A VIAXE DE GAGARIN
Autor: Agustín Fernández Paz
Editorial: Edicións Xerais de Galicia, S.A
Ano de edición: 2014 
Xénero: Narrativa
Doce de abril de 1961: o cosmonauta Iuri Gagarin convértese no primeiro 
ser humano en viaxar ao espazo exterior. Comezaba a era espacial, e 
tamén unha década que traería grandes cambios. Cincuenta anos despois, 
Miguel Mendiguren, un home na fronteira dos sesenta anos, mentres vela 
os días derradeiros da súa nai nun cuarto de
 hospital, lembra a proeza do cosmonauta ruso.
Daquela el tiña dez anos e
 gañara un concurso escolar de redacción cun traballo sobre esa primeira
 viaxe espacial. A raíz diso, os outros nenos pasan a chamarlle Gagarin,
 un sobrenome que o acompañará durante toda a súa infancia e 
adolescencia.
Mentres se apaga a vida da nai, Miguel lembra os seus anos 
mozos, na Coruña da década dos sesenta. Os seus rexentan unha imprenta e
 unha libraría de barrio, aparentan ser unha familia coma as outras. 
Mais esconden perigosos segredos que Miguel irá desvelando a medida que 
se abre á complexidade da vida.
Unha vida na España desa época, coa 
ditadura de Franco e a represión das liberdades máis básicas, coa ameaza
 permanente da Brigada Político Social, a policía secreta do Réxime. E 
tamén coa oposición clandestina, barreira imprescindible contra a 
barbarie.
Naquel tempo de mocidade, Miguel tamén experimenta a 
revolución interior que supón namorarse. O arrebato da paixón e a dor da 
ausencia, nunha relación marcada polas diferenzas de clase.
Emocionante 
historia de amor, engaiolante novela de formación e da memoria, "A viaxe 
de Gagarin" confirma a Agustín Fernández Paz como mestre da narrativa do 
noso tempo.
ISBN: 978-84-9914-668-3
Encadernación: Tapa branda
Formato: 22 x 15 cm
Nº de páxinas: 278
 
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.