Continuamos informando das actividades do Programa de Animación á Lectura e Dinamización do uso da Lingua Galega organizadas pola Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén “BiblioPazos”.
Dalgunhas delas xa demos conta en datas pasadas: da realizada o 16 de setembro coa actuación de Paco Cerdeira “PAKOLAS”; da do día 26 de setembro con OLGA CUERVO; da convocatoria do “IV CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN”; e a do Obradoiro de Creación Literaria “ESCRIBIR PARA CONTAR” que terá lugar durante os días 27 ao 30 de setembro.
Agora toca informar sobre outro obradoiro de creación literaria que se organizou para o alumnado da ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.
Terá lugar tamén nas instalacións do colexio en catro sesións dunha duración de hora e media cada unha e se realizarán nas seguintes datas e horarios:
Xoves, 6 de outubro10:20 a 11:50 – 1º ESO12:20 a 13:50 – 4º ESOVenres, 7 de outubro10:20 a 11:50 – 2º ESO12:20 a 13:50 – 3º ESO
Es quen de escribir un relato nunha hora e media? Atréveste a enfrontarte á folla en branco? Neste obradoiro de narrativa apréndese a usar as ferramentas básicas para escribir un relato. A través do xogo, quen participe descubrirá que hai detrás do principio, nó e desenlace.
Para escribir un relato precisamos imaxinación, atención e coñecer o manexo dunhas ferramentas básicas.
"Relato-exprés” é un obradoiro de escrita que funciona como unha receita. A través de varios pasos, que van desde a inspiración á lectura, pasando pola escrita, descubriremos tanto o traballo que hai detrás dun texto como os elementos narrativos para poder conxugalo todo e así contar unha historia.
“A personaxe da aula” vén contar a súa historia: Quen e como é? Desde onde apareceu? Cales serán as súas aventuras? A que terá que enfrontarse? Vai soa ou ten compaña?
Así o alumnado aprenderá a construír un relato a través da creación dunha personaxe, xa que nos permitirá non só saber como é, senón tamén a manexar os distintos elementos narrativos como o espazo, o tempo, os narradores, diálogos, monólogos... a un tempo que aprenden a elaborar unha trama a partir da súa viaxe.
Un obradoiro para traballar en conxunto, de xeito que se construirá un relato entre toda a aula. Unha maneira doada de aprender a estruturar as historias.
Cada participante escribirá un relato xogando con narradores e estruturas algo máis complexas.
Esta actividade enmárcase no programa de "Obradoiros e Certame de Creación Literaria" do Proxecto de Actividades de Dinamización da Lingua Galega da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que patrocina a Deputación Provincial de Pontevedra.
Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura.
EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.