Amosando publicacións coa etiqueta Actividadades. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Actividadades. Amosar todas as publicacións

mércores, 15 de maio de 2024

"TINTA DO MAR" contacontos ilustrado sobre LUISA VILLALTA de "POLO CORREO DO VENTO" para celebrar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Na Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén - BiblioPazos, queremos conmemorar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS e para elo o próximo Martes 21 de Maio ás 11:00 horas da mañá nas instalacións do CPI “Curros Enríquez” de Pazos recibiremos a visita de Quique Mauricio e Carlos Taboada de POLO CORREO DO VENTO que nos ofrecerán o seu contacontos ilustrado baseado no libro “TINTA DO MAR. Pequena biografía de Luisa Villalta”, editado por Polo Correo do Vento a través de Lela Edicións.



Nesta actividade narrarase oralmente a historia, sempre dando pinceladas da obra e vida da autora LUISA VILLALTA GÓMEZ a quen a Real Academia Galega dedica este ano este día tan importante para a exaltación a promoción da nosa literatura e da nosa lingua; e farase un obradoiro de debuxo no que se realizará unha caricatura da escritora, filóloga e violinista galega.
Temos comprometida a asistencia a este evento do alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e da EEI “A Galeriña” de Nespereira; co obxectivo de que a cativada coñeza á autora homenaxeada este ano no DÍA DAS LETRAS GALEGAS.

O Concello adquiriu 100 exemplares do libro e cada un dos asistentes a este evento será agasallado cun exemplar; ademáis tamén obsequiarase cun exemplar a cada un dos escolares de 3º e 4º de Primaria do CPI “Curros Enríquez”, ata acabar as existencias.

Por último animar a toda a veciñanza a conmemorar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS participando en calquera das actividades que levamos e cabo en BiblioPazos e tamén nas que se realizan noutras bibliotecas, escolas e outras institucións da nosa comarca para estimular a todo o mundo a ler polo menos 20 minutos cada día, e mellor si o fan na nosa lingua galega.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

mércores, 17 de xaneiro de 2024

GALA DE ENTREGA DE PREMIOS DO "V CERTAME DE RELATO CURTO" DO CONCELLO DE PAZOS DE BORBÉN - (2) CATEGORÍA B: ALUMNADO DE EDUCACIÓN INFANTIL


Volvemos de novo para informar da Gala de entrega de premios do V CERTAME DE RELATO CURTO de Pazos de Borbén que tivo lugar pasado martes 19 de decembro de 2023 no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén e no que participaron maís de 149 persoas entre escolares e mestres do CPI "Curros Enríquez" de Pazos, monitores e usuarios da Asociación ASPAVI e algúns veciños e veciñas.

O acto foi presidido polo Sr. Alcalde-Presidente do Concello D. Xosé Luciano Otero Camiña que estivo acompañado dos concelleiros Dª Mª Victoria Couñago Corujeira e D. Ivan Martínez Ventín; da Deputada provincial Dª Mª Sandra Bastos Míguez; e dos membros do xurado do Certame Dª Uxía Porritt Lueiro; D. Manuel González Pastoriza, Dª Andrea Barreira Freije, D. Miguel Anxo Alonso Diz, Dª Mª Isabel Lorenzo Castro e D. José Manuel Soto Virulegio.

Despois de diversas intervencións por parte dos membros do xurado Dª Uxía Porrit Lueiro e Dª Andrea Barreira Freije; da Deputada provincial Dª Mª Sandra Bastos Míguez e do Sr. Alcalde D. Xosé Luciano Otero Camiña, procedeuse polo secretario do xurado á lectura dos premios outorgados polo xurado para a súa entrega aos galardoados e galardoadas.

Unha vez feita a entrega de premios aos presentados na Categoría A.- Persoas con Diversidade Funcional (noticia e imaxes publicadas no Blog e Facebook o 16/01/2024), procedemos a informar da entrega aos participantes da seguinte categoría.

CATEGORÍA B.- ALUMNADO DE EDUCACIÓN INFANTIL:

Participantes da Categoría B.- Alumnado de Educación Infantil cos membros do xurado e autoridades

Primeiro premio correspondeu ao traballo presentado baixo o título “NENAS E NENOS: DIFERENTES, PERO IGUAIS” e o pseudónimo de “OSITA”, presentado por CINTHIA DOPAZO PÉREZ, de 5 anos, estudante de 6º de Infantil do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

 Para ver o traballo fai CLIC no título 

Cinthia Dopazo Pérez recollendo o seu premio que lle entrega o Alcalde do Concello D. Xosé Luciano Otero Camiña
O Segundo premio foi para o traballo presentado baixo o título "RAIAS BONITAS" e o pseudónimo de “LRM”, presentado por LAURA RODRÍGUEZ MARTÍNEZ, de 4 anos, estudante de 5º de Infantil do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

Para ver o traballo fai CLIC no título 

O escritor Miguel A. Alonso Diz entregando o premio a Laura Rodríguez Martínez.

Nesta categoría o xurado considerou premiar con Accésits aos traballos seguintes:

Traballo presentado baixo o título “XOGANDO XUNTOS” e o pseudónimo de “VELOZ”, presentado por ROI PAZOS CAMIÑA, de 5 anos, estudante de 6º de Infantil da EEI "A Galeriña" de Nespereira.

Para ver o traballo fai CLIC no título

Traballo presentado baixo o título “COMPARTINDO EN IGUALDADE” e o pseudónimo de “CHASE”. Aberta a plica correspondeu a autoría de MARTÍN SEIJAS MARTÍNEZ, de 5 anos, estudante de 6º de Infantil.

Para ver o traballo fai CLIC no título

Martín Seijas Martínez recolle o seu premio que lle entrega o mestre do CPI "Curros Enríquez" Manuel González Pastoriza

Traballo presentado baixo o título “O AMIGO DO XABARIL” e o pseudónimo de “JABALÍ”, presentado por JOSE LUIS BARCIELA DOMINGUEZ, de 5 anos, estudante de 6º de Infantil da EEI "A Galeriña" de Nespereira.

Para ver o traballo fai CLIC no título

Traballo presentado baixo o título “O SANTO APARECIDO” e o pseudónimo de “UNICORNIA”, presentado por AINARA RAMÍREZ PÉREZ, de 5 anos, estudante de 6º de Infantil do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

Para ver o traballo fai CLIC no título

O concelleiro Iván Martínez Ventín entrega o premio a Ainara Ramírez Pérez
De seguido chamouse un por un ao resto de participantes non premiados nesta categoría para entregarlles a cada un deles o Diploma acreditativo da súa participación neste certame e un libro de agasallo.

Entregouse tamén uns lotes de libros aos mestres para as aulas de infantil.


Os mestres de Infantil do CPI "Curros Enríquez" de Pazos recollendo os lotes de libros entregados por Uxía Porrit Lueiro e Miguel Anxo Alonso Diz
Non puideron asistir á entrega de premios o alumnado da EEI de Nespereira aos que se lles entregou os seus diplomas, premios e agasallos nas súas aulas ao día seguinte deste acto e que publicaremos en vindeiras noticias.

NOTA: O resto de datos e imaxes da entrega de premios dos gañadores e participantes desta e doutras categorías publicaránse en novas noticias que sairán nos próximos días.

Esta actividade enmárcase no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2023 "OBRADOIROS E CERTAME DE CREACIÓN LITERARIA" organizado pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que conta coa axuda e patrocinio  o Departamento de Lingua da Deputación Provincial de Pontevedra.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

domingo, 14 de maio de 2023

"MAXIA PARA SOÑAR”" para conmemorar o DIA DAS LETRAS GALEGAS


Para conmemorar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS deste ano 2023 que se celebra como sempre o día 17 de Maio, teremos con nós ao ilusionista MAGO MARCO, quen nos traerá o seu espectáculo "MAXIA PARA SOÑAR”.

A actividade terá lugar o Martes día 16 de Maio ás 10:00 horas no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén, e están convidados para asistir ao mesmo todo o alumnado de Infantil e Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos; da EEI “A Galeriña” de Nespereira; e os usuarios da Asociación ASPAVI.

“MAXIA PARA SOÑAR” é un espectáculo sorprendente, para gozar en familia, onde o Ilusionista Mago Marco propón unha viaxe de soño e ilusións envoltas nun misterio. A proposta de Marco é a maxia clásica adaptada aos nosos tempos con aparicións, desaparicións, levitacións imposibles e o máis importante unha maxia interactiva en que o público é o grande protagonista.

Esta actividade atópase incluída no programa de dinamización da lectura LER CONTA MOITO que promove a Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración cos concellos e coas súas bibliotecas.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

martes, 13 de decembro de 2022

"O APALPADOR" visita Pazos de Borbén para conmemorar a chegada do NADAL

 E como non podía ser doutra forma, unha vez rematado o espectáculo de Maxia seguiremos conmemorando a chegada do NADAL a Pazos de Borbén coa visita de O APALPADOR, a tradicional figura do Nadal na Galiza, que ademáis de Pazos de Borbén visitará este ano 45 concellos máis da man da Deputación de Pontevedra grazas á octava edición do programa ‘Nadal en Galego’ do departamento de Lingua dirixido pola deputada María Ortega que concedeu a actuación a todos os municipios que o solicitamos.

A visita en Pazos de Borbén terá lugar o Martes día 20 de decembro a partir das 13:00 horas na Praza do Concello e espérase a participación de todos aqueles veciños e veciñas que se queiran achegar e dos escolares do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e dos usuarios da Asociación ASPAVI; que están especialmente convidados a asistir á mesma.

Como cada ano, a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable, entre outros, serán os valores  que fomentará O APALPADOR, xunto ao seu compañeiro acordeonista, SERVANDO BARREIRO, e o seu burro RÍO LOR, coas actuacións e os pasarrúas, levando a música, o baile e as anécdotas a todas as comarcas da provincia.

O programa ‘Nadal en Galego’ da Deputación Provincial foi deseñado tamén para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, 'O Apalpador' representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas para apalpar os bandullos das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura. 

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger