A noite das mudanzas
Texto de Pep Bruno
Ilustracións de Lucie Müllerová
Tradución do castelán de Marisa Núñez
OQO Editora, marzo 2008
+ de 3 anos
Granxeiro Leiro daba voltas e máis voltas na cama, pero non podía
durmir: esquecera tomar o seu vaso de leite! Ergueuse coa idea de ir
muxir a vaca, pero aquela era a noite das mudanzas e, cando chegou á
corte, atopou…
Os máis pequenos senten unha curiosidade innata polos animais e polas
súas características. Se a isto engadimos, o pensamento animista,
segundo o cal, as crianzas, mediante un mecanismo de analoxía, lles
atribúen aos animais a capacidade de pensar, actuar ou falar como os
humanos, velaí a explicación do éxito dos contos de animais entre os
cativos.
Con este álbum, os nenos achéganse aos animais da granxa dunha
maneira distinta e divertida. Cunha proposta de texto sinxela, mais
lúdica e imaxinativa, o álbum apóiase na complicidade da imaxe e na súa
intensidade narrativa para provocar nos lectores a curiosidade, a
sorpresa e, finalmente, o sorriso. Un libro para que adiviñen o que vai
pasar, para que recorden o que hai detrás de cada páxina, e para que
descubran ata onde pode chegar a imaxinación exaltada dos animais nunha
noite de mudanzas.
A ilustradora checa Lucie Müllerová, a partir do seu orixinal e
particular imaxinario creativo compón simpáticos personaxes de animais, e
cada un deles cunha personalidade propia, o que reforza aínda máis o
efecto humorístico do texto.
40 páxs.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.