venres, 10 de maio de 2019

ANTONIO FRAGUAS FRAGUAS - DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2019

Este próximo día 17 de maio, como en anos anteriores dende 1963, celébrase o DÍA DAS LETRAS GALEGAS de 2019.

Esta conmemoración celébrase dende que o 20 de marzo de 1963 os tres membros da Real Academia Galega -Manuel Gómez román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego- presentaran nesta institución unha proposta histórica: que se declarase ese día de cada ano "DIA DAS LETRAS GALEGAS" como data para "recolle-lo latexo material da actividade intelectual galega", cada ano, nesa data, Galicia honra as súas Letras e a súa Lingua.

No ano 1963 celebrábase o centenario da publicación do libro "CANTARES GALLEGOS" de Rosalía de Castro, pero ignorábase a data da súa publicación por iso propúxose o día 17 de maio, por ser nese día cando Rosalía de Castro lle dedicou o seu libro ao tamén poeta Fernán Caballero.

Foi instituída como festa anual do Día das Letras Galegas o 17 de maio. Escolleuse esta data porque "CANTARES GALLEGOS" foi o primeiro libro galego que tivo unha significación universal.

Para saber máis sobre o DÍA DAS LETRAS GALEGAS, preme AQUÍ:

Neste ano 2019 o autor homenaxeado é


Escritor, historiador, antropólogo e etnógrafo, director do Museo do Pobo Galego, integrante do Seminario de Estudos Galegos, Cronista Xeral de Galicia, ANTONIO FRAGUAS naceu no lugar de Insuela, na parroquia de Loureiro do concello pontevedrés de Cotobade, un 28 de decembro de 1905. Era fillo de Teresa e de Manuel, canteiro emigrante no Brasil.

Aos 13 anos matriculouse, para facer o bacharelato, no Instituto Xeral e Técnico de Pontevedra. Neste instituto coñecerá a Castelao, Sobrino e Losada Diéguez e fundará, cos seus compañeiros de estudos, a Sociedade da Lingua.

Ao rematar o bacharelato trasladouse a Santiago a estudar Filosofía e Letras e nesta cidade, en 1923, entrará a formar parte do Seminario de Estudos Galegos.

Presentouse como candidato á Alcaldía do concello pontevedrés da Estrada e, en 1936, fixo campaña a prol do Estatuto de Autonomía. Foi separado da docencia por mor das súas ideas galeguistas. Despois da guerra civil os militares clausuran o Seminario de Estudos Galegos e requisan todo o seu material. Antonio seguirá investigando e escribindo, pola súa conta, sobre a cultura e as tradicións galegas. Sete anos despois da guerra civil española creouse o Instituto de Estudos Galegos "Padre Sarmiento" no que Antonio pide o ingreso. Nesta sociedade continúa investigando e chagará a ser o seu secretario.

En 1951 ingresou na Real Academia Galega, ocupando o posto que deixara vacante Alfonso D. Rodríguez Castelao ao morrer un ano antes. O seu discurso de ingreso foi contestado por Ramón Otero Pedrayo.

En Santiago traballou como profesor no Instituto "Rosalía de Castro". Nesta época foi nomeado director do Museo Municipal de Santiago que despois se convertería no Museo do Pobo Galego, do que tamén sería director.

En 1992 foi nomeado polo Consello da Xunta "Cronista Xeral de Galicia". Dous anos despois cedeu a súa biblioteca particular, composta por máis de 20.000 volumes, ao Museo do Pobo Galego.

Finou en 1999, con case 94 anos, e descansa no cemiterio de Boisaca (Santiago de Compostela).

Para saber máis sobre ANTONIO FRAGUAS FRAGUAS, fai clic AQUÍ.



  • Galicia Máxica.
  • Carnaval e outras festas.
  • Do entroido.
  • El traje gallego.
  • Aportacións ó cancioneiro de Cotobade.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger