xoves, 29 de novembro de 2012

CONTO: Cocorico

Cocorico é un poliño que vive feliz coa súa nai. Un día, Mamá Galiña vai facer un bizcoito e o poliño ofrécese a buscar leña para acender o forno. Cando está en plena faena, aparece un gato enorme e malvado que o quere comer; pero Cocorico consegue salvar a súa vida prometéndolle a metade da merenda. Pasado o perigo, o glotón de Cocorico esquece o trato e come o bizcocho enteiro. A mamá enfádase: "Vai vir Gato Pelado e vaiche a comer dun bocado!" Entón óese un ruído na porta: é Gato Pelado que vén a por a súa metade de bizcoito...

Cocorico constitúe unha adaptación libre dun conto tradicional birmano co que os máis pequenos aprenden a compartir, a cumprir as promesas e a escoitar os consellos daqueles que saben máis. Neste caso, o pitiño é o causante da furia do gato, ao non lle deixar ren da merenda. Menos mal que Mamá Galiña virá en auxilio do seu pequeno e Cocorico finalmente aprenderá unha valiosa lección.

A ilustradora intercala algunha colaxe, mais diversos materiais e texturas, e cun debuxo de trazo fino e delicado, engaiola os máis pequenos e consegue plasmar toda a tenrura da historia. As imaxes luminosas, de cores vivas, moi acordes co ritmo do texto, contribúen a perfilar con mestría os sentimentos dos personaxes: a inquietude do pitiño, a dozura da galiña, a carraxe do gato...

Cunha linguaxe sinxela, mais que espreme ao máximo as posibilidades da palabra, velaquí un divertido conto de tres personaxes, para gozalo cos cinco sentidos, e que emocionará os máis pequeniños.

Texto de Marisa Núñez, a partir dun conto tradicional birmano
Ilustracións de Helga Bansch
Colección O, OQO Editora, xullo 2001 - Reedición
Videoconto do libro contado por Aurelia Rodríguez.



Canción en galego

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger