mércores, 10 de decembro de 2025

ENTREGA DE PREMIOS DO "VII CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN"

O día 21 de Setembro pasado informábamos da convocatoria do "VII CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN" no que podía participar todo o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria residente no municipio que estivera ou estea cursando estudos nos colexios públicos do municipio durante os cursos 2024/2025 e 2025/2026; e tamén os usuarios dos Centros de Atención a Persoas con Diversidade Funcional con sede e actividade no Concello de Pazos de Borbén.

Como en edicións anteriores coa convocatoria desta 7ª edición do certame o Concello pretende seguir animando á creación literaria, á escrita e á lectura en lingua galega; fomentar a creatividade e potenciar a expresión e a comprensión escritas, estimulando o uso da lingua galega entre os escolares e os mais mozos, así como tamén entre o colectivo de persoas con diversidade funcional.

Igual que nos últimos anos o número de categorías para participar foron sete (7) e o prazo para presentar os traballos estableceuse entre os días 1 de outubro e o 14 de novembro de 2025.

Presentáronse un total de 149 traballos, co que seguimos contando cunha moi alta participación desde a existencia deste pequeno certame literario:

  • Ano 2025:    149 participantes.
  • Ano 2024:    160 participantes.
  • Ano 2023:    149 participantes.
  • Ano 2022:      58 participantes.
  • Ano 2021:      67 participantes.
  • Ano 2019:      77 participantes.
  • Ano 2018:      64 participantes.
Os participantes podían presentar un único debuxo ou relato que tiña que ser orixinal, inédito, escrito en lingua galega e non premiado dentro do prazo estipulado nas bases do certame e entregalo na Biblioteca.

Na Categoría A: Persoas con diversidade funcional presentáronse 5 traballos, todos eles pertencentes a usuarios da Asociación ASPAVI que entregaron cada un o seu relato.

Na Categoría B: Alumnado de Educación Infantil, coa presentación dun debuxo cada un, participaron 30 criaturas do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e da EEI A Galeriña de Nespereira.

Na Categoría C: Alumnado de 1º e 2º de Primaria foron 28 rapazas e rapaces do CPI "Curros Enríquez" os que participaron cun debuxo cada un con algunha frase alusiva aos traballos presentados.

Na Categoría C: Alumnado de 3º e 4º de Primaria presentáronse 27 traballos doutros tantos alumnos e alumnas deses cursos do CPI "Curros Enríquez".

Na Categoría D: Alumnado de 5º e 6º de Primaria foron presentados 23 traballos participando o 100% do alumnado destes cursos que estuda no CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

Nas categorías de Educación Secundaria Obrigatoria presentáronse un total de 28 trabalos na Categoría F: Alumnado de 1º e 2º de ESO e na Categoría G: Alumnado de 3º e 4º de ESO foron 8 os participantes no certame.


Nas Bases do certame establecérase que a temática dos traballos era libre valorándose que incidiran preferentemente nas materias de igualdade, a diversidade, a tolerancia, o respecto e a prevención da violencia de xénero como valores esenciais para a convivencia entre homes e mulleres; na recollida de historias e lendas locais transmitidas oralmente de avós/avoas a pais/nais, a fillos/as e a netos/as que favorezan o coñecemento do patrimonio inmaterial de Pazos de Borbén; e na recollida de toponimia e microtoponimia dos lugares, barrios e parroquias do concello.

Desde que convocamos esta 7ª edición do certame, animamos ao profesorado, pais, nais e demais familiares do alumnado e á dirección e persoal dos centros educativos e de atención a persoas con diversidade funcional para que estimularan a participar nesta nova edición a todo o alumnado e usuarios destes centros; e parece que, de novo, o resultado foi moi satisfactorio.

Para motivar a participación foron realizados 13 sesións de dous Obradoiros de Creación Literaria denominados "ESCRIBIR PARA SOÑAR" e "OS FÍOS DA HISTORIA. COMO CONSTRUÍR UN RELATO" que foron impartidos, respectivamente, polos escritores Miguel Anxo Alonso Diz e Andrea Barreira Freije; e aos que asistiron os usuarios da Asociación ASPAVI e todo o alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e da EEI "A Galeriña" de Nespereira; un total de 193 escolares e uns 40 usuarios da Asociación ASPAVI.

O xurado do Certame reuniuse o día 1 de Decembro e xa ten decidido ás premiadas e premiados desta 7ª edición do certame que daránse a coñecer o próximo Xoves 18 de Decembro nun acto que se celebrará no Auditorio do Concello ás 11:00 horas e ás 13:00 horas, e nos que participarán tamén as mestras e mestres, monitoras e monitores, etc., o Alcalde do Concello e outros membros da Corporación, e representación da Deputación Provincial de Pontevedra.

Por último comentar que estes eventos enmárcanse no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2025 "OBRADOIROS DE CREACIÓN LITERARIA E CERTAME DE RELATO CURTO" organizado pola Biblioteca Pública Municipal e que conta coa financiación do Concello de Pazos de Borbén e do Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar co a Biblioteca por Teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborbén.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

luns, 1 de decembro de 2025

Nadal con Contos en BiblioPazos

Festexa o Nadal coa nosa selección de contos e panxoliñas:



Fai Clic nas imaxes


           

           

   


Achégate a BiblioPazos para descubrir moitos máis.


















 




luns, 3 de novembro de 2025

NOVEMBRO - MES DA TRADICIÓN ORAL

Celebra o MES DA TRADICIÓN ORAL coa nosa selección de libros:

Fai clic nas imaxes

Infantil e Xuvenil





Adultos

        
    
Achégate á BiblioPazos, temos moitos máis!!!

mércores, 29 de outubro de 2025

Novembro Mes da CIENCIA en BiblioPazos

    Descobre a nosa selección de libros para conmemorar o MES DA CIENCIA:

Fai clic nas imaxes





Ahégate a Biblioteca para descubrir moitos máis¡

venres, 17 de outubro de 2025

venres, 10 de outubro de 2025

TARABELA CREATIVA achega a Pazos de Borbén o seu espectáculo "BOA SORTE, MALA FAMA" para contar a historia máis "incómoda" da emigración galega - Programa +ESCÉNICAS da Deputación de Pontevedra

Informámosvos da próxima actividade incluida no programa de animación á lectura e dinamización da Lingua Galega da Biblioteca Pública Municipal; unha actividade financiada polo Concello de Pazos de Borbén e pola Deputación Provincial de Pontevedra a través do programa +ÉSCÉNICAS de apoio á programación de artes escénicas en galego nos concellos da provincia de Pontevedra.

TARABELA CREATIVA SC ofrecerános o seu espectáculo "BOA SORTE, MALA FAMA" o Sábado 18 de Outubro a partir das 19:00 horas na CASA DA CULTURA DE NESPEREIRA con entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo do local.

Sempre se soubo, claro está, que as anduriñas son aves de bo agoiro, que alí onde aniñan traen fortuna, que anuncian a primavera e que os mariñeiros as tatuaban na pel por cada travesía da que lograban retornar. Pouco se fala, en cambio, do molestas que se lle fan a moita xente co seu canto agudo e de que enchen todo de excrementos. Por iso estas aves dan boa sorte, pero teñen mala fama. Ningún outro animal se parece tanto aos emigrantes galegos: estamos en cada continente, vivimos facendo colonias, temos na cabeza o camiño de volta a casa e marchamos por necesidade. E, igual que as anduriñas, gañamos mala fama, aló onde fomos buscar a nosa boa sorte.
Este espectáculo nace da necesidade de contar, precisamente, aquelo do que pouco se fala.
Trátase dunha traxicomedia en tres actos: Acto primeiro, os tratos; acto segundo, os maltratos e acto terceiro, os retratos. Nos que facendo unha cartografía e un percorrido a través de diferentes épocas e persoas se contará a historia máis “incómoda” da nosa emigración.
Empregando para isto tres disciplinas: a narración oral (que será o fío condutor), a música ao vivo (que fará que o público se ubique naquelas outras realidades e sensacións que atravesamos) e na interpretación actoral (coa que se poñerá corpo ás palabras e coa que se traballará na metáfora do espello e do reflexo como leit motiv.) Tres mulleres en escena para representar cada unha dende a súa disciplina o rostro menos institucional da emigración galega.

Tarabela Creativa
Carmen Conde - Diego Gallego
 é unha compañía asentada en Lugo e fundada por Diego Gallego e por Carmen Conde que reúne sendas traxectorias profesionais en distintos ámbitos: Diego, procedente do mundo da produción e da xestión comercial; Carmen, guionista, narradora e dramaturga.

Perseguen dúas vocacións: a primeira, contar historias a través das artes escénicas e do audiovisual...A segunda, un fundamental labor de plantar a semente dos futuros contadores e contadoras en diverso formato a través da formación.

Baixo o seu selo teñen escrito e producido varios espectáculos de narración oral para público adulto e infantil, con grande presencia tanto en teatros e auditorios de Galicia, coma en festivais de diverso corte: “Elas Son Artistas”, “Agrocuir”, “Deperto”, “A boca chea”, "Sete falares", "Oikonomos", “Festival Escena Muller”... A base de todo o traballo de Tarabela Creativa fundaméntase nas recollidas, que despois supoñen un arquivo e un repositorio dos que parten toda a escrita e a posta en escena.

Crearon a miniserie web “Premios Darwin”, así como a serie dixital sobre a historia da música en Galicia "Quéreme soar!" para a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Así mesmo, ocupáronse da dirección artística, guión e presentación dos IX Premios Martín Códax da Música Galega.

Teñen como eixos fundamentais a ruralidade, o silenciado e as disidencias.Deste xeito, Tarabela Creativa completa a súa filosofía de achegar relatos que, tendo a súa orixe no común e corrente, alcanzan altas cotas de extraordinario.

ESPERÁMOSVOS!!! NON FALTEDES!!!

Para calquera información sobre esta programación poden contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

luns, 29 de setembro de 2025

OBRADOIRO DE CREACIÓN LITERARIA "OS FÍOS DA HISTORIA. COMO CONSTRUÍR UN RELATO" PARA O ALUMNADO DE ESO.


Continuamos coas actividades incluídas no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2025 "OBRADOIROS DE CREACIÓN LITERARIA E CERTAME DE RELATO CURTO" financiado polo Concello de Pazos de Borbén e o Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra, cuxos principais obxectivos son os de promover e dinamizar o uso da lingua galega no municipio, sobre todo entre a poboación infantil, a mocidade e as persoas con diversidade funcional; animar á creación literaria e á lectura a través da realización de diversos obradoiros e da convocatoria dunha nova edición dun certame literario en lingua galega; ademais tamén se pretende promover e facilitar a plena integración na sociedade dos colectivos en risco de exclusión social e con diversidade funcional, a través do emprego da expresión artística e literaria en lingua galega.

Agora informamos do Obradoiro de Creación Literaria "OS FÍOS DA HISTORIA. COMO CONSTRUÍR UN RELATO” que será impartido pola escritora, xornalista e docente ANDREA BARREIRA FREIJE para todo o alumnado de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.

Terá lugar tamén nas instalacións do colexio en catro sesións dunha duración de hora e media cada unha e se realizarán durante os próximos días 6 e 7 de Outubro.

Escribir é coma xogar. Primeiro precisas coñecer as normas, as pautas básicas de como se desenvolve a escrita, as técnicas, as estratexias, os elementos narrativos… Despois, toca pulir e practicar unha e outra vez ata conseguir que a nosa historia (o noso xogo) sexa o máis atractiva posible.

Nos obradoiros de narrativa detémonos a reflexionar sobre o punto de vista desde o que contar a historia (o narrador), sobre como construír personaxes sólidas, cribles e coas que sentirnos identificadas, detémonos nos espazos onde transcorre a acción e xogamos cos tempos coma se tiveramos as horas e os días nas nosas mans. Todo isto, tecido nunha trama, onde cada xiro nos leva a un final distinto.

Os fíos da historia. Como construír un relato é un obradoiro de escrita creativa adaptado a cada curso ao que vai dirixido. Nel, a partir das bases do Certame de Relato Curto Pazos de Borbén, abordaremos a construción dunha historia na que serán fundamentais os intereses de cada participante, tanto para facilitar a escrita, como para lograr un texto co que se sintan identificados e orgullosos.

A partir das ideas que vaian xurdindo estruturaremos a narración para facela interesante, atractiva e dinámica. Veremos como mudan as historias en función das personaxes e voces narradoras escollidas. Tiraremos do fío para que o relato flúa de xeito natural, usando cada elemento narrativo ao favor da historia.

Para rematar cada sesión, leremos os relatos escritos ou os fragmentos desenvoltos para, dun xeito construtivo, analizar entre toda a aula o texto. Unha visión allea ao texto sempre axuda a mellorar as creacións e enriquecer o proceso. Cómpre salientar, que durante o obradoiro a rapazada ten o “comodín do público” co que poden pedir axuda a compañeiros e compañeiras. Malia que o proceso sexa individual, contar co apoio da aula, sempre é un bo xeito de evitar bloqueos creativos e ter varias opcións que axuden a avanzar e facer o proxecto o máis interesante e próximo para quen le.

O obradoiro impartirase para a rapazada de 1º a 4º da ESO e nel cada persoa escribirá un relato, no que se mesturarán as temáticas do Certame de Relato Curto de Pazos de Borbén, coas ferramentas máis básicas da creación narrativa e aquelas que lles permitan arriscar nas voces narradoras ou nos xiros das historias.

1º ESO: A través dun xogo, a rapazada aprenderá que é un narrador, como se constrúen as personaxes, como inflúe o espazo na historia que contamos, como o tempo determina a acción. Todo isto ordenarase nunha trama lineal na que a narración resultante será divertida, distendida e extravagante.

2º ESO: Despois da base creada o curso anterior, descubrirán como usar as ferramentas narrativas para levar ao seu terreo as bases do concurso municipal. Isto permitirá descubrir unha variedade máis ampla dentro dos elementos narrativos.

3º ESO: A partir da tradición oral propia do concello e da comarca, a rapazada aprenderá a adaptar as historias acontecidas no pasado, ao presente. Deste xeito, recupérase, revísase e actualízase a aprendizaxe e a memoria colectiva cunha ollada do presente.

4º ESO: Neste curso profundaremos en como podemos xogar coas estruturas (inversa e circular principalmente, aínda que tamén in media res) e variar principios e finais, para poder experimentar cos xiros e descubrir outras formas de contar.na de setembro ou outubro.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura. 

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

venres, 26 de setembro de 2025

"A HISTORIA DE RATA O PIRRATA" teatro familiar coa Compañía OLIVAS NEGRAS para conmemorar o DÍA MUNDIAL DO SORRISO

Na Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén "BiblioPazos" seguimos traballando pola educación, pola cultura e polo fomento da lectura entre a poboación do concello; e nesta ocasión, o facemos a través do teatro cun novo espectáculo para público infantil e familiar que forma parte do programa de animación á lectura e de dinamización da Lingua Galega de 2025 da Biblioteca promovido polo Concello.

O proximo Venres 3 de outubro de 2025 teremos con nós á Compañia de Teatro "OLIVAS NEGRAS" co seu espectáculo "A HISTORIA DE RATA O PIRRATA" na Casa Cultural de Pazos en dúas funcións cunha duración aproximada de 45 minutos cada unha delas. Aproveitaremos esta actividade para conmemorar o DÍA MUNDIAL DO SORRISO que se conmemora en todo o mundo o primeiro venres de outubro de cada ano desde o 2015.

A primeira función ás 13:00 horas vai destinada para o alumnado de 3º a 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI e á función das 18:00 horas poderá asistir todo o público en xeral que queira con entrada libre ata completar o aforo do local.

O público será a tripulación que se embarque nunha emocionante e divertida aventura neste espectáculo de teatro infantil "A Historia de Rata o Pirrata".

Nesta enérxica representación, seguiranse os pasos de Nazario, un buscavidas coa mirada posta no tesouro, e Rata, un rapaz valente cun soño: ser un auténtico pirata dos mares.

Con risas aseguradas e momentos emocionantes, os protagonistas embarcaranse nunha misión para atopar o tesouro do temido pirata Bocachancla. Pero ao longo do camiño, descubrirán que o verdadeiro tesouro non se atopa en ouro e xoias, senón na forza da amizade e na aventura compartida.

Dirixido a nenos e nenas de todas as idades, "A Historia de Rata o Pirrata" é un espectáculo que cautivará tanto aos máis pequenos como aos adultos. Coa súa combinación de humor, emoción e valores positivos, é a elección perfecta para unha xornada de diversión.

ESPERÁMOSVOS!!! NON FALTEDES!!!

Para calquera información sobre esta programación poden contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

luns, 22 de setembro de 2025

Ponse en marcha o Obradoiro de Creación Literaria "ESCRIBIR PARA SOÑAR" que impartirá o escritor MIGUEL ALONSO DIZ ao alumnado de Infantil e Primaria e aos usuarios da Asociación ASPAVI


Continuando coas actividades organizadas incluídas no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2025 "OBRADOIROS DE CREACIÓN LITERARIA E CERTAME DE RELATO CURTO" financiado polo Concello de Pazos de Borbén e polo Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra, o próximo Xoves 25 de setembro comezarán as sesións do Obradoiro de Creación Literaria "ESCRIBIR PARA SOÑAR" que será impartido polo escritor, poeta, docente e contacontos MIGUEL ALONSO DIZ e no que participará todo o alumnado de Infantil e Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos; o alumnado de Educación Infantil da EEI "A Galeriña" de Nespereira; e os usuarios da Asociación ASPAVI.

Realizarase nas instalacións escolares e da Asociación ASPAVI en 9 sesións de entre 50 e 90 minutos cada unha delas entre os días 25 de Setembro e 23 de Outubro.

Dando continuidade aos obradoiros “ESCRIBIR PARA CONTAR” realizados en anos anteriores, neste novo obradoiro ensínase ao alumnado participante os procesos de creación. Camiñando pola palabra, tanto escrita como oral, a imaxe e mesmo a expresión teatral para dotar dunha visión o máis completa posible; sempre adaptándose ao nivel da rapazada participante e dando resposta ás necesidades de cada grupo e de cada persoa.

Búscase fomentar a creatividade, o amor pola arte en xeral e pola nosa lingua. Todas estas variables xogan un papel relevante no intre de pórse diante da folla en branco.

Dende os ciclos de Infantil ata 6º de primaria, pasando polas usuarios dos colectivos de persoas con diversidade funcional, achegámonos a un colectivo de persoas máis amplo o labor desenvolto a través de obradoiros adaptados a cada idade e circunstancia.

Os obxectivos que se pretende conseguir son os seguintes:

  • Incentivar a creatividade e o valor da orixinalidade.
  • Estimular a creación de historias vencelladas co noso entorno, sementando neles o aprecio e valoración do propio, tanto na súa vertente material (patrimonio histórico), como inmaterial.
  • Asociar a escrita ao xogo, e non só a escrita, senón tamén o propio proceso de aprendizaxe.
  • Enlazar elementos escritos e de narración visual e conectar a escrita e a narración oral. Incentivar a transmisión oral de historias no seu entorno familiar.
  • Incentivar a lectura como motor da escrita. Iniciar no xogo de palabras.
  • Escribir como ferramenta de expresión dun mesmo.
  • Fomentar o uso da lingua galega.
  • O emprego da expresión artística galega como un elemento de expresión integradora na sociedade e de fomento do respecto á diversidade.

Os obradoiros están estruturados en cinco niveis:

- Primeiro nivel: Ciclo de Infantil

  • O soño de Esther.
  • Narrar a través da imaxe.

- Segundo nivel: 1º e 2º de Primaria

  • O soño de Emma.
  • Que é o protagonista?
  • A nosa propia historia. Debuxamos.

- Terceiro nivel: 3º e 4º de Primaria

  • Soñamos en grupo. (Escrita, debuxo e teatro).
  • O relato máis curto do mundo.

- Cuarto nivel: 5º e 6º de Primaria

  • Soñamos en grupo.
  • Estimularase a creación literaria a través do uso de diferentes técnicas de expresión artística.

-Quinto nivel: Colectivos de persoas con diversidade funcional

  • Unha sesión de soños.
  • Dos contos ao papel.
Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger