mércores, 1 de maio de 2024

NOVO CARNÉ DE USUARIO/A DA BIBLIOTECA, NOVOS SERVIZOS E NOVO HORARIO

Ola a todos e todas os usuarios e usuarias da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén.

Queremos comunicarvos que, despois de varios meses de arduo traballo actualizando e engadindo códigos de barras a todo o seu material bibliográfico, a Biblioteca integrouse no novo programa de xestión Koha formando xa parte do Catálogo Colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Por iso convidámosvose para que vos acheguedes á Biblioteca para actualizar os vosos datos persoais e facervos entrega do NOVO CARNÉ DE USUARIO/A que é único para todas as bibliotecas da Rede.

Con esta incorporación ao catálogo colectivo vai a haber unha serie de cambios no funcionamento da Biblioteca que afectarán ao préstamo e a outros servizos dos que iremos informándovos en breve.

Co novo carné único poderedes recibir os seguintes servizos:

  • Levar en préstamo materiais de calquera das bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
  • Levar máis materiais e por máis tempo (os prazos de préstamo varían segundo o tipo de materiais).
  • Facer máis xestións por internet: ademais da solicitude de Alta, podes reservar exemplares, renovar os materiais emprestados e moitas máis.
  • Saber en que bibliotecas está dispoñible o material que buscas (consultado o catálogo único).

Para elo será imprescindible presentar o novo carné cando queirades levar calquera material da nosa Biblioteca ou dalgunha das bibliotecas da Rede.

Ademais para ofrecervos un mellor servizo, ampliamos o horario de apertura  partir do día 2 DE MAIO que quedará da seguinte forma:

O voso número de usuario será o que vos asigne programa informático ao darvos de Alta na Rede (habitualmente coincide coa numeración do voso DNI sen a letra); e o voso contrasinal asinámoscho nós nun principio pero podedes cambialo cando queirades entrando na páxina web do catálogo da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Co voso número de usuario e contrasinal, poderedes utilizar gratuitamente o Catálogo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia accedendo á paxina web https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/. Tamén poderedes utilizar a plataforma GaliciaLe de préstamo en liña de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas, que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura.

En GaliciaLe atoparedes dous catálogos: o Catálogo galego, composto principalmente por libros e audiovisuais en galego, e eBiblioGalicia, cunha ampla selección de libros, revistas e audiolibros. As obras incluídas nestas dúas contornas poderanse ler e visionar en dispositivos compatibles en función do seu formato: lectores de libro electrónico, tabletas, teléfonos móbiles e ordenadores persoais.

Para utilizar a plataforma dixital GaliciaLe podedes facelo desde o enlace a este servizo da páxina web da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia:

https://rbgalicia.xunta.gal/gl/galiciale

Tamén poderedes facelo desde o voso móbil baixando as App da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e eBiblio que podedes descargar desde Google Play ou desde App Store. Para utilizalas, unha vez descargadas, seguide os pasos para entrar co voso mesmo número de usuario e contrasinal que tedes na Rede.

Para ampliar esta información ou para calquera outra aclaración non dubidedes en contactar connosco a través do teléfono da biblioteca 986 497 273; do correo electrónico biblioteca@pazosdeborben.org ou persoalmente visitando a biblioteca no horario de apertura. O persoal da biblioteca estaremos encantados de facilitarvos toda a información que solicitedes e axudarvos cos trámites que necesitedes.

Por último recordar que todos os servizos que ofrece a Biblioteca son totalmente gratuítos e non terán ningún custo para vos.

Pois xa sabedes achegarvos pola Biblioteca para coñecer todas as novidades e o poder do Novo Carné da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger