domingo, 26 de abril de 2015

29 de abril - Día Internacional da Inmunoloxía


Dende BiblioPazos queremos participar na difusión da campaña do Día Internacional da Inmunoloxía por invitación do Grupo de Investigación de Inmunoloxía da Universidade de Vigo que dirixe a Dra. África González, e para elo difundimos esta nova no noso blog.

O Grupo de Investigación de Inmunoloxía de UVIGO dirixido pola Dra. África González, Directora do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo e en colaboración coa Sociedad Española de Inmunología (SEI), o proxecto institucional europeo BIOCAPS e a Fundación Dr. Antonio Esteve, están organizando unha serie de actividades de difusión en torno á Inmunoloxía, cos centros educativos e coas Bibliotecas Municipais de Galicia fundamentalmente.

A Sociedade Española de Inmunología (SEI) distribúe algúns dos exemplares "Los misterios del sistema inmunitario. Cómo protege nuestro cuerpo", que nace en 2008 cunha linguaxe divulgativa da man da Sociedade Xaponesa de Inmunoloxía co obxectivo de axudar aos rapaces novos de 10 a 14 anos a entender mellor o funcionamento do sistema inmunitario.

Tras comprobar oficialmente o valor educativo desta iniciativa, no ano 2009 foi editada en inglés, Your amazing immune system. En español foi presentada oficialmente o pasado 26 de abril de 2014 dentro dos actos do Día da Inmunoloxía en Madrid e a revisión foi realizada pola Dra. África González, Dolores Jaraquemada, José Antonio Brieva y Margarita del Val, da Sociedad Española de Inmunologia.

Xa colocamos algúns carteis informativos deste día nas dependencias de BiblioPazos e tamén enviamos algúns ao Colexio Público Integrado "Curros Enríquez" de Pazos para a súa difusión e estamos pendentes de recibir varios exemplares do libro "Los misterios del sistema inmunitario. Cómo protege nuestro cuerpo" que poremos a disposición dos nosos lectores e usuarios tan pronto como os teñamos recibido.

Tamén estamos xestionando a posibilidade de realizar unha charla sobre Inmunoloxía en Pazos de Borbén, que sería impartida por membros do Grupo de Investigación de Inmunoloxía da Universidade de Vigo. Tan pronto dispoñamos de máis información volo faremos saber.

O obxectivo desta campaña é difundir entre a poboación a importancia das vacinas hoxe en día, calendarios de vacinas, incorporacións de novas vacinas, riscos para as persoas e para a poboación xeral; así como dar a coñecer os conceptos de inmunidade, antíxenos, anticorpos, memoria inmunolóxica..., en definitiva coñecer e entender mellor o funcionamento do sistema inmunitario.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger