domingo, 30 de maio de 2021

A DETECTIVE PEREGRINA E O INSÓLITO "CASO ANTÓN FRAGUAS"

A DETECTIVE PEREGRINA E O INSÓLITO "CASO ANTÓN FRAGUAS"
Autor: Enrique Mauricio
Ilustracións: Carlos Taboada
Lela Edicións
Colección: BD

Xénero: Literatura Infantil en Galego - Banda deseñada

Idade recomendada: +6 anos

A detective Peregrina é unha entusiasta da cultura galega.Un día descubrirá a obra de Antón Fraguas e iso cambiará a súa vida.

E a de toda a veciñanza.

ISBN: 978-84-946043-6-2
Nº de páxinas: 32
Encuadernación: Tapa branda
Formato: 16 x 16 cm

sábado, 29 de maio de 2021

A DETECTIVE PEREGRINA E O MISTERIO DO TORQUE

A DETECTIVE PEREGRINA E O MISTERIO DO TORQUE
Autor: Enrique Mauricio
Ilustracións: Carlos Taboada
Lela Edicións
Colección: BD

Xénero: Literatura Infantil Galega - Banda deseñada

Idade recomendada: +6 anos

A detective Peregrina sempre quere ir un paso por diante nas súas investigacións. Por iso visita con frecuencia o Museo de Pontevedra. Disque lle axuda a pensar, sempre aprende algo novo e ademais é moi divertido.

ISBN: 978-84-946043-5-5
Nº de páxinas: 32
Encuadernación: Tapa branda
Formato: 16 x 16 cm

XELARIAS: Palabra á intemperie

XELARIAS: Palabra á intemperie
Textos: Emma Pedreira
Ilustracions: Laura Romero
Baía Edicións

Xénero: Literatura Infantil Galega - Poesía

Idade recomendada: + 10 anos

Que é unha poeta? Como nace? Como é no colexio, na casa, na vida?

A través dunha conversa a tres bandas, Emma Pedreira e Laura Romero preséntannos a Xela Arias, poeta, tradutora, docente, letrista e, sobre todo, muller transgresora.

Poemas a dúas voces, colaxes e ilustracións para recuperar e coñecer a figura dunha das nosas voces máis interesantes e, se cadra, máis descoñecidas da literatura.

Dí Emma deste libro diferente e un pouco punk: "Non quero facer unha biografía ao uso. Quero falar dunha poeta, que podería ser outra, que podería ser ata eu mesma e non, é Xela e eu con Xela ou Xela en min e, por aí, ando debullando o íntimo dos seus versos nos meus."

Emma Pedreira recita o poema da páxina 38 “ROMPER” coa música de fondo de Zënzar, grupo ao que pertence Laura Romero como baixista. Versión instrumental de Samurai, incluído no seu último traballo "Benvidas ao futuro", 2019. ESCOITA O AUDIO.


ISBN: 978-84--9995-358-8
Nº de páxinas: 52
Encadernación: Tapa dura con lapelas
Formato: 19x15 cm

venres, 28 de maio de 2021

LIBERDADE, SOLIDARIEDADE E AMOR POLA LINGUA. Pequena biografía de Xela Arias

LIBERDADE, SOLIDARIEDADE E AMOR POLA LINGUA
Pequena biografía de Xela Arias
Textos: Polo Correo do Vento
Ilustracións: Tania Solla
Lela Edicións
Colección: Mulleres Galegas

Xénero: Literatura Infantil Galega - Biografías

Idade recomendada: +6 anos

Xela Arias Castaño (Sarria, 1962 - Vigo, 2003) foi unha escritora, editora, tradutora e profesora galega. Poeta rompedora e muller comprometida co movemento feminista, ecoloxista e pacifista, é homenaxeada co Día das Letras Galegas en 2021.

Comezou con dezaoito anos a traballar en Edicións Xerais de Galicia, primeiro de oficinista e logo de editora e corretora. Colaborou en diversas publicacions como A Nosa Terra, Diario 16 de Galicia, Faro de Vigo, Luzes de Galicia ou Festa da Palabra Silenciada.

A liberdade, solidariedade e amor pola lingua son claves na súa biografía. Entre as súas obras destacan "Denuncia do equilibrio", "Darío a diario" ou "Tigres coma cabalos".

ISBN: 978-84-121263-5-8
Nº de páxinas: 32
Encadernación: Tapa branda
Formato: 16x16 cm

xoves, 27 de maio de 2021

"MIÑA TERRA, MEU LAR" con Felipe Díaz "Caxoto contacontos" - Día Mundial do Medio Ambiente


E damos por rematadas as actividades deste primeiro semestre do ano cunha proposta medioambiental que terá lugar o Venres 4 de xuño ás 13:00 horas no Auditorio do Concello e á que asistirán os alumnos de 5º e 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

"MIÑA TERRA, MEU LAR (Contos ambientais)" de FELIPE DÍAZ (CAXOTO contacontos) de A Trastenda dos Contos, é unha reflexión sobre a nosa pegada ambiental neste mundo que cumpre todas as funcións dun fogar: Danos de comer, danos agocho, é un espazo onde atoparnos a nós mesmos e ós que nos rodean.

Un varredor (ou como el prefire que lle digan chico da limpeza) que pasa polo escenario aproveita que o espectáculo aínda non vai comezar para esixir que se deixe de tirar cousas ao chan. Está farto de recoller chicles, papeis, panos dos mocos e avoas en bo estado de uso.

A partir deste comeza un pouco esperpéntico o seu discorrer escénico irá virando cara un todo máis amable dende o que abordar contos, xogos e cantigas de carácter ambiental.

Entre outros contidos tocaranse aspectos como a pegada ecolóxica, a reciclaxe (norma das tres R), a auga como fonte de vida, ... todo salpementado con datos, curiosidades e anécdotas que nos permita sensibilizar na necesidade de coidar o noso entorno para que él nos coide a nós.

PARTICIPA NAS ACTIVIDADES DE BIBLIOPAZOS!!!

ESPERÁMOSTE!!!

O GATO GAIADO E A ANDORIÑA SEÑÁ: Unha historia de amor

O GATO GAIADO E A ANDORIÑA SEÑÁ: Unha historia de amor
Autor: Jorge Amado
Ilustracións: Carybé
Tradución: Xela Arias
Edicións Xerais de Galicia

Xénero: Literatura Infantil en Galego - Contos

Idade recomendada: +9 anos

Era unha vez antigamente, pero moi antigamente, nas profundidades do pasado, cando os bichos falaban, os cadelos se ataban con longaínzas, xastres casaban con princesas e meniños chegaban nos peteiros das cigoñas.

Hoxe, nenos e nenas xa nacen sabéndoo todo, deprenden no ventre materno onde se fan psicoanalizar para escoller cada cal o complexo preferido: a anguria, a soidade, a violencia. Aconteceu naquel entón unha historia de amor...

"O gato Gaiado e a Andoriña Señá namóranse na primavera, pero o seu amor é imposible. Ela casa co reiseñor e el sae en busca da terrible cobra cascabel. Os animais do parque son testemuñas do drama."

ISBN: 84-7507-226-7
Nº de páxinas: 80
Encadernación: Tapa dura
Formato: 20 x 26 cm

mércores, 26 de maio de 2021

DRÁCULA

DRÁCULA
Autor: Bram Stoker
Tradución: Xela Arias
Edicións Xerais de Galicia
Colección Xabarín

Xénero: Literatura Xuvenil en Galego - Narrativa

Levada ó cine en numerosas ocasións, entre elas por Coppola, a universal novela de Bram Stoker, Drácula agocha, tralo mito do vampiro, asuntos humanos fundamentais que todas as persoas senten e coñecen, Bram Stoker fai confluir en Drácula dúas tradicións: o vampiro literario e o folclórico.

O vampiro, esa alma diabólica condenada a vagar eternamente sen repouso, está presente en moitas culturas, porque en todas elas o sangue se percibe como unha forma de enerxía vital.

ISBN: 84-8302-469-1
Nº de páxinas: 448
Encadernación: Tapa branda
Formato: 14 x 19 cm

martes, 25 de maio de 2021

O DERRADEIRO DOS MOHICANOS

O DERRADEIRO DOS MOHICANOS
Autor: Fenimore Cooper
Tradución: Xela Arias 
Edicións Xerais de Galicia S.A.
Colección Xabarín

Xénero: Literatura Xuvenil en Galego - Narrativa

A imaxe que temos dos indios americanos débese máis ós contos de Ollo-de-falcón e, en particular a O derradeiro dos mohicanos, que a calquera outro texto escrito.

Non ha ser difícil para os lectores situárense na paisaxe e na acción referencial de centos de películas e libros onde os pobos indios, os "pel vermella", deambulan a través desa épica e enorme fronteira americana. Alí a natureza convértese en parte integrante dos acontecementos.

É a historia dos mohicanos, tribo algonquin asentada na costa de Connecticut.

ISBN: 84-7507-768-4
Nº de páxinas: 483
Encadernación: Tapa branda
Formato: 13,5 x 19 cm

luns, 24 de maio de 2021

O BOSQUE ANIMADO

O BOSQUE ANIMADO
Autor: Wenceslao Fernández Flórez
Tradución: Xela Arias
Edicións Xerais de Galicia
Colección: Xabaril

Xénero: Literatura Xuvenil Galega - Narrativa

O bosque animado é o gran libro da Fraga de Cecebre, situada no concello de Cambre, preto da Coruña. Nestas páxinas vibrantes, Fernández Flórez narra as historias pequenas dos habitantes da fraga: Fendetestas, Xeraldo, Hermelinda, Pilara, Marica etc. Mais tamén dos aparecidos ou fantasmas que pasean polo bosque: a alma en pena de Fiz Cotobelo e por suposto de Hu-Hu e as súas moscas, do clan dos gatos ceibes, ou das árbores que cren que un poste de telégrafos é unha compañeira delas.

Nesta novela fantástica latexa, algueirante e punxente, o buligar vital, polo común da xente, da multitude de animais e plantas que constitúen o mundo insospeitado da Fraga de Cecebre, xunto coa tensa andaina humana duns seres conformados indubidablemente pola cultura galega.

Esta tradución galega dunhas das novelas principais de Fernández Flórez, preparada por Xela Arias e agora completamente actualizada e revisada, constitúe unha invitación afervoada a descubrirmos o rico mundo de noso.

ISBN: 978-84-9914-021-6
Nº de páxinas: 304
Encadernación: Tapa branda
Formato: 13 x 21 cm

domingo, 23 de maio de 2021

O SPLEEN DE PARÍS

O SPLEEN DE PARÍS
Pequenos poemas en prosa
Autor: Charles Baudelaire
Tradución: Xela Arias
Laiovento Edicións

Xénero: Literatura en Galego - Poesía

Ao percibir que o poema versificado non lle permitía alcanzar a verdadeira modernidade poética, Baudelaire interesouse polo poema en prosa. Lembrando o Gaspard La Nuit, de Aloysius Betrand, intentou «facer algo parecido, e aplicar á descrición da vida moderna, ou mellor dito dunha vida moderna e máis abstracta, o procedemento que el aplicara para retratar a vida antiga, coas súas rarezas tan pintorescas». Para realizar esta «tarefa», o poeta soñou «co milagre dunha prosa poética, musical pero sen ritmo nin rima, suficientemente flexible e contrastada como para poder adaptarse aos movementos líricos da alma, ás ondulacións do soño, aos sobresaltos da conciencia». Así naceu unha serie de poemas en prosa que Baudelaire quixo reagrupar co título de O spleen de París. Con estes «pequenos poemas en prosa», o poeta afonda tanto na cidade moderna, da que é o primeiro en tirar a poesía, como no seu «vómito confuso», revelando unha escrita pasional e intensa destinada a revolucionar a literatura poética.

O poeta retoma nestes poemas en prosa temas d’As flores do mal, como se quixese reformulalos para mergullar o lector no misterio da creación: o spleen, a muller e a morte. E o lectorado galego ten nas mans este libro de Baudelaire, traducido por Xela Arias, unidos, non só pola poesía, senón por ser ambos, seguindo a Pierre Bourdieu, unha sección autónoma da poesía francesa e da poesía galega, respectivamente.

ISBN: 978-84-8487-517-8
Nº de páxinas: 113
Encadernación: Tapa branda
Formato: 14 x 21 cm

sábado, 22 de maio de 2021

DARÍO A DIARIO

DARÍO A DIARIO
Autora: Xela Arias
Ilustracións: Iván R.
Edicións Xerais de Galicia
Colección Camaleón

Xénero: Literatura Infantil Galega - Poesía

Idade recomendada: +10 anos

En 1996 Xela Arias publica Darío a diario, un libro de poemas dedicado ao seu fillo, que ofrece unha visión desidealizada e ao tempo fonda e entrañable da experiencia da maternidade.

En palabras da propia poeta: Darío a diario non naceu coa vocación de ser o que hoxe é: un libro encadernado e público. Foi, no seu principio, a necesidade imperiosa de explicarlle ao meu fillo o manifesto íntimo e interno de intencións maternas nas que el mesmo, polo feito de existir, me obrigaba a moverme; o compendio de contradicións que a maternidade me provoca.

Nesta nova edición os poemas veñen acompañados por ilustracións do artista Iván R.

ISBN: 978-84-9121-862-3
Nº de páxinas: 56
Encadernación: Tapa branda
Formato: 22 x 15 cm

venres, 21 de maio de 2021

TIGRES COMA CABALOS

TIGRES COMA CABALOS
Autora: Xela Arias
Fotografías: Xulio Gil
Engaiolarte Edicións

Xénero: Literatura Galega - Poesía

O seu libro máis transgresor, obrigada referencia na obra de Xela Arias, unha criación combinada de poesía e fotografía, nacida man con man entre a poeta e o fotógrafo Xulio Gil.

Inclúe dous traballos críticos de Xosé Enrique Acuña e María Xesús Nogueira.

ISBN: 978-84-123155-3-0
Nº de páxinas: 123
Encadernación: Tapa dura
Formato: 30 x 22 cm

xoves, 20 de maio de 2021

A POESÍA DO RETRATO

A POESÍA DO RETRATO
Autora: Xela Arias
Fotografías: Xulio Gil
Textos: Xosé Enrique Acuña R. e Marga Romero Lorenzo (Marga do Val)
Engaiolarte Edicións

Xénero: Literatura Galega - Poesía

Máis de 40 retratos realizados por Xulio Gil en diferentes épocas de Xela Arias, combinados cunha escolma dos seus versos, configuran este traballo acompañado de sendos estudos de Xosé Enrique Acuña e Marga do Val.

ISBN: 978-84-123155-4-7
Nº de páxinas: 102
Encadernación: Tapa branda
Formato: 29 x 21 cm.

mércores, 19 de maio de 2021

DENUNCIA DO EQUILIBRIO

DENUNCIA DO EQUILIBRIO
Autora: Xela Arias
Edicións Xerais de Galicia

Xénero: Literatura Galega - Poesía

«Denuncia do equilibrio», publicado en 1986 a contracorrente da poesía galega daquel momento, é un libro rabiosamente contemporáneo. Cuestiona a orde establecida, afonda con inquedanza na voz interior dunha poeta orixinal e libre e transmite, desde a propia sintaxe, o desacougo da vida cotiá, das emocións e do amor.

Este primeiro libro de poemas de Xela Arias dá conta do arrebato dunha voz nova, independente, radicalmente propia, que se pon en marcha cunha enorme forza simbólica. Como di a poeta Olga Novo no limiar en «Denuncia do equilibrio» está «a altura, o precipicio, a conmoción».

Autor Lois_ac
Autor: Lois_ac
Xela Arias
(Sarria, 1962-Vigo, 2003), poeta, tradutora e editora, desenvolveu o seu traballo profesional en Xerais entre 1980 e 1990. A partir dese ano e ata 1996, foi correctora de estilo da editorial. Tras licenciarse en Filoloxía, exerceu como profesora de ensino secundario ata o seu falecemento. Como poeta, publicou os libros Denuncia do equilibrio (1986),; Tigres coma cabalos (1990), en colaboración co fotógrarfo Xulio Gil; Darío a diario (1995); e Intempériome (2003). Posuidora dunha voz inclasificable, a súa obra poética está marcada pola innovación e unha intención transgresora da palabra.

ISBN: 978-84-9121-882-1
Nº de páxinas: 80
Encadernación: Tapa branda
Formato: 20 x 15 cm

martes, 18 de maio de 2021

DE CERTO, A VIDA ÍA EN SERIO

DE CERTO, A VIDA ÍA EN SERIO
Autora: Xela Arias
Textos e fotografías: Darío Gil Arias
Imaxe da cuberta: Xulio Gil
Chan da Pólvora

Xénero: Literatura en Galego - Poesía

A partir de entrevistas, conferencias, autopoéticas e poemas, “Chan da Pólvora” reconstrúe a personalidade e a obra de Xela Arias nunha antoloxía de textos intensos e demoledores.

María Xesús Nogueira a foi a encargada de realizar a selección e o estudo complementario sobre unha muller que viviu de maneira intensa e, con frecuencia indómita, o seu tempo. Non só recolle textos poéticos da autora senón que recupera un prezado material: entrevistas, autopoéticas, reflexións ou conferencias que permite reconstruír a biografía e mais a personalidade da autora a partir das súas propias palabras, unha perspectiva ata agora inédita.

“Asinamos ser libres e o vieiro é a independencia total e gratuíta”, escribe Xela Arias neste libro de forza incontestable, titulado como un dos seus versos máis rotundos, De certo, a vida ía en serio.

Non se trata unicamente dunha escolma ou dunha biografía. Estamos ante unha mirada transversal que reconstrúe a complexidade da escritora a través das súas propias palabras, pero tamén unha esixente selección de poemas, intensos e demoledores, visionarios e inquietantes.

ISBN: 978-84-122221-7-3
Nº de páxinas: 106
Encadernación: Tapa branda
Formato: 21 x 13 cm

luns, 17 de maio de 2021

POESÍA REUNIDA

POESÍA REUNIDA
Autora: Xela Arias
Edición de María Xesús Nogueira Pereira
Fotografía: Xulio Gil
Edicións Xerais de Galicia

Xénero: Literatura en Galego - Poesía

O volume Poesía reunida (1982-2004) dá conta da obra poética de Xela Arias e quere contribuír á súa difusión e coñecemento. A escritora ocupou un lugar de seu na cartografía literaria das últimas décadas e a súa obra está en consonancia coa renovación do discurso poético producida dos anos 80 en diante, así como coa proliferación dos discursos do feminismo, aos que acompañou como pioneira.

Xela Arias, que manifestou en numerosas ocasións un sentimento de soidade xeracional, reivindicou a condición de muller escritora e reaccionou con contundencia contra o carácter invisibilizador das etiquetas. Para ela, a poesía era «un trato coa búsqueda da vida poderosamente iluminada».

ISBN: 978-84-9121-428-1
Nº de páxinas: 440
Encadernación: Tapa branda
Formato: 15 x 22 cm

domingo, 16 de maio de 2021

XELA ARIAS. POETA E TRADUCTORA

XELA ARIAS. POETA E TRADUCTORA
Autor: Anxo Xoán Rajó Pazó
Fotografía: Xulio Gil Rodríguez
Ir Indo Edicións

Xénero: Literatura Galega - Biografías

Contra finais do século XX xorde unha xeración de poetas, nomeadamente mulleres, que vai cambiar o rumbo da creación en lingua galega.

Unha delas, Xela Arias, será pioneira en varios aspectos. Por unha banda, dende moi nova atrécese cun campo que estaba prácticamente ermo dende a época do Grupo Nós, a traducción á nosa lingua de obras clásicas e non tan clásicas doutras linguas; pola outra, será autora e protagonista de varios poemarios que nos ofrecen unha nova dimensión da creación poética en lingua galega.

Principiará a súa andaina con Denuncia do equilibrio (1986), que continuará cunha obra arriscada e única, Tigres coma cabalos (1990), en colaboración co fotógrafo Xulio Gil. Novamente, ilusionada coa súa maternidade, tira do prelo unha obra innovadora e singular, Darío a diario (1996), para rematar no seu traxecto cara á eternidade coa publicación de Interpériome (2003), pouco tempo antes de falecer.

O volume que Ir Indo Edicións nos presenta é un percorrido por unha autora, Xela Arias, que dun xeito valente asumiu claros compromisos coa nosa lingua e co feminismo, movemento que defendeu en todas e cada unha das súas composicións, mesmo coa tradución de obras de autoras claramente significadas neste eido. Xela, unha muller que foi poeta, tradutora e filóloga, e que creu até os seus últimos días que "vencerse é cousa de se tratar". 

ISBN: 978-84-7680-759-0
Nº de páxinas: 100
Encadernación: Tapa branda
Formato: 29 x 21 cm

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger