xoves, 24 de outubro de 2019

DIA DA BIBLIOTECA EN BIBLIOPAZOS 2019


Hoxe é o DÍA DA BIBLIOTECA que se celebra todos os anos nesta date dende que en 1997 por iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, co apoio do Ministerio de Cultura, se decidira celebrar este día en recordo da destrucción da Biblioteca de Sarajevo incendiada no ano 1992 durante a guerra dos Balcáns.

Neste día participan bibliotecarios, escritores, ilustradores, narradores de historias, editores, profesores, membros da Asociación, responsables políticos e entidades que fomentan o uso da biblioteca como lugar onde se potencia a lectura e onde se atopa todo tipo de información a través da palabra e a imaxe.

Un día ao ano detémonos para concienciar á sociedade da importancia da lectura, dar a coñecer a actividade das bibliotecas á cidadanía e homenaxear aos bibliotecarios como impulsores da lectura para nenos e maiores, propiciando que os medios de comunicación fáganse eco das actividades programadas nas bibliotecas, co obxectivo de que estas entren a formar parte do itinerario cultural dos cidadáns e sexan verdadeiramente unha alternativa máis de lecer e aprendizaxe.

Para este fin, durante todos estes anos, desde BIBLIOPAZOS vimos impulsando diversos actos arredor do Día da Biblioteca de promoción da lectura e do libro entre os escolares do municipio e, concretamente este ano, levamos realizando durante todo o mes de outubro obradoiros de escritura creativa e ilustración; encontros con autores; e actividades de teatro e maxia de divulgación científica. Facendo clic AQUÍ podedes consultar toda a información do programa de actividades deste mes de outubro.

A escritora Gemma Pascual i Escrivà é a persoa a quen se encargou este ano a redacción do pregón, e o cartel é do ilustrador Miguel Calatayud. O escritor Héctor Cajaraville ocupouse da traducción ao galego por parte de GÁLIX.

Pregón:

A SEN CONTO

Non quería ser princesa, non quería ser liberada polo príncipe azul. Tampouco que o bico dun Príncipe a devolvese á vida; nin que a salvase da explotación infantil, non quería esconderse na casa dos sete ananiños e ser a súa criada ata que un príncipe a viñese rescatar. Non era capaz de renunciar á súa voz polo amor dun mozo; nin esperaba que san Xurxo a salvase do dragón. Nobres princesas condenadas a durmir ou ao silencio, por orde dunha madrasta, dun pai ou dunha fada boa.

E puxo os seus zapatos vermellos e fuxiu do seu conto, correu e correu buscando refuxio ata converterse nunha sen conto. Era unha sen libro, unha sen papeis, non a querían en ningures.

Nunha casca de noz navegou polo Mar das Letras, e naufragou. Nadaba contra a corrente, fortes ondas de frases afogábana, e cando se deu por vencida e se abandonou á súa sorte, de súpeto salvouna a capitá Pippi Långstrump, unha nena libre, xenerosa, que nunca se aburría, que se atrevía a cuestionar o razoamento dos adultos. Acompañada por Matilda, navegaban polo mar das letras para rescatar todos aqueles personaxes que se aventuraban a cruzar o mar buscando un conto mellor. Heroínas con forte sentido da xustiza e do deber de protexer os máis débiles.

Finalmente, despois de moitos atrancos, chegaron a porto seguro, o Porto da Biblioteca, o Paraíso do que lle falara Borges: un lugar cheo de tesouros afundidos, como lle dixera Virginia Woolf; unha nave espacial que a levaría aos recunchos máis afastados do universo; unha máquina do tempo que a transportaría ao pasado máis remoto e ao futuro más afastado; unha saída a unha vida mellor, máis feliz e máis útil, como lle explicara Isaac Asimov. Un lugar onde non necesitaba ser princesa para ser a protagonista de todos os contos.

Longa vida ás bibliotecas, refuxio de todas, tamén das sen conto, das sen libro, das sen papeis, das nenas que non queren ser princesas e dos nenos que non queren ser heroes. Longa vida aos bibliotecarios e bibliotecarias, gardiáns do Paraíso, de máquinas do tempo e de grandes tesouros como son os libros.
Gemma Pasqual
Tradución de Héctor Cajaraville

Desde BIBLIOPAZOS queremos aproveitar a ocasión para invitar a todos os veciños e veciñas a visitar a biblioteca neste día ou en calquera día do ano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger