sábado, 10 de marzo de 2018

FESTIVAL ATLÁNTICA 2018

https://www.dropbox.com/s/e5kwwfvgjjgndux/CARTEL_ATLANTICA_2018%20%281%29.jpg?dl=0

O Festival Atlántica recala por primeira vez en Pazos de Borbén con dous espectáculos para escolares
  • A quenda da brasileira Tâmara Bezerra será o 13 de marzo no Auditorio do Concello con ‘Toda mulher tem a cabeça cheia de historias’
  • O portugués Vítor Fernandes actuará o 16 marzo, no mesmo lugar, con ‘Contos de Trás-Os-Montes’

O Festival Atlántica chega por primeira vez a Pazos de Borbén grazas á colaboración do Concello. Desta volta, están previstos dous espectáculos dos que poderán gozar case 90 alumnos de primaria do CPI "Curros Enríquez" da localidade, alén dos usuarios de ASPAVI (Asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual de Vigo) con sede neste municipio. Ambas as dúas funcións terán lugar no Auditorio do Concello.

Na primeira das sesións, que será o martes 13 de marzo, a narradora Tâmara Bezerra vai agasallar aos escolares co espectáculo ‘Toda mulher tem a cabeça cheia de historias’. Trátase dunha función que inclúe tanto contos da tradición como contos de autor. En todos os enredos está presente a figura forte dunha narradora de historias e, ademais, os contos posúen a estrutura dunha matriz tradicional herdada da oralidade.

A seguinte cita será o venres 16 de marzo con Vítor Fernandes e o seu espectáculo ‘Contos de Trás-Os-Montes’, será unha oportunidade para achegarse ata as historias dunha rexión veciña e ao mesmo tempo, descoñecida. Haberá contos politicamente incorrectos, dos que se contan nas casas dos pobres que gozan facendo brincadeiras cos ricos, cos curas, co que sexa. Serán contos sen tempo e fóra do tempo, contos na atemporalidade da vida narrada nun recuncho do mundo que está Trás-Os-Montes.

Voces da lusofonía

https://www.dropbox.com/s/zfyq2voq5aycfc0/Tamara%2022.jpg?dl=0
A narradora e escritora Tâmara Bezerra natural de Orós, estado de Ceará (Brasil) é graduada social especializada en Arte-Educación. Posúe un mestrado en Educación Intercultural pola Universidade de Lisboa, con investigación en contos de tradición do deserto brasileiro. Ten unha ampla traxectoria nas narrativas literarias dentro e fóra do Brasil, cunha forte influencia da poética da tradición oral. Tamén desenvolve habitualmente unha intensa actividade como buscadora de contos populares e formadora de narradores e mediadores de lectura. No eido literario, alén de títulos infantís, ten publicacións sobre narración de historias e mediación de lectura. É, ademais, membro do ‘Grupo de Estudos, Pesquisas e Partilhas com narrativas: Costureiras de Histórias’ de Fortaleza, Brasil.

https://www.dropbox.com/s/tw1752mky4z90x2/V%C3%ADtor%20Fernandes.jpg?dl=0
O portugués Vítor Fernandes é nado na vila de Alfândefa da Fé na rexión de Trás-Os-Montes. Este licenciado en Historia adentrouse no mundo dos contos grazas é Escola de Narraçao Oral Itinerante de Clara Haddad e desde aquela seguiu a se formar con mestres de todo o omundo. O seu repertorio está cheo de contos de amor, humor, vivacidade, astucia e emoción da tradición oral portuguesa. ´E un dos integrantes do grupo Contos na Eira, un proxecto que pretende avivar os momentos de convivencia dos tempos de outrora a través da transmisión oral de contos populares portugueses, lendas e cancións tradicionais.

Axenda Festival Atlántica 2018 | Pazos de Borbén

https://www.dropbox.com/s/ik9263js8owjpzd/2018-03-13%20Cartel%20Tamara%20Bezerra%20-%20Festival%20Atl%C3%A1ntica.jpg?dl=0
Martes 13 de marzo

Tâmara Bezerra (Brasil)
“Toda mulher tem a cabeça cheia de historias”

13-14 h | Auditorio do Concello [Pazos, 52]
Espectáculo para escolares (3º - 6º primaria) e usuarios da asociación ASPAVI | Infantil | Brasileiro


https://www.dropbox.com/s/7lg21wvp9se664t/2018-03-16%20Cartel%20V%C3%ADtor%20Fernandes%20-%20Festival%20Atl%C3%A1ntica.jpg?dl=0
Venres 16 de marzo

Vítor Fernandes (Trás-Os-Montes - Portugal)
“Contos de Trás-Os-Montes”

13-14 h | Auditorio do Concello [Pazos, 52]
Espectáculo para escolares (3º - 6º primaria) e usuarios da asociación ASPAVI | Infantil | Portugués


Sobre o Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Toda a información relacionada co programa e cos artistas pódese consultar na web http://festivalatlantica.com.
Esperámosvos en Pazos de Borbén no
FESTIVAL ATLÁNTICA 2018

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger