Informámosvos da próxima actividade incluida no programa de animación á lectura e dinamización da Lingua Galega da Biblioteca Pública Municipal; unha actividade financiada polo Concello de Pazos de Borbén e pola Deputación Provincial de Pontevedra a través do programa +ÉSCÉNICAS de apoio á programación de artes escénicas en galego nos concellos da provincia de Pontevedra.
TARABELA CREATIVA SC ofrecerános o seu espectáculo "BOA SORTE, MALA FAMA" o Sábado 18 de Outubro a partir das 19:00 horas na CASA DA CULTURA DE NESPEREIRA con entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo do local.
Sempre se soubo, claro está, que as anduriñas son aves de bo agoiro, que alí onde aniñan traen fortuna, que anuncian a primavera e que os mariñeiros as tatuaban na pel por cada travesía da que lograban retornar. Pouco se fala, en cambio, do molestas que se lle fan a moita xente co seu canto agudo e de que enchen todo de excrementos. Por iso estas aves dan boa sorte, pero teñen mala fama. Ningún outro animal se parece tanto aos emigrantes galegos: estamos en cada continente, vivimos facendo colonias, temos na cabeza o camiño de volta a casa e marchamos por necesidade. E, igual que as anduriñas, gañamos mala fama, aló onde fomos buscar a nosa boa sorte.
Este espectáculo nace da necesidade de contar, precisamente, aquelo do que pouco se fala.
Trátase dunha traxicomedia en tres actos: Acto primeiro, os tratos; acto segundo, os maltratos e acto terceiro, os retratos. Nos que facendo unha cartografía e un percorrido a través de diferentes épocas e persoas se contará a historia máis “incómoda” da nosa emigración.
Empregando para isto tres disciplinas: a narración oral (que será o fío condutor), a música ao vivo (que fará que o público se ubique naquelas outras realidades e sensacións que atravesamos) e na interpretación actoral (coa que se poñerá corpo ás palabras e coa que se traballará na metáfora do espello e do reflexo como leit motiv.) Tres mulleres en escena para representar cada unha dende a súa disciplina o rostro menos institucional da emigración galega.
Tarabela Creativa |
| Carmen Conde - Diego Gallego |
é unha compañía asentada en Lugo e fundada por Diego Gallego e por Carmen Conde que reúne sendas traxectorias profesionais en distintos ámbitos: Diego, procedente do mundo da produción e da xestión comercial; Carmen, guionista, narradora e dramaturga.
Perseguen dúas vocacións: a primeira, contar historias a través das artes escénicas e do audiovisual...A segunda, un fundamental labor de plantar a semente dos futuros contadores e contadoras en diverso formato a través da formación.
Baixo o seu selo teñen escrito e producido varios espectáculos de narración oral para público adulto e infantil, con grande presencia tanto en teatros e auditorios de Galicia, coma en festivais de diverso corte: “Elas Son Artistas”, “Agrocuir”, “Deperto”, “A boca chea”, "Sete falares", "Oikonomos", “Festival Escena Muller”... A base de todo o traballo de Tarabela Creativa fundaméntase nas recollidas, que despois supoñen un arquivo e un repositorio dos que parten toda a escrita e a posta en escena.
Crearon a miniserie web “Premios Darwin”, así como a serie dixital sobre a historia da música en Galicia "Quéreme soar!" para a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Así mesmo, ocupáronse da dirección artística, guión e presentación dos IX Premios Martín Códax da Música Galega.
Teñen como eixos fundamentais a ruralidade, o silenciado e as disidencias.Deste xeito, Tarabela Creativa completa a súa filosofía de achegar relatos que, tendo a súa orixe no común e corrente, alcanzan altas cotas de extraordinario.
ESPERÁMOSVOS!!! NON FALTEDES!!!
EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA