O día 17 de Maio celébrase ademáis do Día das Letras Galegas o Día Mundial de Internet.
Para conmemorar este día a Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén (BiblioPazos) ten organizado para a semana do 18 ao 22 de maio, na Aula de Informática, un obradoiro literario baseado na obra de Julio Verne "La vuelta al mundo en 80 días" que se realizará en diferentes días e para diferentes grupos de idades.
O obradoiro "A volta ao mundo en 80 clics" vai dirixido a rapaces e rapazas en idade escolar de 9 a 12 anos e tamén a colectivos de discapacitados intelectuais. Consiste nunha serie de oito (8) probas que os participantes realizarán en grupos e nas que se lles ensinará o uso do catálogo da biblioteca e a procura de información de Internet, coa intención de conseguir os seguintes obxectivos:
- Coñecer o catálogo online da biblioteca e aprender o seu uso.
- Aprender a traballar en equipo.
- Saber interpretar un mapa e localizar cidades no mesmo.
- Aprender a realizar procuras concretas en Internet.
- Coñecer esta obra literaria de Julio Verne.
Faranse grupos en función dos participantes e se lles entregará a cada un o material necesario para realizar a actividade.
Agora toca ler o libro e logo divertirse viaxando polo mundo a través de Internet.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.