sábado, 1 de outubro de 2022

CONVOCATORIA DO "IV CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN"

O pasado 22 de setembro demos conta da convocatoria, outro ano máis, do CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN que, nesta ocasión, acada a súa cuarta edición.


Neste IV CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN poderá participar o alumnado residente no Concello de Pazos de Borbén que estivera ou estea cursando estudos de Educación Primaria e/ou Secundaria nos colexios públicos do municipio durante os cursos 2021/2022 ou 2022/2023.

Coa convocatoria desta cuarta edición pretendemos seguir animando á creación literaria, á escrita e á lectura en lingua galega; fomentar a creatividade e potenciar a expresión e a comprensión escritas estimulando o uso da lingua galega entre os escolares e os mais mozos, particularmente no ámbito da narrativa/relato breve, facilitándolles unha motivación para facelo como é a de participar nun certame literario.

Haberá 5 categorías para participar:

          • A: 1º e 2º de primaria
          • B: 3º e 4º de primaria
          • C: 5º e 6º de primaria
          • D: 1º e 2º de ESO
          • E: 3º e 4º de ESO

O prazo para presentar os relatos será entre os días 3 de OUTUBRO e o 15 de NOVEMBRO, ambos inclusive, deste ano 2022.

Os participantes poderán presentar un único relato que deberá ser orixinal, inédito, escrito en lingua galega e non premiado, dentro do prazo estipulado nas bases do certame e que deberán entregar na Biblioteca. 

Os participantes da Categoría A: Alumnado de 1º e 2º de primaria poderán presentar un debuxo nunha folla tamaño A4 por unha soa cara que inclúa unha ou dúas frases alusivas ao debuxo presentado.

Os participantes das restantes categorías deberán presentar os traballos en papel en formato A4 por unha soa cara, manuscritos en letra clara ou ben impresos en tipo de letra Arial, tamaño 14 puntos e entreliñado 1,5 liñas. A extensión mínima será dunha (1) páxina e máxima de catro (4) páxinas.

A temática dos relatos será libre pero deberá incidir, preferentemente, nas seguintes materias:
  • A prevención da violencia de xénero, a igualdade, a diversidade, a tolerancia e o respecto como valores esenciais para a convivencia entre homes e mulleres.
  • A recollida de historias e lendas locais transmitidas oralmente de avós/avoas a pais/nais, a fillos/as e a netos/as que favorezan o coñecemento do patrimonio inmaterial de Pazos de Borbén.
  • A recollida de toponimia e microtoponimia dos lugares, barrios e parroquias do concello.

Haberá dous premios por categoría:

1º premio: 1 libro electrónico + un lote de libros.
2º premio: 1 lote de libros.

Para fomentar a lectura en lingua galega e o traballo cooperativo na aula entregaranse tamén un lote de libros a cada unha das aulas do colexio que presenten máis de catro participantes ao certame.

O Xurado poderá conceder mencións a outras obras e tamén declarar desertos calquera dos premios no caso de considerar insuficiente a calidade dos traballos presentados. A súa decisión será inapelable.

Podedes descargar as bases completas e a ficha de inscrición nos seguintes enlaces:


Desde a Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén "BIBLIOPAZOS" animamos a todo o profesorado do centro, aos pais, nais e demais familiares do alumnado para que os estimulen a escribir e a participar nesta nova edición na que esperamos superar a participación da celebrada no ano 2021.

Esta actividade enmárcase no programa de "Obradoiros e Certame de Creación Literaria" do Proxecto de Actividades de Dinamización da Lingua Galega da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que patrocina a Deputación Provincial de Pontevedra.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger