NOTA INFORMATIVA

YA HEMOS SUBSANADO EL PROBLEMA DE LA LÍNEA TELEFÓNICA. VOLVEMOS A ESTAR A SU DISPOSICIÓN EN NUESTRO TELÉFONO: 𝟵𝟴𝟲 𝟰𝟵𝟳 𝟮𝟳𝟯. FELIZ 𝙋𝙐𝙀𝙉𝙏𝙀 𝘿𝙀𝙇 𝙋𝙄𝙇𝘼𝙍 A TOD@S.
𝗡𝗢𝗧𝗔 𝗜𝗡𝗙𝗢𝗥𝗠𝗔𝗧𝗜𝗩𝗔̲ Desde ayer, Martes 06/10/26, tenemos una avería en el teléfono de la Biblioteca. Si necesitan ponerse en contacto con nosotros, pueden hacerlo a través de nuestro correo electrónico 𝙗𝙞𝙗𝙡𝙞𝙤𝙩𝙚𝙘𝙖@𝙥𝙖𝙯𝙤𝙨𝙙𝙚𝙗𝙤𝙧𝙗𝙚𝙣.𝙜𝙖𝙡, o acercarse hasta la Biblioteca y les atenderemos personalmente. Recordarles que nuestro horario es: 𝗟𝘂𝗻𝗲𝘀, 𝗠𝗶𝗲́𝗿𝗰𝗼𝗹𝗲𝘀 𝘆 𝗩𝗶𝗲𝗿𝗻𝗲𝘀 𝗱𝗲 𝟭𝟬:𝟬𝟬 𝗮 𝟭𝟰:𝟬𝟬. 𝗠𝗮𝗿𝘁𝗲𝘀 𝘆 𝗝𝘂𝗲𝘃𝗲𝘀 𝗱𝗲 𝟭𝟲:𝟬𝟬 𝗮 𝟮𝟬:𝟬𝟬. En cuanto el problema de la línea esté solucionado, les avisaremos. Disculpen las molestias.

venres, 18 de outubro de 2019

A ESTRADA DA VIDA


A ESTRADA DA VIDA
Autores: Manoele de Felisa e Xosé Luna
Edita: Arteson Producións

Xénero: Literatura Galega - Poesía - Música - Libro CD


Coñecer, transmitir e amar, tres verbas nun remuiño centrípeto en magnánima inspiración, que se mecen harmoniosas no vizoso berce poético de Xosé Luna.

Un barrelo que navega na ondada oceánica, abalando e devalando acada a nosa terriña para bambear, mentre maxina ás para dende o aire compartir. Desexando acougar preto da Lúa e ollar o firmamento na procura dun ronsel de amoríos.

Soñado pentagrama poético impregnado de profunda e intensa admiración pola vida e a nai natura, suxestivas composicións para ser musicadas e interpretadas baixo o coruscar de fuxidíos luceiros do amencer.

Manoele de Felisa e Xosé Luna logran neste traballo conxunto unha inseparable dualidade, forman o binomio ideal do que gurgulla unha insaciable fontela de acordes excelsos e universais con mérito de ondas.

A voz de Manoele acada o máis íntimo, agarimosa emerxe enraizada na mesma terra, nas cousiñas sinxelas e cotiás. O resultado é unha acompasada sonoridade que consegue mergullarnos nunha entropía de sensacións no Aquén. mentres entre brancas sabas feiticeiras nos leva ata o Alén.

Estamos ante unha obra de dous grandes, Manoele de Felisa e Xosé Luna, unha alfaia rítmica, para escoitar e gozar dunha fantasía que consegue unha auréola de soños e realidades estimulantes de ilusións que visualizan un pórtico de felicidade. Sons profundos de poemas interpretados pola voz única e sofisticada que repenica identidade ennobrecendo a orixinalidade dun poetizar arraigado á vida.

Vitalidade na intensidade e na fermosura das letras de cada un dos poemas, suxestivos brincan e gozan inmersos na interpretación; luzada, ronsel, belida, pereiriños, pandeirada, fuxidíos, oasis, amorodo, música, amor, aperta, terra...

Que acolle no seu doce murmurio o trazo lene e onírico de Amalia López Brea, percorrendo imaxe a imaxe unha estrada de traballo e ilusión para moldear ese camiño que nos traslade dende a diminuta loaira ata o resplandor do intenso estralampo.

Dende o absorbente encanto da noite estrelada e as efémeras pombiñas de escuma acuosa que foxen dunha pétrea furna, conquistando esmorecer no ar na procura da luarada. Parabéns mergullados na intensa luminosidade do Ilicinio por tan exquisita obra a Xosé, Manoele e Amalia, así como a todos os que dalgunha forma colaboraron.

ISBN: 978-84-16456-77-2
Nº de páxinas: 55
Encadernación: Tapa dura
Formato: 17,5 x 24,5 cm






"QUE TRABALLO TAN CURIOSO!!!. Seredes quen de adiviñalo?"


A programación de actividades de animación á lectura continúa o Venres 25 de outubro ás 13:00 horas no Auditorio do Concello no que terá lugar a obra de teatro “QUE TRABALLO TAN CURIOSO!. Seredes quen de adiviñalo?” con guión e idea orixinal de Luisa Martínez Lorenzo da Unidade de Cultura Científica do CSIC Galicia e que conta co asesoramento científico de Marta López Cabo do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC.

O espectáculo duns 45 minutos de duración aproximadamente vai dirixido a público familiar e escolar e o seu obxectivo principal é ofrecer unha actividade diferente, con contidos científicos rigurosos, entretidos e adaptados ao público co que se pretende dar visibilidade ás mulleres na ciencia; achegar a microbioloxía ao público; transmitir hábitos de hixiene saudables; xerar actitudes positivas hacia a investigación; e poñer en valor o traballo do persoal científico.

Está previsto que asistan a este espectáculo os alumnos de 3º a 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI.

Esta actividade enmárcase no programa de divulgación científica en galego do proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

ENTRADA DE BALDE ATA COMPLETAR O AFORO

OBRIGATORIA A INSCRICIÓN PREVIA
NO TELÉFONO 986 497 273

VEN A BIBLIOPAZOS E PARTICIPA DAS ACTIVIDADES!!!

xoves, 17 de outubro de 2019

ENCONTRO CON AUTORES "XAVIER ESTÉVEZ FERREIRO" - "AVIÓNS DE PAPEL"


O mércores 23 de outubro ás 13:00 horas e na Sala de Lectura contaremos cunha nova actividade do programa “Encontros con autores” coa presenza de XAVIER ESTÉVEZ FERREIRO, autor do libro “AVIÓNS DE PAPEL”, finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil no ano 2016, e do que falará cos alumnos de 6º de primaria.

A obra trata da amizade, do bullyng, da autosuperación, da arte e da cohesión social dos barrios das cidades.

Un novo encontro literario co que pretendemos analizar as obras dos autores e fomentar o hábito da lectura entre os mais mozos.

Grazas a Xavier Estévez polas facilidades que nos deu para poder realizar esta actividade.

VEN A BIBLIOPAZOS E PARTICIPA DAS ACTIVIDADES!!!

martes, 15 de outubro de 2019

ENCONTRO CON AUTORES "IAGO LÓPEZ SANTOS" E "O COCIÑEIRO MARTIÑO"


A seguinte actividade deste programa de “Encontros con autores” traerá á Biblioteca de Pazos de Borbén ao escritor, mestre de educación infantil e contacontos IAGO LOPEZ SANTOS que nos virá a ofrecer o seu contacontos infantil “O COCIÑEIRO MARTIÑO” baseado nesta obra da súa autoría, e unha conversa co alumnado onde se lles explicará a creación dun álbum ilustrado.

Nesta actividade participarán os alumnos de 1º e 2º de primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e terá lugar o Luns 21 de outubro ás 13:00 horas na Sala de Lectura de BiblioPazos. Durante a actividade haberá moitas preguntas e o sorteo dalgún exemplar do libro.

Esta actividade enmárcase no programa de encontros con autores do proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

VEN A BIBLIOPAZOS E PARTICIPA DAS ACTIVIDADES!!!

xoves, 10 de outubro de 2019

O BAÚL DE DOMINGOS QUINTAS


O BAÚL DE DOMINGOS QUINTAS
Autor: Xoán Babarro
Ilustradora: Estefanía Padullés
Edita: Hércules de Ediciones
Colección: Novas lecturas de Hércules

Xénero: Literatura Infantil en Galego - Poesía

Idade recomendada: +9 anos

"Afíxenme a ver aquel cofre antigo abandonado nun lugar inaccesible e empecei a enchelo cos soños do meu bisavó. 

Imaxinábaos flotando coma bolboretas sobre minúsculas nubes. Que podería ocorrer se erguésemos a tapa? Escaparían os soños voando? Así, cando chegou o momento decisivo de abrilo, sorprendeume ver no seu interior inha morea de poemas escritos sobre cortizas de bido.

Serían realmente os soños do bisabó encantados en forma de versos?

Grazas a eles puiden descubrir o recuncho reservado para as miñas ilusións".

Le este libro e intenta encontrar o lugar ideal para as túas.

ISBN: 978-84-947023-8-9
Nº de páxinas: 80
Encadernación: Tapa dura
Formato:14,5 x 21 cm.

mércores, 9 de outubro de 2019

ENCONTRO CON AUTORES "MARIA CANOSA BLANCO" - "O LIBRO DOS MEDOS"


O mércores 16 de outubro na Sala de Lectura ás 13:00 horas, iniciamos o programa de “Encontros con autores”, consistente en reuniones literarias con diversos autores galegos para entrevistalos, traballar e comentar algunhas das súas obras literarias que, previamente os participantes -alumnos de Primaria e/ou ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos- terán traballado nas aulas.

Neste primeiro encontro contaremos coa presenza da escritora MARÍA CANOSA BLANCO. Profesionalmente é enxeñeira de Camiños, Canais e Portos, sendo escritora de corazón. Coñecida pola súa participación como xurado nos programas “Cifras e letras”, “Verbas van” e “Como un Allo” da TVG e tamén como autora de literatura infantil e xuvenil. É guionista de varios programas da TVG, articulista de “La Voz de Galicia” e ten participado tamén en varios programas radiofónicos de Radio Galega e Radio Voz. Ten recibidos varios premios literarios, entre eles o Premio Merlín de Literatura Infantil de 2017 pola súa obra “Muriel”.

Nesta ocasión María Canosa estará acompañada dos alumnos de 3º e 4º de primaria e o encontro versará sobre a súa obra “O LIBRO DOS MEDOS” que recibiu unha mención no VII premio Arume de poesía para nenos no ano 2013 e que profunda nos medos "que non o son", os medos que ameazan o soño da infancia e que a autora vai desmontando con intelixencia e rimas fáciles capaces de converter o pesadelo infantil máis terrorífica nun feliz soño.

Esta actividade enmárcase no programa de encontros con autores do proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

VEN A BIBLIOPAZOS E PARTICIPA DAS ACTIVIDADES!!!

martes, 8 de outubro de 2019

OBRADOIRO DE DIVULGACIÓN CIENTÍFICA “BE WATER”


Seguimos o Luns 14 de outubro con outra das actividades enmarcadas na programación de LER CONTA MOITO. 

Nesta ocasión teremos con nós no Auditorio do Concello ás 13:00 horas a VICENTE MOHEDANO do Colectivo m=!!! - Peripeciencia co seu espectáculo de divulgación científica “BE WATER”.

Be Water é un dos minishows Xperimenta. Un obradoiro de divulgación con alta dose de show didáctico e plena participación do público. Un obradoiro espectacular con apoio audiovisual e experiencias in situ.

Be Water. Hidrólise, vasos comunicantes, osmose inversa, células de combustible... todo combinado con dramatizacións coa participación do público para recrear con humor os conceptos máis arriscados.

Contemplando a Terra desde a Estación Especial Internacional (EEI) descobres que todo o que viviches, todo o que somos... foi aí, nesa humilde esfera húmida enfeitada de mares e nubes. É precisamente esa humidade o que a fai especial: é a auga brincando a ser mar, a ser río, a ser nube, a que consente o desenvolvemento da vida. Na EEI a auga é un ben precioso. Na Terra tamén.

Nesta actividade está prevista a participación dos alumnos de 3º a 6º de Primaria e o usuarios da Asociación ASPAVI.

VEN A BIBLIOPAZOS E PARTICIPA DAS ACTIVIDADES!!!

luns, 7 de outubro de 2019

NON HAI LUZ SEN ESCURIDADE


NON HAI LUZ SEN ESCURIDADE
Autora: Andrea Barreira Freije
Ilustrador: José Ángel Ares
Urco Editora

Xénero: Literatura Infantil Galega - Narrativa

Idade recomendada: + 11 anos

No mundo de Lea só hai escuridade e frío, non hai lugar para a luz ou a calor. Para unha feiticeira das tebras non hai outra opción, e menos cando se é filla dos Señores da Noite. Para desenvolver ao máximo os seus poderes, terá que ir na procura dun dragón a quen debe domar.

Acompañada dun corvo teimudo e unha loba que é a súa sombra, internarase nun camiño cheo de claroscuros no que atopará o que máis teme: a si mesma.

ISBN: 978-84-15699-68-2
Nº de páxinas: 189
Encadernación: Tapa branda
Formato: 13 x 19,5 cm


sábado, 5 de outubro de 2019

PALABRA DE BRUXA


PALABRA DE BRUXA
Autora: Andrea Barreira Freije
Editorial Galaxia
Colección Costa Oeste

Xénero: Literatura Xuvenil en Galego - Narrativa

As portas do muíño das Xanas sempre estiveron abertas para os habitantes de Queixumes. Xeración tras xeración prestáronlles axuda cada vez que eran requiridas. Todas as súas peticións foron cumpridas, sempre a cambio de algo. Porén, a chegada de Pío Salazar á vila vai mudalo todo.

Berenice, a última muller da casa das Xanas, vai ser xulgada. Xúlgase o seu xeito de vida, o seu ser. Xúlgana a ela e ás mulleres que a precederon. A ela e ás mulleres que comparten a súa forma de entender e estar no mundo.

Esta é a historia de Berenice, pero tamén de Xoana, de Morgana, de Marga, de Catalina, de Quiteria... das mulleres que non renunciaron á voz propia. Elas toman a palabra con forza e sentímola poderosa no aquelarre, no fogar, na rúa, nos espazos onde as sitúa a vida. E canda elas as persoas que as acusan, que as sinalan, que as xulgan e as condenan sen escoitalas, que exercen o seu poder. E á súa vez aquelas coas que comparten o seu amor.

A través destas páxinas saberás o que contan as bruxas e a súa verdade.

ISBN: 978-84-9151-181-6
Nº de páxinas: 164
Encadernación: Tapa branda
Formato: 14 x 21 cm.

venres, 4 de outubro de 2019

OBRADOIRO "POR QUÉ ESCRIBIR UN RELATO CURTO?"


O luns 7 de outubro terá lugar na Sala de Lectura o OBRADOIRO "POR QUÉ ESCRIBIR UN RELATO CURTO?" que impartirá a escritora lucense ROCÍO LÓPEZ NÚÑEZ en tres sesións e no que participarán os alumnos de 2º, 3º e 4º de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.

O obxectivo deste obradoiro é ofrecer ferramentas aos participantes para que sexan capaces de construír un relato curto con temática libre; fomentar a creatividade, o uso da imaxinación e o emprego da motivación; xerar múltiples ideas aplicando un esbozo sobre as técnicas narrativas para a creación do argumento, personaxes, escenas, diálogos e descripcións. Cada alumno leva unha historia dentro, real ou ficticia, que merece ser contada. 

Esta actividade enmárcase no programa de obradoiros e concursos de creación literaria do proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

VEN A BIBLIOPAZOS E PARTICIPA DAS ACTIVIDADES!!!

xoves, 3 de outubro de 2019

CARA Ó FARO


CARA Ó FARO
Autor: Virginia Woolf
Edita: Sotelo Blanco Edicións, S.L

Xénero: Literatura Galega - Narrativa

<<O que Virginia Woolf logra en Cara ó Faro sempre se tentou en obras desta clase, aínda que non sempre coa mesma comprensión interna e a mesma mestría: deterse nun suceso calquera, aproveitalo non a prol dunha ensemblaxe sistemática de accións, senón en si mesmo, procedemento polo que fixo visible algo totalmente novo e elemental: a plenitude real e a profundidade vital dun momento calquera, ó que se abandona indeliberadamente.>>
-Erich Auerbach, Mimesis-

<<Cara ó Faro pódese ler como unha metáfora das relacións entre os sexos. Excluídas dos xogos do poder, as mulleres están preparadas para participar nos mesmos por intermedio dos homes que as posúen: a socialización diferencial prepara os homes para ama-los xogos de poder, e as mulleres para ama-los homes que participan neles.>>
-Pierre Bourdieu, Le Grand Rôle-

ISBN: 84-7824-140-X
Nº de páxinas: 269
Encadernación: Tapa branda
Formato: 21 x 14 cm


martes, 1 de outubro de 2019

OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN "CÓMO SE FAI UN ÁLBUM ILUSTRADO?"


Continuamos coas actividades o día 4 de outubro (Venres) co OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN "CÓMO SE FAI UN ÁLBUM ILUSTRADO?" que impartirá a ilustradora ESTEFANÍA PADULLÉS e que terá lugar na Sala de Lectura en dúas sesións.

A primeira será a partir das 11:00 horas cos alumnos de 1º de primaria; e a segunda a partir das 13:00 horas cos alumnos de 2º de primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.

Neste obradoiro os participantes aprenderán a facer as súas propias historias e a convertilas nun álbum ilustrado. Farán os seus protagonistas e as súas aventuras, debuxando as páxinas e a portada ata convertir a súa idea nun libro.

Esta actividade forma parte da programación de LER CONTA MOITO, un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Dirección Xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración coas entidades locais.

VEN A BIBLIOPAZOS E PARTICIPA DAS ACTIVIDADES!

AFIRMA PEREIRA

AFIRMA PEREIRA
Autor: Antonio Tabucchi
Edita: Editorial Galaxia

Xénero: Literatura Galega - Narrativa

A peripecia tráxica dun modesto periodista na Lisboa fascista de 1938. Un home común, un antihéroe que afronta a irrupción da historia e das suas esixencias na súa vida tranquila, apaciblemente gris. Afirma Pereira ten sido definida como unha gran novela civil e como unha obra destinadas a perdurar no tempo. E tamén, exemplarmente, na memoria dos lectores.

ISBN: 84-8288-313-5
Nº de páxinas: 188
Encadernación: Tapa branda
Formato: 20 x 13 cm




domingo, 29 de setembro de 2019

OBRADOIRO DE CREACIÓN LITERARIA "CÓMO ESCRIBIR UN RELATO EN 10 PASOS"


Seguimos coas actividades de animación á lectura do mes de outubro e, nesta ocasión, levaremos a cabo o OBRADOIRO DE CREACIÓN LITERARIA "CÓMO ESCRIBIR UN RELATO EN 10 PASOS” que impartirá a escritora lucense  ANDREA BARREIRA FREIJE e no que participarán os alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.

Terá lugar os días 1 e 2 de outubro na Sala de Lectura da biblioteca.

Cada grupo terá unha sesión cunha duración de hora e media neste obradoiro de escrita que funciona como unha receita.

A través dos pasos que se lles irán ensinando, os participantes descubrirán tanto o traballo que hai detrás dun texto como os elementos narrativos e como conxugalo todo. Partindo dun xogo de azar no que os elementos van saíindo de botes de vidro que nos empurran a crear unha ou outra historia.

O obxectivo final é que os participantes adquiran a ferramentas necesarias para escribir un relato.

Esta actividade enmárcase no programa de obradoiros e concursos de creación literaria do proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

Mais información no teléfono 986 497 273.

VINDE A BIBLIOPAZOS E PARTICIPAR DAS SÚAS ACTIVIDADES!


II CERTAME DE RELATO CURTO DO CONCELLO DE PAZOS DE BORBÉN


O Concello de Pazos de Borbén a través da Biblioteca Pública Municipal BIBLIOPAZOS convoca o II CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBEN co obxectivo de fomentar a creatividade entre os escolares do municipio, potenciar a expresión e a comprensión escrita, estimular o uso da lingua galega, fomentar a escrita na nosa lingua entre os mais mozos -particularmente no ámbito da narrativa/relato breve- e facilitarlles unha motivación para facelo como é a de participar neste certame.

Poderán participar os alumnos e alumnas residentes no Concello de Pazos de Borbén que estean cursando estudos de Educación Primaria e/ou Secundaria nos colexios do municipio (1º a 6º de primaria e de 1º a 4º de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos).

O prazo para presentar os relatos será entre os días 1 de outubro e o 15 de novembro de 2019, ambolos dous inclusive.

Os participantes poderán presentar un único relato escrito en lingua galega dentro do prazo sinalado que deberán entregar na Biblioteca do concello no seguinte enderezo:

Concello de Pazos de Borbén
Biblioteca Pública Municipal
Pazos, nº 1
36841 Pazos de Borbén (Pontevedra)

Haberá como na primeira edición 5 categorías nas que participar: 
A - 1º e 2º de primaria. B - 3º e 4º de primaria. C - 5º e 6º de primaria. D - 1º e 2º de ESO. E - 3º e 4º de ESO. 
Haberá dous premios por categoría:

1º Premio: 1 libro electrónico + 1 lote de libros.
2º Premio: 1 lote de libros.

Además o xurado poderá conceder accésits ou mencións a aqueles traballos que considere que reénen calidade para elo.

Desde a biblioteca animamos a todo o profesorado do centro e tamén aos pais, nais e demais familiares dos alumnos para que os estimulen a escribir e a participar nesta nova edición na que esperamos superar a participación do ano pasado.

Podedes descargar as bases e a ficha de inscrición nos seguintes enlaces:
Mais Información en https://bibliopazos.blogspot.com ou no teléfono 986 497 273.

Este certame está patrocinado polo Concello de Pazos de Borbén, a Deputación Provincial de Pontevedra e a Fundación Filomena Rivero Alonso de Redondela.

CALZADOS LOLA


CALZADOS LOLA
Autor: Suso de Toro
Edita: Edicións Xerais de Galicia

Xénero: Literatura Galega - Narrativa.

"... Todo aquilo ocorreu pouco despois de volver a empezar eu a oír ruidos de mar, penso que empezaran de novo había xa dous días. Os ruidos sentíraos desde neno por tempadas, miña nai levárame ao médico, fixéranme radiografías e todo iso, mais nunca me viran nada, que eran cousas que desaparecían ao medrar dixéranos o último que me mirou. Por entón había xa un par de anos polo menos que non os sentía, desde que volvera da mili. como se en cambiando de lugar e de vida desaparecesen para sempre..." 

Manuel decidiu deixalo todo e fuxir para Madrid. afortunadamente, lonxe do tedio, do pobo, dos secretos e da familia. Pero con él lévase tamén unha ausencia, un vacío que no é capaz de identificar. E que buscara a cegas para porlle nome a sua propia identidade.

ISBN:84-8302-176-5
Nº de páxinas: 329
Encadernación: Tapa branda
Formato: 21 x 13 cm

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger