luns, 23 de marzo de 2015

PROGRAMACIÓN 2015 DE ANIMACIÓN Á LECTURA EN BIBLIOPAZOS

A Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén (BIBLIOPAZOS) volve coas actividades de Animación á Lectura.

Este ano 2015 comenzamos o pasado xoves 26 de febreiro co contacontos a cargo de Marisa Irimia e "Alicia no País das Marabillas" no que participaron os alumnos de 4º de primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual de Vigo (ASPAVI) que teñen a súa sede en Pazos de Borbén.

A actividade foi patrocinada íntegramente pola Fundación Filomena Rivero Alonso de Redondela como froito da colaboración do Concello de Pazos de Borbén coa mesma para fomentar a animación á lectura entre a poboación a través da Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén.


 


Continuando coa programación, nos próximos días, e nos meses de Abril e Maio, realizaremos varias activiaddes en colaboración co programa de dinamización da lectura LER CONTA MOITO que se desenrolará ao longo do ano 2015 a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración cos concellos e promovido pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universita temos programadas actividades moi interesantes. Algunhas das actividades se realizarán coa colaboración do Plan Cultural 2015 da Deputación Provincial de Pontevedra.


Con esta programación, dende BIBLIOPAZOS preténdemos contribuír á promoción da lectura como un vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal, ofrecendo un espazos de encontro para descubrir e compartir. Así ofreceremos un conxunto de actividades para achegar a cidadanía á lectura e á información dunha maneira lúdica e atraente.

O desenvolvemento destas actividades de dinamización no ámbito da biblioteca reforzan o seu carácter de espazo aberto, ao tempo que alentan a aprendizaxe e a descuberta a través dos recursos que as bibliotecas proporcionan. 

BIBLIOPAZOS comparte os obxectivos do programa LER CONTA MOITO co que se pretende:
  • Fomentar o hábito da lectura no conxunto da poboación, a través dun achegamento á biblioteca que esperte o interese polo que esta pode ofrecer.
  • Fortalecer o papel das bibliotecas como espazo de relación, aberto e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente e da descuberta de novos temas e inquedanzas sociais.
  • Consolidar a programación compartida da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, coa renovación permanente de propostas atractivas e de calidade.
  • Promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo.
  • Valorar o libro e, en xeral, a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión.

As actividades previstas para as vindeiras semanas son as seguintes: 


O venres día 27 de Marzo, ás 13:00 horas na Sala de Lectura de Bibliopazos, conmemoraremos o Día Internacional do Teatro coa actriz e contacontos Raquel Queizás co seu espectáculo de narración oral "A Orixe" dirixido a nenos e nenas a partir de 5 anos. Esta actividade está patrocinada polo Plan Cultural 2015 da Deputación Provincial de Pontevedra.

O mércores 8 de Abril, a partir das 13:00 horas na Sala de Lectura, contaremos co actor e monologuista (entre outras cousas) Avelino González que cos seus "Contos literarios" fará que os asistentes disfruten dunha sesión moi divertida a través das súas narrarcións orais dramatizadas nas que muda a palabra escrita pola palabra falada. Este espectáculo está dirixido á mocidade e forma parte do programa LER CONTA MOITO. 

O venres 10 de Abril, ás 11:00 horas na Sala de Lectura terá lugar a actuación do Triatreros Grupo Teatro que nos traerá o espectáculo de narración oral dirixido a nenos e nenas de 4 a 10 anos "Comechíns" no que os cativos e os non tan cativos coñecerán eses inconvintes relacionados cos alimentos, tan habituais hoxe en día... Espectáculo incluído no programa LER CONTA MOITO.

 O xoves 23 de Abril, Día Internacional do Libro, ás 13:00 horas na Sala de Lectura da biblioteca contaremos coa presencia de Enrique Mauricio e Carlos Taboada de Polo Correo do Vento que nos ofrecerán co seu espectáculo "A volta ao mundo en 80 máquinas", conto ilustrado e musicado, sobre unha viaxe arredor do mundo, que homenaxea autores como Julio Verne, os Beatles ou Marilar Alexandre, e que rematará cun obradoiro de debuxo sobre un personaxe da historia. Este espectáculo, dirixido a nenos e nenas a partir de 3 anos, está patrocinado polo Plan Cultural 2015 da Deputación Provincial de Pontevedra. 

O martes 12 de Maio, na Sala de Lectura, a partir das 13:00 horas terá lugar unha nova sesión de contacontos con Fátima Fernández e o seu espectáculo "Érase unha vez uns zapatos..." dirixido a nenos e nenas de 4 a 12 anos e a colectivos con necesidades especiais: físicas e psíquicas. "Que sería do gato con botas sen as botas, de Cinsenta sen o zapato de cristal, se os trasnos non lle fixesen zapatos ao zapateiro... Sería posible o mundo dos contos que todos coñecemos se non houbese zapatos?". Actividade incluída no programa LER CONTA MOITO.

O venres 15 de Maio, na Sala de Lectura, a partir das 11:00 horas, conmemoraremos o Día das Letras Galegas homenaxeando a Xosé Fernando Filgueira Valverde co obradoiro "Imos xogar con Xosé Filgueira Valverde!" a cargo de Patricia Martínez de EDUVIA. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos e por medio dun dirvertido xogo por equipos, os participantes descubrirán a orixe e significado do Día das letras Galegas achegándose á obra do autor homenaxeado neste ano 2015. Actividade incluída no programa LER CONTA MOITO. 

O venres 5 de Xuño, na Sala de Lectura, a partir das 11:00 horas contaremos con Leo Leíño e o seu espectáculo "Maxia cómica" dirixido a nenos e nenas de 3 anos en adiante. Unha actividade divertida e sorprendente contando historias unidas aos xogos. Actividade incluída no programa LER CONTA MOITO.


 VEN A BIBLIOPAZOS
E
PARTICIPA DAS ACTIVIDADES!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger