martes, 1 de outubro de 2013

En marcha unha rede social na que os membros publican unha imaxe cada día da súa vida cotiá


Baseado no coñecemento xerado por César Kuriyama (unha bagaxe de experiencias arredor do rexistro en vídeo dun anaco miúdo do tempo de cada día da súa vida: un segundo), vén de pórse en marcha un proxecto innovador destinado a estender o acadado por César (esa documentación e presentación en mínimos formatos de en que consiste a nosa existencia) ao común dos internautas. O proxecto chámase picyourday.com e vén da man de Ignacio Pérez, que decidiu polo en marcha logo de darse de fociños cun vídeo no que César daba conta da súa proposta. Picyourday.com achega a posibilidade de subirmos unha imaxe dos noso quefacer cotián á Rede para logo compartila cos nosos contactos. Coma unha mestura de Flickr (polo que ten de álbum de fotos colectivo) e Twitter (polo que ten de procurar a esencia das mensaxes, deixándoas no mínimo indispensábel, neste caso unha foto).

A iniciativa, ademais, ten un compoñente de proximidade que cómpre ter en conta. Non se trata de retratar unha vez tras outra o mesmo monumento, xa de abondo retratado, senón de achegar xanelas ao xeralmente nunca visto polos demais, a vida sinxela de cada quen. Estamos polo tanto ante unha rede social, con todas as da lei, pero con certos matices que a fan moi singular. Por exemplo: só se nos vai permitir publicar unha imaxe por xornada. A rede, que se presenta en castelán e inglés, diferénciase doutras iniciativas do seu estilo, a maiores, por ser unha rede plural e diversa (aquí quérese que haxa homes e mulleres de tódolos países e culturas compartindo os intres que máis os definen).
Fonte:  Código cero


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger