Pulga e Xigante
Texto de Serenella Quarello
Ilustracións de Maurizio A. C. Quarello
Tradución do castelán de Laura Rubio
OQO editora, abril 2009
+ de 5 anos
Cansada de facer todos os días o mesmo, Pulga decide coñecer mundo.
Na súa viaxe cruzará desertos, bosques, montañas, chairas inmensas…
fuxirá de perigos terribles e vivirá aventuras emocionantes.
Ese mesmo día, e á mesma hora, o Xigante que estaba tan tranquilo, de
súpeto, comeza a sentir un proído nos pés, logo nas pernas, nas costas…
Entón, á súa nai parécelle ver… unha pulga?
Pulga fai uso da imaxinación e a fantasía para recrear un mundo de
aventuras coas que divertirse e fuxir do aburrimento. A primeira
incursión na literatura infantil de Serenella Quarello, e xunto ao seu
irmán, preséntanos unha viaxe contada desde dous puntos de vista
completamente distintos. Desta maneira, e grazas ao afastamento, o uso
de planos pouco habituais, ou o cambio de enfoque nas imaxes,
descubriremos que as cousas non son sempre o que parecen.
O álbum contén ilustracións que aseguran unha lectura expresiva e
rica en matices. A relación texto-imaxe presenta certo equilibrio ao
longo do libro, ata que nun momento do discurso se produce unha
transformación radical en favor das imaxes, e o texto pasa a ser entón, o
perfecto complemento dunha lectura preferentemente visual.
Maurizio A. C. Quarello ofrécenos unha nova demostración do seu
dominio da técnica cinematográfica, da que tanto bebe, para contar en
imaxes unha historia con encadramentos e primeiros planos moi
espectaculares. O obxectivo é incitar o lector a que aventure hipóteses
que, máis tarde, o texto literario aclarará convenientemente.
Ademais do divertimento, o carácter lúdico desta obra favorece a
comprensión de relacións espazo-temporais, e que nos decatemos de que
pode haber varias miradas e interpretacións dunha mesma realidade.
978-84-9871-147-9
48 páxs.
Cartoné
25 x 23 cm
Faite socio de BIBLIOPAZOS e lévao para ler na túa casa
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.