sábado, 2 de marzo de 2019

PROGRAMACIÓN DE ANIMACIÓN Á LECTURA 2019

O día 21 e 22 de febreiro pasado iniciamos a programación cultural-educativa de animación á lectura de BIBLIOPAZOS do ano 2019 con dúas actividades na que participaron os alumnos de 2º e 3º de primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI, para conmemorar o 182 aniversario do nacemento de ROSALÍA DE CASTRO, o DÍA DE ROSALÍA, que se celebra todo os anos o día 24 de febreiro.

A primeira das actividades, a cargo da actriz, ilustradora e contadora MARISA IRIMIA, tróuxonos o espectáculo "CONTANDO CON ROSALÍA" a través do que nos achegamos á poesía da autora dun xeito lúdico, divertido e saboroso con contos e poemas para compartir, cargados da musicalidade da poesía de Rosalía de Castro.



Ao día seguinte o persoal da biblioteca realizou -cos usuarios da Asociación ASPAVI que asisten habitualmente a clases de informática e lectura todos os martes e venres de cada semana- á lectura de varios poemas de Rosalía de Castro na que participaron todos os asistentes. Lemos os poemas "Vente, rapasa", "Maio longo" e "Adiós ríos, adiós fontes".




Continuamos coa programación patrocinada pola Deputación Provincial de Pontevedra e temos preparado para a semana do 11 ao 15 de marzo varias actividades coas que queremos conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DA MULLER (8 de marzo) e o DÍA DA NARRACIÓN ORAL (20 de marzo).




A primeira das actividades "RAPAZAS DE CONTO" se levará a cabo novamente pola actriz, ilustradora e contadora MARISA IRIMIA e terá lugar na Sala de Lectura o luns 11 de Marzo en dúas sesións, ás 11:00 e 13:00 horas, e nelas está prevista a participación dos alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e dos usuarios da Asociación ASPAVI.




"RAPAZAS DE CONTO" é un espectáculo de narración oral para rapazas e rapaces onde o eixo principal consitúeno historias onde as rapazas desenvolven un papel activo, como base para unha aprendizaxe do respecto e a igualdade, favorecendo a busca de novos referentes, co fin de reforzar unha educación que potencie e permita unha convivencia sen discriminación por razón de xénero; e todo iso mentres gozan da musicalidade e a maxia das palabras.

"Atoparémonos con rapazas que capitanean perigosos barcos piratas..., rapazas que pilotan naves espaciais..., nenas e nenos que viven emocionantes aventuras, que xogan, elas e eles, un papel activo en mil e unha andanzas".




Continuaremos a programación o mércores 13 de marzo ás 13:00 horas no Auditorio do Concello co espectáculo en portugués "CONTOS DA ILHA" a cargo da contadora SOFÍA MAUL, procedente da illa de Madeira (Portugal). Este espectáculo forma parte da programación da VII edición do FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL ATLÁNTICA que se celebrará do 12 ao 23 de marzo  en toda Galicia, e no que participan ademáis do Concello de Pazos de Borbén, os concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Lalín, Teo, A Fonsagrada, Viveiro, Monforte de Lemos, Guitiriz, A Coruña, Ourense, Vigo, Rianxo, Brión e Cuntis.


"Un espectáculo de narración oral con histórias e lendas da pequena ilha de Madeira (Portugal), por onde passaram tantos navegantes e exploradores atlânticos para buscar água, vinho e fruta e deixar histórias, relatos e mistérios."

E finalizaremos a programación do mes de marzo o venres día 15 de marzo, tamén no Auditorio do Concello ás 13:00 horas, co espectáculo "CONTOS DE LILITH" a cargo da contadora galega CRIS DE CALDAS que tamén forma parte da programación da VII edición do FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL ATLÁNTICA.

"Lilith foi a primeira muller de conto e merece ser coñecida a súa historia. Ao seu lado estará Pepa a Loba e outras bravas mulleres. Unha sesión de contacontos de igualdade."


Convidámosvos a participar das actividades de BIBLIOPAZOS.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger