xoves, 21 de febreiro de 2013

Volver a Castelao - LITERATURA ADULTOS


Coedicion da Asociación de Escritores e Escritoras en Língua Galega e a Fundación Cidade da Cultura-Xunta de Galicia

A querenza do ensaísta Manuel Rei Romeu pola figura de Castelao é de vello coñecida. Á súa abnegada entrega ao estudo e divulgación da obra e vida do escritor de Rianxo debemos valiosas monografías como Arte e Verdade. A obra literaria de Daniel Castelao (1991), Castelao e ‘Sempre en Galiza’ (1996), Alfonso Daniel Castelao (1999), Castelao: Desta Terra, deste tempo (2000) e mesmo coñecidas escolmas como A narrativa de Castelao. Antoloxía (1997) e Sempre en Galiza (1997).

Á anterior nómina de títulos veu sumarse recentemente Volver a Castelao, breve ensaio editado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) no que se compendian os principais socalcos definitorios da traxectoria vital, artística e política do rianxeiro.

Deste xeito, ao longo da setentena escasa de páxinas da obra ponse de manifesto a singularidade do personaxe, tanto dende o punto de vista literario coma na súa faceta política. Neste último eido pásase revista á súa evolución dende o pregaleguismo ata o nacionalismo político, pasando polo nacionalismo culturalista.

Da súa parte, na análise da produción literaria vaise facendo un repaso obra a obra dos seus títulos, dende Un ollo de vidro (1922) ata Os vellos non deben de namorarse (1941), con paradas nas Cousas (1926, 1929), Retrincos (1934) e Os dous de sempre (1934). Para estas exploracións Rei Romeu serviuse visiblemente dalgunha achega súa anterior, como o díptico Castelao (2009).

Un volume, pois, que quere contribuír a honrar a memoria desta figura excepcional da que este ano se cumpre o cento vinte e cinco aniversario do seu nacemento, efeméride que xustifica a presente publicación, escrita con amenidade e rigor por Rei Romeu e acompañada dun número importante de ilustracións e fotografías, algunha delas, por certo, pouco ou nada coñecidas.

Inmellorable guieiro para se internar no vizoso mundo do autor de Sempre en Galiza, este Volver a Castelao de Manuel Rei Romeu é libro que contentará por igual a docentes na procura de materiais acaídos para as aulas e a curiosos e interesados na peripecia autorial e política dun dos máis grandes.

Fonte: CRITICALIA

FAITE SOCIO DA BIBLIOTECA E LÉVAO PARA LER NA TÚA CASA
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger