Seguimos informando das actividades organizadas para este mes de outubro a través do programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2024 "OBRADOIROS E CERTAME DE CREACIÓN LITERARIA" e que contan co patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra.
Os principais obxectivos deste programa son os de promover e dinamizar o uso da lingua galega no municipio, sobre todo entre a poboación infantil, a mocidade e as persoas con diversidade funcional; animando á creación literaria e á lectura a través da realización de diversos obradoiros e da convocatoria dunha nova edición dun certame literario en lingua galega; ademais tamén se pretende promover e facilitar a plena integración na sociedade dos colectivos en risco de exclusión social e con diversidade funcional, a través do emprego da expresión artística e literaria en lingua galega.
O próximo Luns 7 de outubro comenza o obradoiro "RELATOS DE IDA E VOLTA. FACER E DESFACER
HISTORIAS” que será impartido pola escritora, xornalista e
docente ANDREA
BARREIRA FREIJE para todo o alumnado de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos; e realizarase tamén nas instalacións do colexio en catro sesións dunha duración de
hora e media cada unha nas seguintes datas e horarios:
Luns, 7 de outubro
10:20 a 11:50 - 1º ESO
12:20 a 13:50 - 2º ESO
Martes, 8 de outubro
10:20 a 11:50 - 3º ESO
12:20 a 13:50 - 4º ESO
Escribir, desde un relato a unha novela, é algo traballoso, que se vai pulindo e mellorando cos anos. Aínda que partamos do básico, que é ser quen de observar o que nos rodea, pensar e imaxinar, precisamos dunhas ferramentas que, primeiro nos axuden a ordenar a información e, despois, elementos que fagan que a nosa historia sexa o máis atractiva posible.
Nos cursos de narrativa preguntámonos: Quen conta a historia? O Narrador, pero cantos tipos de narradores hai? Quen marca a acción? A personaxes; pero que papel lles imos dar? Onde e cando acontece todo? Espazo e tempo, pero como se relaciona cos demais elementos? Como estruturamos o relato? Tempo e trama... Onde poñemos cada xiro?
Así, Relatos de ida e volta. Facer e desfacer historias é un obradoiro de escrita que funciona como un xogo adaptado a cada curso. A través de varios pasos, que van desde a capacidade de atopar ideas a través de preguntas, observación, imaxinación á escrita, mergullámonos nas capacidades e intereses propios á hora de escribir un relato.
A partir de aí descubrimos cada elemento narrativo e como podemos mesturalos para facer unha historia o máis atractiva e interesante posible. Deste xeito, veremos como segundo a tipoloxía das personaxes ou dos narradores, as voces cambian; igual que mudan segundo onde cando sucedan. Cada elemento ten o seu papel, e coñecelo fará que escribir unha historia sexa algo fluído e cada vez máis natural.
Relatos de ida e volta. Facer e desfacer historias remata coa lectura dos textos, o que permite a capacidade crítica da aula, sempre dun xeito construtivo. Esa ollada externa axuda a mellorar os escritos. Malia que o proceso sexa individual, contar co apoio da aula, sempre é un bo xeito de evitar bloqueos creativos e ter varias opcións que axuden a avanzar e facer o proxecto o máis interesante e próximo ao lector ou lectora.
O obradoiro impartirase en 4 sesións de 90 minutos cada unha para a rapazada entre 1º a 4º da ESO. Cada persoa escribirá un relato, no que se mesturarán as temáticas do VI Certame de Relato Curto de Pazos de Borben, coas ferramentas máis básicas da creación narrativa e aquelas que lles permitan arriscar nas voces narradoras ou nos xiros das historias
1º ESO: Este curso, ao ser o primeiro ano que recibe o obradoiro, descubrirán os elementos básicos para a construción dun relato: que é narrador, as personaxes, o espazo, o tempo ea trama lineal, todo a través do xogo.
2º ESO: Tras descubrir o ano anterior as bases do relato, no presente obradoiro descubriremos novas ferramentas, centrándonos principalmente en como adaptar as ideas, puntos de partida, do concurso municipal ás nosas propias inquedanzas como escritoras e escritores.
3º e 4º ESO: Nestes cursos profundaremos en como podemos xogar coas estruturas (inversa e circular principalmente, aínda que tamén in media res) e variar principios e finais, para poder experimentar cos xiros e descubrir outras formas de contar.
Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.