando zapato de tacón, zapato aberto tipo sandalias e/ou zapatillas de sola fina porque resultarán incómodos. O ideal é levar un calzado apto que teña unha sola grosa, suxeición no nocello e que sexa impermeable.
  • Non separase do grupo para evitar perderse.

Agradecer de novo a axuda de todos os que fixeron posible a realización desta actividade.

Nos próximos días contarémosvos como foi esta mañán de natureza, arqueoloxía e historia.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

sábado, 12 de xuño de 2021

ROTEIRO PARA COÑECER O PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO E HISTÓRICO DE PAZOS DE BORBÉN - Senda Arqueolóxica de Amoedo

Agora sí que damos por rematadas as actividades do primeiro semestre deste pandémico ano 2021 o próximo Venres 18 de xuño no que temos previsto realizar unha nova actividade de natureza consistente nun "ROTEIRO PARA COÑECER O PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO E HISTÓRICO DE PAZOS DE BORBÉN" pola Senda Arqueolóxica de Amoedo, baixo a dirección de Xurxo Constela Doce de A Citania Arqueoloxía, na que poderemos visitar restos de petróglifos e mámoas e, se é posible, pola vexetación, un foxo do lobo.

O obxectivo principal que pretendemos é por en valor o patrimonio natural, arqueolóxico e histórico do municipio, prestando especial atención tamén á recuperación da toponimia das sendas e dos paraxes naturais.

Concertamos esta actividade co CPI "Curros Enríquez" de Pazos e convidamos a realizala aos alumnos de 5º e 6º de Primaria. 

Non podemos admitir mais persoas que puideran estar interesadas en realizar esta actividade debido a que temos que cumprir cos protocolos do COVID-19.

Intentaremos convocar outros roteiros tan pronto sexa posible para o público en xeral.

A ruta prevista está chea de posibilidades amosándose como un recurso indispensable para a proxección social a través dunha didáctica enfocada cara a arqueoloxía. O enorme nùmero de restos arqueolóxicos a converten nun referente para toda Galicia das épocas da prehistoria recente, primordialmente Neolítico e Idade do Bronce, representadas por mámoas e petróglifos respectivamente.

A catalogación recente dun foxo de lobos de dobre converxencia aumentan o atractivo da ruta, atopándonos cun resto insólito e representativo da Época Medieval na Galicia.

A nosa vontade é a de facer a RUTA SUR -concentrándonos na zona do Alvedosa con 9 grupos de petróglifos, 6 mámoas e un foxo de lobos-, pola interese de meter máis épocas históricas no roteiro e empalmar co Concello de Redondela na ruta, ampliando a perspectiva do val e do propio xacemento de Amoedo.

A ruta terá unha extensión aproximada de 2 Km e o tempo que se empregará na mesma estará entre 2 e 3 horas aproximadamente. A saída está prevista ás 10:00 horas da mañá dende a gasolineira de Chan de Amoedo.

Ademáis das recomendacións habituais debido á pandemia do COVID-19 do uso obrigatorio da máscara en todo momento e gardar a distancia de seguridade de 1,50 m, para facer a ruta con seguridade recomendamos tamén as seguintes:

  • Levar algo de avituallamento (Auga e algo de comida - bocadillo ou barras enerxéticas-)
  • Levar pantalón largo para protexe-las pernas en zonas de espiños, herba seca, ramas baixa, etc.
  • Levar calzado adecuado para andar polo monte para evitar accidentes. Recomendable que sexa calzado pechado evitando zapato de tacón, zapato aberto tipo sandalias e/ou zapatillas de sola fina porque resultarán incómodos. O ideal é levar un calzado apto que teña unha sola grosa, suxeición no nocello e que sexa impermeable.
  • Non separase do grupo para evitar perderse.

Xa vos contaremos como foi a ruta, o que coñecemos, o que aprendemos e como o pasamos.

Desde o Concello queremos agradecer a axuda de todos os que fixeron posible que esta actividade se leve a cabo.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.


domingo, 23 de febreiro de 2020

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2020 - 183 ANIVERSARIO DO SEU NACEMENTO

Mañá é o día 24 de febreiro, unha nova xornada para celebrar e festexar outro ano máis á nosa poeta nacional, ROSALÍA DE CASTRO no 183 aniversario do seu nacemento.

MARÍA ROSALÍA RITA DE CASTRO naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837. A súa vida é unha historia realmente apaixonante, chea de interese historico, cultural e intelectual.

O seu relato é entender desde a perspectiva dunha rapariga filla de nai solteira e fidalga as claves sociais do seu tempo; é asistir en primeira fila como moza, en Santiago, e en Madrid, a un proceso de formación rico e complexo; é seguirlle os pasos, en Vigo, na Coruña, en Lestrobe... á súa densa creación literaria e mais ao proxecto que acabou orixinando a Galicia dos nosos días.

Hoxe as investigacións biográficas sobre a súa figura supuxeron claros avances no debuxo dos seus principais perfís. Aínda así, continúa a ser un reto estudala e explicala na súa totalidade e na súa complexidade.

Máis información sobre a vida e obra de Rosalía de Castro facendo click AQUÍ.

BiblioPazos adhírese a esta homenaxe á autora a través desta nova no blog e da actividade "A VIAXE DE ROSALÍA" a cargo da actriz LARRAITZ URRUZOLA que terá lugar o próximo venres día 28 de febreiro ás 13:00 horas no Auditorio do Concello e na que participarán os alumnos de 5º e 6º de Primaria e de 1º a 4º de ESO do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI.


VENTE, RAPASA (II)

-¡Vágate Dios,
que inda os figos son duros!
¡Mais qué fartiña
en estando maduros!

El e mais eu
i a comadre de abaixo
hemos de ter
que alargar o refaixo.

Rica figueira
que Dios te bendiga,
que hasme, abofé,
de fartar a barriga.

¡Jei!, o dos ovos
que vas de camiño,
¿cántas duciñas
topache no niño?

¡Unha nomáis!
¡No me teño ca risa!
Ése éche un conto
que vai para a misa.

Dáme acá seis,
que un fricol che faría,
que ó mesmo rei
que envidiar lle daría.

Xa que non qués,
no camiño che colla
vento de vira
cun saco de molla.

Rosalía de Castro "CANTARES GALLEGOS"
Fragmento do poema "Vente, rapasa"

Velaquí unhas imaxes coas portadas das súas obras e que temos en BiblioPazos a disposición dos lectores e usuarios. Podedes localizalas no catálogo da biblioteca ou preguntar ao persoal da biblioteca.



Sumámonos tamén á proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega que propón desde o 2010 á cidadanía que neste día agasalle un libro en galego e unha flor.

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2020

Ambos errantes polo mundo andamos, dixo a muller. Daquela, as xentes silenciadas, ás que lle roubaran ata as palabras, recuperaron o alento. Fixérono de golpe. Souberon decontado o que eran, o que somos. Transmatria errante nunha humanidade errante. Seres humanos que vagaron e vagan; que pularon e pulan; que morreron e morren na procura do pan e da liberdade. Logo, a muller aquela, desafiando leis masculinas, sentenciou: Toda a terra é dos homes e das mulleres. Toda a terra.
Foi evidente entón que ela xa non precisaba apelidos. Sería sempre Rosalía, e había sinalar futuros e denunciar dores e inxustizas. Errantes polo mundo. 
A súa palabra inzou poderosa, precisa, contundente. Outra vez os vaivéns da fertuna / para lonxe me arrastran, afirmou, así que axiña entendemos que os camiños nos igualan e os tránsitos nos fan humanos.
Si, Ambos errantes polo mundo andamos! Elas e nós. Ti e mais eu. Nosoutres.
Camiñamos. Marchamos. Fuximos. E, no medio do desamparo, da dor da partida, do mundo deixado e do degoirado, Rosalía amosou o desconsolo de migrar e o afliximento de ficar. Tamén nos aprendeu a ollar, a saber, a ser. Dende entón a nosa voz foi para sempre palabra de muller. No éxodo infinito. A nosa voz errante polo mundo.
Velaquí talvez o inaudito. Rosalía, unha daquelas que debían ser silenciadas pola forza, daquelas que pretenderan enmudecer tantos deuses e leis dun heteropatriarcado opresivo, ergueu a palabra libre e entregóunola. Será por iso que habemos ser unha  anomalía? Unha transmatria errante con voz de muller. Unha nación errante que nos iguala no camiño coas desposuídes. Ambas errantes polo mundo.
Mais que é de Rosalía agora? Vivimos tempos duros, sen dó, nos que rexorden discursos de odio e medo. Decotío, vemos homes que acenan carraxes co seu dedo. Berregan palabras de ferro. As vítimas son sinaladas polos verdugos. No entanto, nesta transmatria nosa conservamos armas lilas contra a desolación. Fabricounas unha muller con versos irredentos. Vacinas contra a xenofobia que han formar parte do noso ADN. Sermos errantes ha impedir que a arañeira do odio medre no corazón. Grazas a Rosalía temos o sangue envelenado coa afouteza das que foxen. Infectado con versos que denuncian e nos fan ser as outres. A miseria está negra en torno deles / ai!, i adiante está o abismo!, dixo. Si, o abismo. Cemiterios no mar. Refuxiadas. asasinadas. O silencio.
Cremos por iso en identidades errantes, aquelas que elixamos nós. Ninguén ha decidir o noso xénero nin os afectos. Ninguén nos ha retirar dereitos nin nos ha facer súbditas. Ninguén nos ha expulsar de ningures, porque Rosalía instalou en nós a insubmisión de ser e un futuro para soñar. El serán os seus versos un andazo? Insubmisión na denuncia da violación e da violencia de xénero: que morden si acariñan, que cando miran queiman/ que dan dores de raiba, que manchan e que afrentan. Insubmisión contra o poder e o capital: Embargaránnos todo, que non teñen/ esas xentes conciencia, nin tén alma. Insubmisión contra quen coloniza, contra quen explota: déronlle fel por bebida/ peniñas por alimento.
É difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir sen auga. É difícil entendérmonos sen nos saber errantes. Fagamos vivos os seus versos en cada persoa que foxe, en cada ser humano que chimpa un muro, que se bota ao mar, que decide o seu futuro e a súa identidade libremente. Levamos no sangue a valentía de quen camiña e, grazas a Rosalía, sabemos que as errantes tamén somos nós. Contra o medo e a intolerancia. Errantes polo mundo e sempre libres!

Daniel Asorey
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#ErrantesPoloMundo_rdc_20


mércores, 20 de febreiro de 2019

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2019 - 182º ANIVERSARIO DO SEU NACEMENTO

Vaise acercando o día 24 de febreiro, unha nova xornada para celebrar e festexar outro ano máis á nosa poeta nacional, ROSALÍA DE CASTRO no 182 aniversario do seu nacemento.

BiblioPazos adhírese a esta homenaxe á autora a través desta nova no blog e da actividade "CONTANDO CON ROSALÍA" a cargo da actriz, ilustradora e contadora MARISA IRIMA que terá lugar mañá xoves día 21 de febreiro na sala de lectura da Biblioteca e na que participarán os alumnos de 2º e 3º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI. 

MARÍA ROSALÍA RITA DE CASTRO naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837. A súa vida é unha historia realmente apaixonante, chea de interese historico, cultural e intelectual.

O seu relato é entender desde a perspectiva dunha rapariga filla de nai solteira e fidalga as claves sociais do seu tempo; é asistir en primeira fila como moza, en Santiago, e en Madrid, a un proceso de formación rico e complexo; é seguirlle os pasos, en Vigo, na Coruña, en Lestrobe... á súa densa creación literaria e mais ao proxecto que acabou orixinando a Galicia dos nosos días.

Hoxe as investigacións biográficas sobre a súa figura supuxeron claros avances no debuxo dos seus principais perfís. Aínda así, continúa a ser un reto estudala e explicala na súa totalidade e na súa complexidade.

Máis información sobre a vida e obra de Rosalía de Castro facendo click AQUÍ.

Vente, rapasa (I)

-Vente, rapasa,
vente, miniña,
vente a lavar
no pilón da fontiña.

Vente, Minguiño,
Minguiño, vente;
douche si non
polo demo do dente.

¡Que augua tan limpa!
¡Que rica frescura!
Venta a lavar,
que é un primor, criatura.

Válganos Dios,
que si auguiña n'houbera,
lama este corpo
mortal se volvera.

Vinde a lavarvos,
andá lixeiriños,
a cara pirmeiro,
dimpois os peíños.

¡Ai!, ¡que miniña!
¡Que nena presiosa!
Dempois de lavada
parese unha rosa.

I este miniño
que teño no colo,
dempois de lavado
parece un repolo.

¡Ai!, ¡que tan cuco!
¡Ai!, ¡que santiño!
Ven ós meus brazos,
dareiche un biquiño.

¡Olliños de groria!
¡Cariña de meiga!
¡Apértame ben,
corasón de manteiga!

Corre, corre
a que Antona te peite;
corre, darache
unha cunca de leite.

Corre, corre,
a teu pai, Mariquiña,
que come cebola
con pan e sardiña.


Rosalía de Castro "CANTARES GALLEGOS"
Fragmento do poema "Vente, rapasa"

Velaquí unhas imaxes coas portadas das súas obras e que temos en BiblioPazos a disposición dos lectores e usuarios. Podedes localizalas no catálogo ou preguntar ao persoal da biblioteca.



Sumámonos tamén á proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega que propón desde o 2010 á cidadanía que neste día agasalle un libro en galego e unha flor.


Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2019

Cantarte hei. Manifest(o)Acción no Día de Rosalía


*Manifesta que escribe, escribe, escribe. E a escritura é unha acción.



*Manifesto eu que escribir ela así no seu tempo é unha acción contra os grillóns da escravitude. Libre o seu pensamento



*Manifesta o poema



o espolio                     dunha perenne miseria,

as violacións                a roupa de cote puñéronma en tiras,

a inxustiza social          sin abrigo tembra,

os desafiuzamentos      embargaránnos todo,

o abuso laboral            que se amargo pan vos ganan / dádesllo envolto en veneno

os éxodos                    en errantes hordas.




Do XIX ao XXI



*Manifesto eu que un poema con palabras da lingua que eu falo –que non é aquela que bastardean nas mais ilustradisimas provincias– aínda hoxe é un Manifesto. A miña infeliz patria tan desventurada



*Aqués que tén fama de honrados na vila. Galicia. Ano 2017. 82 agresións sexuais

raposos de sangre maldita. Galicia. Ano 2017. 6436 denuncias por violencia de xénero

vendéume a xusticia. manda, manda, manda, fato, rabaño

Dun golpe!




                                – Manifesta acción o poema –




*Na xa vella baranda un corpo fala. Arrima o seu seo e no frío da reixa tatúa incisións. Traspasa as nosas carnes.



*Estas migallas de liberdade. Alertou. Tenteamos nós compracentes os rostros que nos cegan.



*Aquelas escuras e valerosas heroínas que viven e morren levando a cabo feitos marabillosos por sempre ignorados. – Manifesta que existen –



*De humanos seres a compauta linea polas fronteiras pechadas en columnas nómades, en fronte o arame.





Do XIX ao XXI



*Escrito en medio de todos-los desterros. – Manifesta que sabe que non a escoitan –



*Do meu dor sin igual i a miña afrenta traidora se mofaban. Prende o computador, algún dispositivo. Ladran.



*Manifesta que o poema é o lugar onde a voz afía a sombra.



*Indóciles nos camiños desertos eses versos.



*Cantos de independencia e liberdade. Manifesto.



*Acción que se inunda e anega. Cantarte hei





Ana Romaní

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

#LibreOMeuPensamento_rdc_19

Fonte: Fundación Rosalía de Castro e Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

 

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger