mércores, 17 de xaneiro de 2024

GALA DE ENTREGA DE PREMIOS DO "V CERTAME DE RELATO CURTO" DO CONCELLO DE PAZOS DE BORBÉN - (2) CATEGORÍA B: ALUMNADO DE EDUCACIÓN INFANTIL


Volvemos de novo para informar da Gala de entrega de premios do V CERTAME DE RELATO CURTO de Pazos de Borbén que tivo lugar pasado martes 19 de decembro de 2023 no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén e no que participaron maís de 149 persoas entre escolares e mestres do CPI "Curros Enríquez" de Pazos, monitores e usuarios da Asociación ASPAVI e algúns veciños e veciñas.

O acto foi presidido polo Sr. Alcalde-Presidente do Concello D. Xosé Luciano Otero Camiña que estivo acompañado dos concelleiros Dª Mª Victoria Couñago Corujeira e D. Ivan Martínez Ventín; da Deputada provincial Dª Mª Sandra Bastos Míguez; e dos membros do xurado do Certame Dª Uxía Porritt Lueiro; D. Manuel González Pastoriza, Dª Andrea Barreira Freije, D. Miguel Anxo Alonso Diz, Dª Mª Isabel Lorenzo Castro e D. José Manuel Soto Virulegio.

Despois de diversas intervencións por parte dos membros do xurado Dª Uxía Porrit Lueiro e Dª Andrea Barreira Freije; da Deputada provincial Dª Mª Sandra Bastos Míguez e do Sr. Alcalde D. Xosé Luciano Otero Camiña, procedeuse polo secretario do xurado á lectura dos premios outorgados polo xurado para a súa entrega aos galardoados e galardoadas.

Unha vez feita a entrega de premios aos presentados na Categoría A.- Persoas con Diversidade Funcional (noticia e imaxes publicadas no Blog e Facebook o 16/01/2024), procedemos a informar da entrega aos participantes da seguinte categoría.

CATEGORÍA B.- ALUMNADO DE EDUCACIÓN INFANTIL:

Participantes da Categoría B.- Alumnado de Educación Infantil cos membros do xurado e autoridades

Primeiro premio correspondeu ao traballo presentado baixo o título “NENAS E NENOS: DIFERENTES, PERO IGUAIS” e o pseudónimo de “OSITA”, presentado por CINTHIA DOPAZO PÉREZ, de 5 anos, estudante de 6º de Infantil do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

 Para ver o traballo fai CLIC no título 

Cinthia Dopazo Pérez recollendo o seu premio que lle entrega o Alcalde do Concello D. Xosé Luciano Otero Camiña
O Segundo premio foi para o traballo presentado baixo o título "RAIAS BONITAS" e o pseudónimo de “LRM”, presentado por LAURA RODRÍGUEZ MARTÍNEZ, de 4 anos, estudante de 5º de Infantil do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

Para ver o traballo fai CLIC no título 

O escritor Miguel A. Alonso Diz entregando o premio a Laura Rodríguez Martínez.

Nesta categoría o xurado considerou premiar con Accésits aos traballos seguintes:

Traballo presentado baixo o título “XOGANDO XUNTOS” e o pseudónimo de “VELOZ”, presentado por ROI PAZOS CAMIÑA, de 5 anos, estudante de 6º de Infantil da EEI "A Galeriña" de Nespereira.

Para ver o traballo fai CLIC no título

Traballo presentado baixo o título “COMPARTINDO EN IGUALDADE” e o pseudónimo de “CHASE”. Aberta a plica correspondeu a autoría de MARTÍN SEIJAS MARTÍNEZ, de 5 anos, estudante de 6º de Infantil.

Para ver o traballo fai CLIC no título

Martín Seijas Martínez recolle o seu premio que lle entrega o mestre do CPI "Curros Enríquez" Manuel González Pastoriza

Traballo presentado baixo o título “O AMIGO DO XABARIL” e o pseudónimo de “JABALÍ”, presentado por JOSE LUIS BARCIELA DOMINGUEZ, de 5 anos, estudante de 6º de Infantil da EEI "A Galeriña" de Nespereira.

Para ver o traballo fai CLIC no título

Traballo presentado baixo o título “O SANTO APARECIDO” e o pseudónimo de “UNICORNIA”, presentado por AINARA RAMÍREZ PÉREZ, de 5 anos, estudante de 6º de Infantil do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

Para ver o traballo fai CLIC no título

O concelleiro Iván Martínez Ventín entrega o premio a Ainara Ramírez Pérez
De seguido chamouse un por un ao resto de participantes non premiados nesta categoría para entregarlles a cada un deles o Diploma acreditativo da súa participación neste certame e un libro de agasallo.

Entregouse tamén uns lotes de libros aos mestres para as aulas de infantil.


Os mestres de Infantil do CPI "Curros Enríquez" de Pazos recollendo os lotes de libros entregados por Uxía Porrit Lueiro e Miguel Anxo Alonso Diz
Non puideron asistir á entrega de premios o alumnado da EEI de Nespereira aos que se lles entregou os seus diplomas, premios e agasallos nas súas aulas ao día seguinte deste acto e que publicaremos en vindeiras noticias.

NOTA: O resto de datos e imaxes da entrega de premios dos gañadores e participantes desta e doutras categorías publicaránse en novas noticias que sairán nos próximos días.

Esta actividade enmárcase no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2023 "OBRADOIROS E CERTAME DE CREACIÓN LITERARIA" organizado pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que conta coa axuda e patrocinio  o Departamento de Lingua da Deputación Provincial de Pontevedra.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

sábado, 13 de xaneiro de 2024

GALA DE ENTREGA DE PREMIOS DO "V CERTAME DE RELATO CURTO" DO CONCELLO DE PAZOS DE BORBÉN - (1) CATEGORÍA A: PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL

O pasado martes 19 de decembro de 2023 tivo lugar no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén entre as 12:00 e as 13:30 horas a gala de entrega de premios do V CERTAME DE RELATO CURTO de Pazos de Borbén no que participaron 149 persoas, entre escolares do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e usuarios da Asociación ASPAVI.

Presidiu o acto o Sr. Alcalde-Presidente do Concello D. Xosé Luciano Otero Camiña e estiveron presentes a concelleira Dª Mª Victoria Couñago Corujeira; o concelleiro D. Ivan Martínez Ventín; a Deputada provincial Dª Mª Sandra Bastos Míguez; e os membros do xurado Dª Uxía Porritt Lueiro; D. Manuel González Pastoriza, Dª Andrea Barreira Freije, D. Miguel Anxo Alonso Diz, Dª Mª Isabel Lorenzo Castro e D. José Manuel Soto Virulegio.

A mestra do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e membro do xurado Dª Uxía Porritt Lueiro durante a súa intervención
O acto iniciouse coa intervención da mestra do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e membro do xurado Dª Uxía Porrit Lueiro quen felicitou a todos os presentados pola calidade dos traballos indicando que tanto ela como ao resto dos membros do xurado nos fixeron viaxar a mundos incribles vivindo unhas historias magníficas e animou a seguir participando e a que se presentan moitos máis en vindeiras ocasións; tamén quixo agradecer a José Manuel o magnífico traballo que leva facendo desde que está xestionando a biblioteca, pola súa dedicación, a súa implicación e, sobre todo, porque sempre ten presente ao alumnado do colexio para todas as súas actividades e, en nome do colexio, entregoulle un pequeno agasallo consistente nun libro de sinaturas para as visitas de personalidades á biblioteca.

Intervención da escritora e membro do xurado Dª Andrea Barreira Freije
Posteriormente tomou a palabra a escritora e tamén membro do xurado Dª Andrea Barreira Freije –recente gañadora do o VII Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia coa súa obra titulada “QUEN PRECISA UNHA AVOA” que presentou baixo o pseudónimo “#EUNONTEÑOAVOAS”- que se sumou ás palabras de Uxía Porritt e comentou tamén que estaba moi orgullosa de todo o alumnado que se presentou porque fixeron un excelente traballo; os sigue animando a seguir traballando así e a implicarse na lectura e na literatura; por último agradece a acollida que lle fan tanto na biblioteca como no colexio cada vez que ven a Pazos de Borbén.

A Deputada provincial Dª Mª Sandra Bastos Míguez intervindo no acto.
De seguido tomou a palabra a Deputada Provincial Dª Mª Sandra Bastos Míguez quen comentou que se sentía moi honrada e contenta de estar presente na gala acompañando a todos, agradecendo que convidaran á institución que representa e, despois de saudar ao Alcalde, aos concelleiros e resto dos presentes no auditorio, manifesta que é unha marabilla que haxa tantos escritores e escritoras en Pazos de Borbén, tanta participación e que a Deputación sempre seguirá apoiando activamente este tipo de iniciativas para mellorar a difusión do noso idioma e para promover o seu uso entre a poboación, sobre todo entre os mais mozos. Por último animou aos presentes a que non deixen de escribir e a que se sigan presentando en vindeiras edicións.

Intervención do Sr. Alcalde de Pazos de Borbén D. Xosé Luciano Otero Camiña
Finalizando as intervencións o Sr. Alcalde e Presidente do xurado D. Xosé Luciano Otero Camiña, dirixiuse ao público agradecéndolles a súa presenza e comentando que é un pracer estar nesta entrega de premios da 5ª edición do Certame de Relato Curto de Pazos de Borbén organizado polo Concello e levado a cabo por José Manuel da biblioteca e quen hai que agradecerlle o seu traballo.

Comenta tamén que é un certame que pretende acadar varios obxectivos; o primeiro deles é que os participantes se divirtan escribindo e o xurado lendo os magníficos relatos que presentan; ademais de fomentar a creatividade, a creación literaria, e sobre todo facer un uso normal e promocionar a nosa lingua.

Agradeceu a todos a súa asistencia, en particular á Deputada provincial Dª Mª Sandra Bastos Míguez representante neste acto da Deputación Provincial da que esperamos seguir contando coa súa colaboración porque é imprescindible para que se poida facer este certame tan bonito.

Agradeceu unha vez máis a José manuel o seu enorme traballo e o mesmo aos membros do xurado.

Comentou tamén que nesta 5ª edición conseguiuse un novo éxito xa que, nesta ocasión, tivemos un total de 149 traballos presentados nas sete categorías cun moi bo nivel que considera que se acadou, grazas á colaboración dos monitores, pais, nais, profesorado e titores que acompañaron a todos os participantes nesta fermosa viaxe creativa.

O Secretario do xurado D. José Manuel Soto Virulegio iniciando a lectura para a entrega de premios
Unha vez finalizadas as intervencións, polo secretario do xurado procedeuse á lectura da relación dos galardoados neste V Certame e á entrega dos premios:

CATEGORÍA A: PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL

Gañadores e presentados da Categoría A
O Primeiro premio correspondeu ao traballo presentado baixo o título “A RECONCILIACIÓN DE EZEQUIEL” e o pseudónimo de “PETROV”, presentado por DAVID BLANCO PUMAR, pertencente á Asociación ASPAVI.

Para ler o relato fai CLIC no título

David Blanco Pumar recollendo o premio que lle entrega a Deputada provincial Dª Mª Sandra Bastos Míguez

Segundo premio ao traballo presentado baixo o título “O SEGREDO DA BOTELLA” e o pseudónimo de “PARDO" presentado por JOSÉ MANUEL BOULLOSA GARCÍA, pertencente á Asociación ASPAVI.

Para ler o relato fai CLIC no título

José Manuel Boullosa García recollendo o premio que lle entrega a Directora da Asociación ASPAVI e membro do xurado Dª Mª Isabel Lorenzo Castro

Nesta categoría o xurado considerou premiar con accésit ao traballo seguinte:

Traballo presentado baixo o título “EN BUSCA DO POZO” e o pseudónimo de “RAMOS” presentado por FRANCISCO MARTÍN MUÑOZ, pertencente a Asociación ASPAVI.

Para ler o relato fai CLIC no título

Francisco Martín Muñox "Curro" recollen o premio entregado pola Concelleira Dª Mª Victoria Couñago Corujeira

Unha vez entregados estes premios chamouse un por un ao resto de participantes non premiados nesta categoría para entregarlles a cada un deles un Diploma acreditativo da súa participación no certame e un libro de agasallo. (As imaxes dos participantes non premiados poderanse ver no Facebook da Biblioteca unha vez que se comparta esta noticia do blog).

E, por último, enntregouse tamén un lotes de libros para o centro ao que pertencen as persoas presentadas.

Mª Isabel Lorenzo Castro, Directora da Asociación ASPAVI recolle o lote de libros para o centro que lle entrega Dª Uxía Porritt Lueiro.

NOTA: Seguiremos publicando os datos e imaxes da entrega de premios dos gañadores e participantes do resto das categorías en novas noticias que sairán publicadas nos próximos días.

Esta actividade enmárcase no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2023 "OBRADOIROS E CERTAME DE CREACIÓN LITERARIA" organizado pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que conta coa axuda e patrocinio  o Departamento de Lingua da Deputación Provincial de Pontevedra.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

mércores, 13 de decembro de 2023

ENTREGA DE PREMIOS DO "V CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN"

No pasado mes de outubro informábamos da convocatoria do "V CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN" na súa 5ª edición no que podía participar todo o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria residente no municipio que estivera ou estea cursando estudos de nos colexios públicos do municipio durante os cursos 2022/2023 e/ou 2023/2024; e tamén abríamos a convocatoria aos usuarios dos Centros de Atención a Persoas con Diversidade Funcional con sede e actividade no concello de Pazos de Borbén.


Como xa sabedes de edicións anteriores, con esta nova convocatoria o Concello pretende seguir animando á creación literaria, á escrita e á lectura en lingua galega; fomentar a creatividade e potenciar a expresión e a comprensión escritasestimulando o uso da lingua galega entre os escolares e os mais mozos, así como tamén entre o colectivo de persoas con diversidade funcional.

Este ano ampliouse o número de categorías para participar a sete (7), dúas máis que nos anos anteriores, incluíndo por primeira vez ao alumnado de Infantil e ao colectivo de persoas con diversidade funcional.

O prazo para presentar os traballos estableceuse entre os días 2 de outubro e o 15 de Novembro de 2023; e a  nosa sorpresa foi que se presentaron un total de 149; un récord total en todos os anos de existencia deste pequeno certame literario; foron 91 máis que os presentados o ano pasado.

Os participantes podían presentar un único debuxo ou relato que tiña que ser orixinal, inédito, escrito en lingua galega e non premiado dentro do prazo estipulado nas bases do certame e entregalo na Biblioteca.

Na Categoría A presentáronse 13 participantes, todos eles persoas con diversidade funcional pertencentes á Asociación ASPAVI, que entregaron cadanseu debuxo ou relato.

Os participantes da Categoría B presentaron un debuxo cada un, e así o fixeron 43 alumnos e alumnas de Infantil do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e da EEI “A Galeriña” de Nespereira.

Na Categoría Cforon 25 rapaces e rapazas de 1º e 2º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos os que participaron cun debuxo cada un con algunha frase alusiva aos debuxos presentados.

O alumnado de 3º e 4º de Primaria, pertencentes á Categoría D presentaron un total de 18 traballos.

Na categoría E -alumnado de 5º e 6º de Primaria- presentáronse un total de 25 relatos.

O alumnado de 1º e 2º de ESO –Categoría F- presentaron un total de 15 traballos e na Categoría G –alumnado de 3º e 4º de ESO- foron 10 os participantes.

Nas bases do certame establecérase que a temática dos relatos era libre valorándose que incidiran preferentemente nas materias de igualdade, a diversidade, a tolerancia, o respecto e a prevención da violencia de xénero como valores esenciais para a convivencia entre homes e mulleres; na recollida de historias e lendas locais transmitidas oralmente de avós/avoas a pais/nais, a fillos/as e a netos/as que favorezan o coñecemento do patrimonio inmaterial de Pazos de Borbén; e na recollida de toponimia e microtoponimia dos lugares, barrios e parroquias do concello.

Desde BIBLIOPAZOS animamos desde un principio a todo o profesorado, pais, nais e demais familiares do alumnado e á dirección, persoal, etc., dos centros educativos e de atención a persoas con diversidade funcional do concello para que os estimularan a escribir e a participar nesta nova edición do certame, e parece que deu resultado.

Para motivar á participación realizáronse 13 sesións de dous Obradoiros de Creación Literaria denominados “Escribir para contar 2” e “Relato-Exprés. A personaxe da aula”, impartidos, respectivamente, polos escritores Miguel Anxo Alonso Díz e Andrea Barreira Freije (recente gañadora do VII Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba (Lugo) e Edicións Xerais de Galicia); aos que asistiron os usuarios da Asociación Aspavi e todo o alumnado de Infantil, Primaria e ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e da EEI “A Galeriña” de Nespereira; en total uns 207 escolares  dos centros educativos do municipio e uns 20 usuarios da Asociación Aspavi.


xurado do certame reuniuse o pasado día 1 de decembro e xa ten decidido ás premiadas e premiados nesta 5ª edición do certame que se darán a coñecer o próximo martes 19 de decembro nun acto que se realizará no Auditorio do Concello a partir das 12:00 horas e no que participarán ademais dos presentados ao certame, mestres, monitores, etc., o Alcalde do Concello e outros membros da corporación; os membros do xurado; e representación da Deputación Provincial de Pontevedra.

Por último comentar que esta actividade enmárcase no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2023 "OBRADOIROS E CERTAME DE CREACIÓN LITERARIA" organizado pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que conta coa axuda e patrocinio  o Departamento de Lingua da Deputación Provincial de Pontevedra.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

mércores, 11 de outubro de 2023

CONVOCATORIA DO "V CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN"

O pasado 18 de setembro demos conta a través deste Blog e das Redes Sociais da biblioteca das actividades que se van a realizar durante os meses de setembro-outubro e, entre elas está a convocatoria do "V CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN".

Nesta 5ª edición do certame poderá participar todo o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria residente no municipio que estivera ou estea cursando estudos de Infantil, Primaria ou Secundaria nos colexios públicos do municipio durante os cursos 2022/2023 e/ou 2023/2024; e tamén os usuarios dos Centros de Atención a Persoas con Diversidade Funcional que teñan a súa sede e actividade no municipio de Pazos de Borbén.

Coa convocatoria desta nova edición pretendemos seguir animando á creación literaria, á escrita e á lectura en lingua galega; fomentar a creatividade e potenciar a expresión e a comprensión escritas, estimulando o uso da lingua galega entre os escolares e os mais mozos, así como tamén do colectivo de persoas con diversidade funcional, facilitándolles a súa consecución mediante esta motivación como é a de participar nun certame literario no ámbito do relato breve.

Este ano ampliouse o número de categorías para participar a 7, dúas máis cos anos anteriores, incluíndo ao alumnado de Infantil e ao colectivo de persoas con diversidade funcional

    • Categoría A: Persoas con diversidade funcional
    • Categoría B: Alumnado de Educación Infantil
    • Categoría C: Alumnado de 1º e 2º de Primaria
    • Categoría D: Alumnado de 3º e 4º de Primaria
    • Categoría E: Alumnado de 5º e 6º de Primaria
    • Categoría F: Alumnado de 1º e 2º de ESO
    • Categoría G: Alumnado de 3º e 4º de ESO

O prazo para presentar os traballos será entre os días 2 de outubro e o 15 de Novembro de 2023.

Os participantes poderán presentar un único trabajo (debuxo ou relato) que deberá ser orixinal, inédito, escrito en lingua galega e non premiado dentro do prazo estipulado nas bases do certame e que deberán entregar na Biblioteca.

Os participantes na Categoría A: Persoas con diversidade funcional poderán presentar un debuxo nunha folla tamaño A4 por unha soa cara que inclúa unha ou máis frases alusivas ao mesmo; ou un relato escrito que se entregará en formato A4 por unha soa cara, manuscrito en letra clara ou ben impreso en tipo letra Arial, tamaño 14 puntos e entreliñado 1,5 liñas. A extensión mínima será dunha (1) páxina e máxima de dúas (2) páxinas.

As persoas participantes na Categoría B: Alumnado de Educación Infantil poderán presentar un debuxo nunha folla tamaño A4 por unha soa cara.

As persoas participantes na Categoría C: Alumnado de 1º e 2º de primaria poderán presentar un debuxo nunha folla tamaño A4 por unha soa cara que inclúa unha ou dúas frases alusivas ao debuxo presentado.


As persoas participantes nas restantes categorías deberán presentar os traballos en papel e entregaranse en formato A4 por unha soa cara, manuscritos en letra clara ou ben impresos en tipo de letra Arial, tamaño 14 puntos e entreliñado 1,5 liñas. A extensión mínima será dunha (1) páxina e máxima de catro (4) páxinas.

A temática dos relatos será libre pero valorarase que incidan preferentemente nas seguintes materias:
  • A igualdade, a diversidade, a tolerancia, o respecto e a prevención da violencia de xénero como valores esenciais para a convivencia entre homes e mulleres.
  • A recollida de historias e lendas locais transmitidas oralmente de avós/avoas a pais/nais, a fillos/as e a netos/as que favorezan o coñecemento do patrimonio inmaterial de Pazos de Borbén.
  • A recollida de toponimia e microtoponimia dos lugares, barrios eparroquias do concello.
Haberá dous premios por cada categoría que consistirán en:

Categoría A: Persoas con diversidade funcional
  • 1º premio: Un libro ou tableta electrónica+un lote de libros.
  • 2º premio: Un lote de libros.
Categoría B: Alumnado de Educación Infantil
  • 1º e 2º premios: Un lote de libros.
Resto das categorías (C, D, E, F, e G)
  • 1º premio: Un libro ou tableta electrónica+un lote de libros.
  • 2º premio: Un lote de libros
Co obxecto de fomentar a lectura en lingua galega e o traballo cooperativo entregarase tamén un lote de libros a cada unha das aulas do colexio e aos centros de atención a persoas con diversidade funcional que presenten máis de catro participantes ao certame. Ademaís todos os participantes non premiados recibirán un libro de agasallo.

Para máis información sobre o "V CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN" podes descargar as BASES do certame facendo click AQUÍ.

Desde BIBLIOPAZOS animamos a todo o profesorado, aos pais, nais e demáis familiares do alumnado e á dirección, persoal, etc., dos Centros de atención a persoas con diversiade funcional do concello para que os estimulen a escribir e a participar neste nova convocatoria do certame que chega a súa 5º edición.

Esta actividade enmárcase no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2023 "OBRADOIROS E CERTAME DE CREACIÓN LITERARIA" organizado pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que conta co patrocinio do Departamento de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

venres, 29 de setembro de 2023

Obradoiro de Creación Literaria "RELATO-EXPRÉS. A PERSONAXE DA AULA" con ANDREA BARREIRA FREIJE

Continuamos informando das actividades do Programa de Animación á Lectura e Dinamización do uso da Lingua Galega organizadas pola Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén “BiblioPazos”.

Presentamos outro Obradoiro de Creación Literaria para o alumnado da ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos denominado "RELATO EXPRÉS-A PERSONAXE DA AULA" será impartido pola escritora, xornalista e docente ANDREA BARREIRA FREIJE para todo o alumnado de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.


Terá lugar tamén nas instalacións do colexio en catro sesións dunha duración de hora e media cada unha e se realizarán nas seguintes datas e horarios:

Xoves, 5 de outubro
10:20 a 11:50 - 1º ESO
12:20 a 13:50 - 4º ESO

Venres, 6 de outubro
10:20 a 11:50 - 2º ESO
12:20 a 13:50 - 3º ESO
No curso escolar 2022-2023 aprendemos que para escribir un relato non só precisamos imaxinación e prestar atención ao que nos rodea, senón que tamén necesitamos coñecer o manexo dunhas ferramentas básicas: Quen conta a historia? O Narrador; Quenes marcan a accion? As personaxes; Onde e cando acontece todo? Espazo e tempo; Como estruturamos o relato? Tempo e trama...

“Relato-exprés” é un obradoiro de escrita que funciona como unha receita. A través de varios pasos, que van desde a inspiración á lectura, pasando pola escrita, descubriremos tanto o traballo que hai detrás dun texto como os elementos narrativos para poder conxugalo todo e así contar unha historia.

Pero hai máis... Moito máis detrás deses elementos. Unha vez que coñecemos os ingredientes elementais, chega o momento de descubrir distintas variantes, fórmulas, estratexias... Cantos personaxes hai? É o mesmo o protagonista que o secundario? Que é a personaxe confidente? E que pasa se comezamos polo final? E se todo se repite unha e outra? Podo contar eu a historia? Ou ten que ser alguén de fóra? E se a conto eu e outro?

Durante o curso 2023-2024 profundaremos na escrita da narrativa descubrindo novos narradores, personaxes, estruturas...

En “Relato-exprés” o inicio e o final é en equipo, pois sempre resulta interesante formular ideas diversas e escoitar o traballo do resto da aula desde unha perspectiva construtiva, buscando o mellor resultado. O proceso creativo será individual, para que cadaquén poida contar a historia que máis lle interese.

Público: Rapazada de 1º a 4º da ESO. Cada persoa escribirá un relato xogando con narradores e estruturas máis complexas das aprendidas ata o momento, o que lles permitirá experimentar coa narración.

1º ESO: Este curso ao ser o primeiro ano que recibe o obradoiro, descubrirá os elementos básicos para a construción dun relato: que é narrador, as personaxes, o espazo, o tempo e a trama máis básica.

2º, 3º e 4º ESO: Nestes cursos profundaremos nos distintos tipos de narradores, en como se relacionan as diversas personaxes e como podemos manexar o tempo do relato para variar a súa estrutura.
Esta actividade enmárcase no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2023 "OBRADOIROS E CERTAME DE CREACIÓN LITERARIA" organizado pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que conta co patrocinio do Departamento de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

xoves, 21 de setembro de 2023

"CONVERSAS CON TANA: acerca da igualdade de xénero", un espectáculo de AL GUANELLA co que conmemoraremos o DÍA INTERNACIONAL DA PAZ

Continuamos coa programación de actividades de animación á lectura do programa de dinamización da lectura "LER CONTA MOITO" que promove a Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en colaboración coas entidades locais.

Con esta actividade conmemoraremos o Día Internacional da PAZ que se celebra o día 21 de setembro desde o ano 1981 en que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas (ONU) promulgou este día como o Día Internacional da Paz; unha data dedicada a conmemorar os ideais de paz de cada pobo e cada nación, con especial énfase no desenvolvemento social e económico en diversas facetas: pobreza, fame, saúde, educación, cambio climático, igualdade de xénero, auga, saneamento, electricidade, medio ambiente e xustiza social. A celebración desta efeméride susténtase no artigo 3 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos "Todo individuo ten dereito á vida, á liberdade e á seguridade da súa persoa", sentando as bases para a liberdade, a xustiza e a paz no mundo.


T
erá lugar o Venres 22 de setembro a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello e nel contaremos coa presencia do artista AL GUANELLA e a súa cadeliña TANA co seu espectáculo "CONVERSAS CON TANA: acerca da igualdade de xénero”, unha representación teatral, baseada na ventriloquía, que inclúe maxia, xogos de preguntas e respostas, cancións e a participación directa do público presente; onde un granxeiro e a súa cadeliña Tana, manteñen unha fluída e divertida conversa na que afloran diálogos delirantes como os que aparecen desde a presentación dos personaxes, ata desencadear na cuestión da igualdade de xénero.

Están convidados para asistir todo o alumnado de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI; ademais do público en xeral que se inscriba previamente na Biblioteca chamando ao teléfono 986 497 273 e ata completar o aforo.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

mércores, 20 de setembro de 2023

OBRADOIRO DE CREACIÓN LITERARIA "ESCRIBIR PARA CONTAR 2", con Miguel Anxo Alonso Diz

Unha vez convocado o "V CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN", e para animar á escrita a todos os que queiran participar temos organizado varios "OBRADOIROS DE CREACIÓN LITERARIA".

O primeiro deles é o titulado "ESCRIBIR PARA CONTAR 2" e será impartido polo escritor, poeta, docente e contacontos MIGUEL ANXO ALONSO DIZ e nel participará todo o alumnado de Infantil e Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos; o alumnado de Educación Infantil da EEI "A Galeriña" de Nespereira; e os usuarios da Asociación ASPAVI.

Este obradoiro terá lugar nas instalacións escolares e da Asociación ASPAVI en 9 sesións de entre 50 e 90 minutos cada unha delas nos seguintes días e  horarios:

-Mércores, 20 de setembro:

11:45 a 12:35 - Infantil CPI Pazos
13:00 a 14:15 - 1º Primaria CPI Pazos

-Xoves, 21 de setembro:

09:45 a 11:00 - 2º de Primaria

Venres, 22 de setembro:

11:35 a 12:20 - Infantil EEI “A Galeriña”-Nespereira

Mércores, 27 de setembro:

13:00 a 14:30 - 4º de Primaria

Xoves, 28 de setembro

09:45 a 11:15 - 5º de Primaria

Venres, 29 de setembro:

11:30 a 13:00 - Asociación ASPAVI
13:00 a 14:30 - 3º de Primaria

Mércores, 4 de outubro:

13:00 a 14:30 - 6º de Primaria

Dando continuidade aos obradoiros “ESCRIBIR PARA CONTAR” realizados no ano 2022, nesta nova edición dos obradoiros ensínase ao alumnado participante os procesos de creación. Camiñando pola palabra, tanto escrita como oral, a imaxe e mesmo a expresión teatral para dotar dunha visión o máis completa posible; sempre adaptándose ao nivel da rapazada participante e dando resposta ás necesidades de cada grupo e de cada persoa.

Nas actividades búscase fomentar a creatividade, o amor pola arte en xeral e pola nosa lingua.

Todas estas variables xogan un papel relevante no intre de pórse diante da folla en branco.

Ademais incorpóranse os ciclos de infantil e o colectivo de persoas con diversidade funcional feito co que se busca achegar a un colectivo de persoas máis amplo o labor desenvolto a través de obradoiros adaptados a cada idade e circunstancia.

Os obxectivos que se pretende conseguir son os seguintes:

  • Incentivar a creatividade e o valor da orixinalidade.
  • Estimular a creación de historias vencelladas co noso entorno, sementando neles o aprecio e valoración do propio, tanto na súa vertente material (patrimonio histórico), como inmaterial.
  • Asociar a escrita ao xogo, e non só a escrita, senón tamén o propio proceso de aprendizaxe.
  • Enlazar elementos escritos e de narración visual e conectar a escrita e a narración oral. Incentivar a transmisión oral de historias no seu entorno familiar.
  • Incentivar a lectura como motor da escrita. Iniciar no xogo de palabras.
  • Escribir como ferramenta de expresión dun mesmo.
  • Fomentar o uso da lingua galega.
  • O emprego da expresión artística galega como un elemento de expresión integradora na sociedade e de fomento do respecto á diversidade.

 Os obradoiros están estruturados en cinco niveis:

- Primeiro nivel: Ciclo de Infantil 

  • Escribir para contar.
  • Narrar a través da imaxe.

- Segundo nivel: 1º e 2º de Primaria 

  • O valente coello que quixo soñar.
  • Unha intervención artística.
  • Creación de personaxes.
  • Pequenas historias. Debuxamos.

 - Terceiro nivel: 3º e 4º de Primaria 

  • Unha historia entre todos.
  • Unha imaxe. Descubrir a historia agochada.
  • O meu conto é o máis tolo.
  • O relato máis curto do mundo.

 - Cuarto nivel: 5º e 6º de Primaria 

  • A historia encadeada.
  • Mesmas palabras, diferentes contos.
  • A miña avoa contaba...
  • Escoitei un ruído que proviña de fóra...
  • Contamos as nosas historias.

 -Quinto nivel: Colectivos de persoas con diversidade funcional 

  • Que queremos contar?
  • Debuxo como ferramenta de narración.
  • Recursos para contar unha historia.
Esta actividade enmárcase no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2023 "OBRADOIROS E CERTAME DE CREACIÓN LITERARIA" organizado pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que conta co patrocinio do Departamento de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger