luns, 18 de setembro de 2023

PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES DE ANIMACIÓN Á LECTURA DE SETEMBRO-OUTUBRO 2023

Ola de novo veciñas e veciños de Pazos de Borbén, seguidoras/es, usuarias/os e socias/os da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén "BIBLIOPAZOS".

Despois de varios meses nos que programamos moi poucas actividades debido aos traballos que estamos a facer para o cambio do programa informático da biblioteca e que esperamos ter rematado despois de mediados do mes de novembro, volvemos cunha serie de eventos dirixidos ao público infantil e mozo coas que queremos continuar cos obxectivos de seguir promocionando a educación e a cultura e animar á lectura a nenas/os, mozas/os e adultos de todas as idades.


Para elo as próximas actividades que presentamos para as vindeiras semanas atópanse incluídas no programa de dinamización da lectura "LER CONTA MOITO" que promove a Xunta de Galicia a través de Dirección Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; e tamén a través do programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2023 "OBRADOIROS E CERTAME DE CREACIÓN LITERARIA" organizado pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que conta co patrocinio do Departamento de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra.

A primeira das actividades de animación á lectura forma parte do programa LER CONTA MOITO e terá lugar o Venres 22 de setembro a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello; no que contaremos coa presencia do artista AL GUANELLA co seu espectáculo de "CONVERSAS CON TANA: acerca da igualdade de xénero” co que aproveitaremos para conmemorar o Día Internacional da PAZ que se celebra o día 21 de setembro desde o ano 1981 en que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas (ONU) promulgou este día como o Día Internacional da Paz, unha data dedicada a conmemorar os ideais de paz de cada pobo e cada nación, con especial énfase no desenvolvemento social e económico en diversas facetas: pobreza, fame, saúde, educación, cambio climático, igualdade de xénero, auga, saneamento, electricidade, medio ambiente e xustiza social. A celebración desta efeméride susténtase no artigo 3 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos "Todo individuo ten dereito á vida, á liberdade e á seguridade da súa persoa", sentando as bases para a liberdade, a xustiza e a paz no mundo.


A esta actividade están convidados para asistir a mesma o alumnado de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI; ademais de todo o público en xeral que se inscriba previamente na Biblioteca chamando ao teléfono 986 497 273 ata completar o aforo.

“CONVERSAS CON TANA: acerca da igualdade de xénero” é un espectáculo teatral, baseado na ventriloquía, que inclúe maxia, xogos de preguntas e respostas, cancións e a participación directa do público presente; onde un granxeiro e a súa cadeliña Tana, manteñen unha fluída e divertida conversa na que afloran diálogos delirantes como os que aparecen desde a presentación dos personaxes, ata desencadear na cuestión da igualdade de xénero.


Tamén neste mes de setembro o Concello, a través da Biblioteca Pública Municipal, vai a levar a cabo un novo programa de "OBRADOIROS DE CREACIÓN LITERARIA E CERTAME DE RELATO CURTO" no que poderá participar todo o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria residente no municipio que estivera ou estea cursando estudos de Infantil, Primaria ou Secundaria nos colexios públicos do municipio durante os cursos 2022/2023 e/ou 2023/2024; e tamén os usuarios dos Centros de Atención a Persoas con Diversidade Funcional que teñan a súa sede e actividade no municipio de Pazos de Borbén.

Os principais obxectivos deste programa son os de promover e dinamizar o uso da lingua galega no municipio, sobre todo entre a poboación infantil, a mocidade e as persoas con diversidade funcional; animando á creación literaria e á lectura a través da realización de diversos obradoiros de creación literaria e da convocatoria dunha nova edición dun certame literario en lingua galega; ademáis tamén se pretende promover e facilitar a plena integración na sociedade dos colectivos en risco de exclusión social e con diversidade funcional, a través do emprego da expresión artística e literaria en lingua galega.

Para iso convócase o "V CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN" no que haberá 7 categorías para participar:

    • Categoría A: Persoas con diversidade funcional
    • Categoría B: Alumnado de Educación Infantil
    • Categoría C: Alumnado de 1º e 2º de Primaria
    • Categoría D: Alumnado de 3º e 4º de Primaria
    • Categoría E: Alumnado de 5º e 6º de Primaria
    • Categoría F: Alumnado de 1º e 2º de ESO
    • Categoría G: Alumnado de 3º e 4º de ESO

O PRAZO DE PRESENTACIÓN dos relatos abrirase o día 2 de outubro de 2023 e rematará o día 15 de Novembro de 2023.

Para máis información sobre o "V CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN" podes descargar as BASES do certame facendo click AQUÍ.

Desde BIBLIOPAZOS animamos a todo o profesorado, aos pais, nais e demáis familiares do alumnado para que os estimulen a escribir e a participar neste nova convocatoria do certame que chega a súa 5º edición.


Ademáis para animar á escrita a todos os que queiran participar temos organizado varios "OBRADOIROS DE CREACIÓN LITERARIA".

O primeiro é o titulado "ESCRIBIR PARA CONTAR 2" e será impartido polo escritor, poeta, docente e contacontos MIGUEL ANXO ALONSO DIZ e nel participará todo o alumnado de Infantil e Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos; o alumnado de Educación Infantil da EEI "A Galeriña" de Nespereira; e os usuarios da Asociación ASPAVI.

Este obradoiro terá lugar nas instalacións escolares e da Asociación ASPAVI en 9 sesións de entre 50 e 90 minutos cada unha delas nos seguintes días e  horarios:

-Mércores, 20 de setembro:
· 11:45 a 12:35 - Infantil CPI Pazos
· 13:00 a 14:15 - 1º Primaria CPI Pazos
-Xoves, 21 de setembro:
· 09:45 a 11:00 - 2º de Primaria
Venres, 22 de setembro:
· 11:35 a 12:20 - Infantil EEI “A Galeriña”-Nespereira
Mércores, 27 de setembro:
· 13:00 a 14:30 - 4º de Primaria
Xoves, 28 de setembro
· 09:45 a 11:15 - 5º de Primaria
Venres, 29 de setembro:
· 11:30 a 13:00 - Asociación ASPAVI
 13:00 a 14:30 -  3º de Primaria
Mércores, 4 de outubro:
· 13:00 a 14:30 - 6º de Primaria

Dando continuidade aos obradoiros “ESCRIBIR PARA CONTAR” realizados no ano 2022, nesta nova edición dos obradoiros ensínase ao alumnado participante os procesos de creación. Camiñando pola palabra, tanto escrita como oral, a imaxe e mesmo a expresión teatral para dotar dunha visión o máis completa posible; sempre adaptándose ao nivel da rapazada participante e dando resposta ás necesidades de cada grupo e de cada persoa.

Nas actividades búscase fomentar a creatividade, o amor pola arte en xeral e pola nosa lingua.

Todas estas variables xogan un papel relevante no intre de pórse diante da folla en branco.

Ademais incorpóranse os ciclos de infantil e o colectivo de persoas con diversidade funcional feito co que se busca achegar a un colectivo de persoas máis amplo o labor desenvolto a través de obradoiros adaptados a cada idade e circunstancia.

Os obxectivos que se pretende conseguir son os seguintes:

  • Incentivar a creatividade e o valor da orixinalidade.
  • Estimular a creación de historias vencelladas co noso entorno, sementando neles o aprecio e valoración do propio, tanto na súa vertente material (patrimonio histórico), como inmaterial.
  • Asociar a escrita ao xogo, e non só a escrita, senón tamén o propio proceso de aprendizaxe.
  • Enlazar elementos escritos e de narración visual e conectar a escrita e a narración oral. Incentivar a transmisión oral de historias no seu entorno familiar.
  • Incentivar a lectura como motor da escrita. Iniciar no xogo de palabras.
  • Escribir como ferramenta de expresión dun mesmo.
  • Fomentar o uso da lingua galega.
  • O emprego da expresión artística galega como un elemento de expresión integradora na sociedade e de fomento do respecto á diversidade.

Os obradoiros están estruturados en cinco niveis:

- Primeiro nivel: Ciclo de Infantil 
· Escribir para contar.
· Narrar a través da imaxe.

- Segundo nivel: 1º e 2º de Primaria 
· O valente coello que quixo soñar.
· Unha intervención artística.
· Creación de personaxes.
· Pequenas historias. Debuxamos.

- Terceiro nivel: 3º e 4º de Primaria 
· Unha historia entre todos.
· Unha imaxe. Descubrir a historia agochada.
· O meu conto é o máis tolo.
· O relato máis curto do mundo.

- Cuarto nivel: 5º e 6º de Primaria 
· A historia encadeada.
· Mesmas palabras, diferentes contos.
· A miña avoa contaba...
· Escoitei un ruído que proviña de fóra...
· Contamos as nosas historias.

-Quinto nivel: Colectivos de persoas con diversidade funcional 
· Que queremos contar?
· Debuxo como ferramenta de narración.
· Recursos para contar unha historia.


O segundo obradoiro denominado "RELATO EXPRÉS-A PERSONAXE DA AULA" será impartido pola escritora, xornalista e docente ANDREA BARREIRA FREIJE para todo o alumnado de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos. Terá lugar tamén nas instalacións do colexio en catro sesións dunha duración de hora e media cada unha e se realizarán nas seguintes datas e horarios:

Xoves, 5 de outubro
10:20 a 11:50 - 1º ESO
12:20 a 13:50 - 4º ESO
Venres, 6 de outubro
10:20 a 11:50 - 2º ESO
12:20 a 13:50 - 3º ESO

Durante o Curso 2022-2023 aprendemos que para escribir un relato non só precisamos imaxinación e prestar atención ao que nos rodea, senón que tamén necesitamos coñecer o manexo dunhas ferramentas básicas: Quen conta a historia? O Narrador; Quenes marcan a accion? As personaxes; Onde e cando acontece todo? Espazo e tempo; Como estruturamos o relato? Tempo e trama...

“Relato-exprés” é un obradoiro de escrita que funciona como unha receita. A través de varios pasos, que van desde a inspiración á lectura, pasando pola escrita, descubriremos tanto o traballo que hai detrás dun texto como os elementos narrativos para poder conxugalo todo e así contar unha historia.

Pero hai máis... Moito máis detrás deses elementos. Unha vez que coñecemos os ingredientes elementais, chega o momento de descubrir distintas variantes, fórmulas, estratexias... Cantos personaxes hai? É o mesmo o protagonista que o secundario? Que é a personaxe confidente? E que pasa se comezamos polo final? E se todo se repite unha e outra? Podo contar eu a historia? Ou ten que ser alguén de fóra? E se a conto eu e outro?

Durante o curso 2022-2023 profundaremos na escrita da narrativa descubrindo novos narradores, personaxes, estruturas...

En “Relato-exprés” o inicio e o final é en equipo, pois sempre resulta interesante formular ideas diversas e escoitar o traballo do resto da aula desde unha perspectiva construtiva, buscando o mellor resultado. O proceso creativo será individual, para que cadaquén poida contar a historia que máis lle interese.

Público: Rapazada de 1º a 4º da ESO. Cada persoa escribirá un relato xogando con narradores e estruturas máis complexas das aprendidas ata o momento, o que lles permitirá experimentar coa narración.

1º ESO: Este curso ao ser o primeiro ano que recibe o obradoiro, descubrirá os elementos básicos para a construción dun relato: que é narrador, as personaxes, o espazo, o tempo e a trama máis básica.

2º, 3º e 4º ESO: Nestes cursos profundaremos nos distintos tipos de narradores, en como se relacionan as diversas personaxes e como podemos manexar o tempo do relato para variar a súa estrutura.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger