A grande viaxe
Texto de Anna Castagnoli
Ilustracións de Gabriel Pacheco
Tradución do italiano de Antón Fortes
OQO Editora, xaneiro 2009
+ de 5 anos
Algún día, quizais dentro de pouco, construirei un barco moi grande;
que flote como os barcos e tamén voe como os avións, aínda que non sexa
máis que un barco; que se desprace sobre a terra e baixo a auga, como se
dun barco rodante se tratase, ou dunha nave submarina…
Un neno imaxina unha grande viaxe chea de prodixios. Sucará o mundo,
atravesará países en guerra, rescatará animais en situación de perigo…
para, finalmente, regresar convertido nun heroe.
Anna Castagnoli logra describir cunha gran precisión os pensamentos e
os soños que habitan a imaxinación do protagonista. Fantasías que lle
permiten construír unha realidade, e ao mesmo tempo, refuxiarse e
defenderse dela cando esta xa non o comprace.
A viaxe, como metáfora da vida, conducirá o protagonista non só a
descubrir o mundo, senón tamén a si mesmo, porque no camiño sempre hai
encrucilladas. Pola súa banda, a imaxinación e a fantasía, ademais de
para inventar peripecias e situacións, serviranlle ao pequeno viaxeiro
para construír a súa identidade.
O ilustrador Gabriel Pacheco resolve, en clave metafórica, a idea do
barco-viaxe, e consegue converter calquera obxecto nun vehículo ideal
para a imaxinación. Así, unha caixa de cartón baleira, algo moi simple,
transfórmase coa maxia da fantasía. Pode ser o propio cuarto, o que de
súpeto se torne nun lugar surrealista, ou unha nave a que nos guíe a
través dos soños. Pero, na realidade, nunca se abandona o espazo da
casa, o lugar de onde parten todas as viaxes.
As ilustracións aínda que presentan escenas illadas, manteñen sempre a
coherencia estética: na cor, os espazos, as personaxes, a composición… e
é o texto o que leva o fío da narración.
Para reafirmar a proposta plástica, elementos como os botíns, os
xoguetes do neno ou outros obxectos cotiáns acaban transformándose ou
evolucionando dentro dos escenarios fantásticos. Deste xeito,
ofrécensenos por unha parte, pistas e suxestións que nos axudan a
entender a historia, e pola outra, multiplícase o poder suxestivo do
álbum que admite así diversos niveis de lectura.
Ao cabo, unha historia emocionante que nos trae mensaxes de solidariedade, esenciais na maduración dos individuos.
Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado 2009
978-84-9871-066-3
40 páxs.
Cartoné
25 x 23 cm
Faite socio de BIBLIOPAZOS e lévao para ler na túa casa
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.