Ola seguidores da Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén - BiblioPazos.
Informámosvos que o vindeiro Sábado 23 de Maio de 2026, ás 17:00 horas, na Praza do Concello teremos con nós ao actor, contador e monologuista AVELINO GONZÁLEZ co seu espectáculo "CONTOS PARA CONTAR CARTOS" que ofrecerá a súa actuación na III FESTA DOS NOSOS MAIORES cun feixe de contos e historias que garantirán moitas risas e diversión para os asistentes a este evento.
"Os cartos andan nas mans de todo o mundo (máis ou menos!), témolos todo o mundo na cabeza (tamén máis ou menos) peeero… case non os tocamos!
Hai quen di que, en realidade, non existen.
Hai quen di que os cartos só deberan estar na man de quen sabe usalos, debera estar avisados os seus efectos, como se fai no tabaco, e debera recomendarse lavar as mans sempre despois de tocalos.
Os contos que falan dos cartos, en realidade falan de como somos e de que nos importa. E da cantidade de estupideces que chegamos a facer por eles!Se cadra estes contos axudan a botar contas.Son contos que contan cartos: Canto nos importan, canto os gardamos, canta falta fan, e canto os queremos.A economía é: Tes ou non tes. Os problemas económicos son: cantos queres ter.E a solución está en: Ah, carallo! Quen a soubera!"
Sempre cun ollo posto no local, na tradición e na actualidade, Avelino González intenta incorporar historias do sitio onde fai as actuacións.
As historias conviven con nós. A tradición é unha peneira que non deixa de peneirar, neste caso contos.
E os que chegaron aos nosos días, chegaron porque son bos, porque teñen sentido, e porque cumpren ca función para o que foron creados pola xente, descoñecida pero con nome, que os creou e os contou. Para rir e facer rir.
Xosé Avelino González Fernández, coñecido como AVELINO GONZÁLEZ (Comesaña, Vigo, Pontevedra, Galicia, España; 1962) é un actor, contador, monologuista, tradutor, director de teatro é... o que faga falta.
Disto de actuar gústalle todo, ata picar entradas. Ó ultimo que fixo en teatro é: “Apaga o Candil” de Contraproducións Teatro, dirixido e escrito por Cándido Pazó. “O mel non caduca” de Ibuprofeno Teatro, dirixido por Sante Cortegoso, onde fai de todo e ademáis actúa en “Guerra de Identidade” de DeUve, que dirixíu. “Commedia, un xoguete para Goldoni” dirixido por Cándido Pazó para Contraproducións, onde fai de Brighella. Fai cine e sae na tele en “Cuñados” de Portocabo; “Padre Casares” e "Serramoura" da TVG, “Seis Hermanas” da TVE1... E conta contos, historias, monologuea, de Polonia a Cuba, de Inglaterra a Cádiz, dende o ano 99 e ata a fin dos tempos. Polo camiño fai obradoiros de teatro, radioteatro, podcasts, etc. Todo é contar cousas bonitas. (E si, gústanlle as abellas, de sempre son unhas máis da familia) Para máis cousas: https://avelinogonzalez.gal/
Este espectáculo forma parte do programa de animación á lectura e dinamización da Lingua Galega organizado pola Biblioteca Pública Municipal dependente da Concellería de Cultura do Concello, e conta coa axuda económica da Deputación Provincial de Pontevedra a través do circuito de apoio á programación de artes escénicas en galego nos concellos da provincia "+ESCÉNICAS 2026".
Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.


Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.