Viaxes dun can de palleiro
Pere Tobaruela
Col. Xuvenil Ed. Sotelo Blanco. Santiago de Compostela, 2009
Col. Xuvenil Ed. Sotelo Blanco. Santiago de Compostela, 2009
A partir de 12 anos
Conta un can de palleiro, un can de aldea, coma quen di un  ninguén, que os gregos apropiáronse d´A Odisea, pero a verdade é que o seu amo,  Ulises, nunca viviu en Ítaca: naceu, medrou, e casou con Penélope no Xobre,  unha vila da ría de Arousa. Era un barbanzán. Disponse a contar, pois, a  versión auténtica d´A Odisea, aínda que ás veces lle falle a memoria. Comeza  así a narración das aventuras de Ulises, nunha lectura en clave lúdica de  diferentes pasaxes da obra clásica.
  
  
Na primeira parte conta a viaxe de Telémaco para saber do  pai. Así, na asemblea dos deuses no Courel, presidida por Zeus, suplicoulles  que lle perdoasen ao seu amo, que levaba sete anos retido pola ninfa Calipso. A  deusa Atenea, baixo a forma do mariñeiro Héctor de Fisterra, puxo a Telémaco  sobre a pista do pai: un comerciante de cabalos de Fisterra embarcara con el e  outros cinco comerciantes cara á remota Eirín en busca de posibles compradores  de acibeche. Só volveran el e Menelao de Ribadeo, casado coa fermosa Helena de  Troia, que lle di que os deuses puxéronlles unha brétema espesa fixo que el  fose parar a Exipto. E conta que segundo Proteo, que ve a través das  profundidades do mar, Ulises está nunha das illas Sías, vertendo bágoas, no  pazo da ninfa Calipso.
  
  
Na segunda parte narra as aventuras de Ulises, das que el  foi testemuña. Regresaban de Eirín con doce barcos cheos de ouro, cando  apareceu a brétema que mandara Posidón e sen GPS chegaron á illa dos lotos,  onde tres mariñeiros tolearon por comelos. Noutra illa, o cíclope Polifemo  pechounos na súa cova por lle comeren os queixos, e cada noite el ía comer  mariñeiros. Disfrazado cunha túnica con capucha, Ulises díxolle que era  Ninguén, cravoulle unha estaca no ollo e liscaron atados na barriga dos años.  En vinganza, o cíclope pediulle a Posidón que Ulises pasase moitas penalidades  ante de retornar. En Eolia, o deus dos ventos, Eolo, regaloulle a Ulises unha  bolsa con todos os ventos, que os mariñeiros abriron, escapando todos os ventos  en medio dunha tempestade enorme. Na illa de Lamos, os lestrigóns, xigantes  antropófagos, devoraron as tripulacións das outras once embarcacións. Na illa  de Ea, a feiticeira Circe, filla de Helios, o deus do Sol, converteu a  mariñeiros en porcos: mais o superdeus Hermes deulle unha herba a Ulises que o  fixo inmune e ameazou a Circe (quen tamén se apaixonou por el), que restituíu  os mariñeiros ao seu ser. Navegaron onda a illa das sereas, librando do seu  poder de atracción grazas a que os mariñeiros tiñan tapóns nas orellas e  Ulises, amarrado ao mastro, berráballes aos remeiros que parasen pero como non  o oían... Pasaron o estreito entre a perigosa rocha de Escila e o remuíño de  Caribdis convencendo Ulises aos mariñeiros de que bogasen sen reparar nos homes  que agarraron os monstros. En Trinacia, algúns mariñeiros comeron unhas cantas  vacas, malia a advertencia do profeta Tiresias. Entón Helios queixouse a Zeus,  que botou un raio devastador que fixo arder a embarcación, os homes botáronse á  auga e só quedaron con vida o amo e o can. Coa axuda de Atenea apareceron nas  Sías, as illas da ninfa Calipso, que tamén se namorou del e retívoo alí case un  lustro e medio que ao amo lle pareceron días. Só cando el puido ir ao Courel  grazas a Cerne, o deus celta dos animais, a pedirlles aos deuses que lle  ordenaran a Calipso que deixase partir a Ulises, saíron nunha balsa. E cando  Posidón mandou unha treboada, en vinganza polo de Polifemo, salvouno a  ninfa-deusa Leucotea, tamén namorada del, que lle deu un veo máxico co que  aínda que se afundiu na auga non afogou. Despois de dous días aboiando no mar  chegaron a unha praia de Baiona, onde tamén se namorou del a princesa de  Nausica. Alí, a raíña Arte e o rei Alcínoo cedéronlle a nave que o levou á  casa.
  
  
Na terceira parte relata o regreso ao Xobre: disfrazado de  mendigo, Ulises durmiu no cortello, porque o porqueiro o recoñeceu, avisando a  Telémaco; nela sufriu un pequeno e porco incidente. O can Argos morreu da  emoción ao recoñecelo co olfacto. Penélope, que tecía de día e destecía polas  noites un sudario para o sogro Laertes, anunciara que casaría con quen tensase  o arco de Ulises. Só el foi quen de conseguilo, e Pe convenceuse de que era o  seu home cando lle dixo que a cama non se podía mover porque un dos piares era  unha cepa de oliveira que plantara el coas súas mans. E, por fin, déronse  moitos abrazos. Mesmo o pai, Laertes, púxose moi contento.
126 páx.
13 x 20 cm.
ISBN 978-84-7824-573-4
Fonte: BLIX


 
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.