sábado, 28 de setembro de 2019

PROGRAMACIÓN ACTIVIDADES DE ANIMACIÓN Á LECTURA MES DE OUTUBRO 2019

Finalizamos as actividades de animación á lectura do mes de setembro coa actuación onte venres día 27 no ximnasio do CPI “Curros Enríquez” de Pazos do grupo de animación infantil “OS PIÑEIRIÑOS” cos irmáns Fuco e Xela de protagonistas que estiveron acompañados do cantautor MANOELE DE FELISA para ofrecernos o seu espectáculo “GALEGAS NO MUNDO” no que participaron os alumnos de Educación Infantil e Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e varios usuarios da Asociación ASPAVI. Historias, contos, lobos, xurelos, Ánxeles Alvariño, Clara Campoamor, Mª Victoria Moreno... moita música e muita alegría.

Para o mes de outubro vimos coas pilas cargadísimas con moitas actividades de todo tipo: Narración oral, Obradoiros e concursos de creación literaria, Obradoiros de ilustración, Encontros con autores, Maxia...

A primeira delas será a posta en marcha do II CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN no que poderán participar novamente os alumnos de 1º a 6º de primaria e de 1º a 4º de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e no que haberá como na primeira edición 5 categorías nas que participar:

A - 1º e 2º de primaria.
B - 3º e 4º de primaria.
C - 5º e 6º de primaria.
D - 1º e 2º de ESO.

E - 3º e 4º de ESO.

Os relatos poderán presentarse entre o 1 de outubro e o 15 de novembro, ambos inclusive.

Con esta segunda edición pretendemos seguir fomentando a creatividade entre o alumnado do municipio, potenciar a expresión e a comprensión escrita, estimular o uso da lingua galega, fomentar a escrita na nosa lingua entre os mais mozos -particularmente no ámbito da narrativa/relato breve- e facilitarlles unha motivación para facelo como é a de participar nun concurso ou certame.

Desde a biblioteca animamos a todo o profesorado do centro e tamén aos pais, nais e demais familiares dos alumnos para que os estimulen a escribir e a participar nesta nova edición na que esperamos superar a participación do ano pasado.

Seguimos coas actividades de outubro con un Obradoiro de creación literaria “Cómo escribir un relato en 10 pasos” a cargo da escritora lucense ANDREA BARREIRA FREIJE e no que participarán os alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.

Terá lugar os días 1 e 2 de outubro na Sala de Lectura da biblioteca.

Cada grupo terá unha sesión cunha duración de hora e media neste obradoiro de escrita que funciona como unha receita. A través dos pasos que se lles irán ensinando, os participantes descubrirán tanto o traballo que hai detrás dun texto como os elementos narrativos e como conxugalo todo. Partindo dun xogo de azar no que os elementos van saíindo de botes de vidro que nos empurran a crear unha ou outra historia.

O obxectivo final é que os participantes adquiran a ferramentas necesarias para escribir un relato.

Estas dúas actividades enmárcase no programa de obradoiros e concursos de creación literaria do proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

Continuaremos o día 4 de outubro (Venres) co Obradoiro de ilustración “Cómo se fai un álbum ilustrado?” que impartirá a ilustradora ESTEFANÍA PADULLÉS e que terá lugar tamén na Sala de Lectura en dúas sesións. A primeira a partir das 11:00 horas cos alumnos de 1º de primaria; e a segunda a partir das 13:00 horas cos alumnos de 2º de primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.

Neste obradoiro os participantes aprenderán a facer as súas propias historias e a convertilas nun álbum ilustrado. Faran os seus protagonistas e as súas aventuras, debuxando as páxinas e a portada ata convertir a súa idea nun libro.

Esta actividade forma parte da programación de LER CONTA MOITO, un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Dirección Xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración coas entidades locais.

O luns 7 de outubro terá lugar na Sala de Lectura o Obradoiro “Por qué escribir un relato curto?” que impartirá a escritora lucense ROCÍO LÓPEZ NÚÑEZ en tres sesións e no que participarán os alumnos de 2º, 3º e 4º de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.

O obxectivo deste obradoiro é ofrecer ferramentas aos participantes para que sexan capaces de construír un relato curto con temática libre; fomentar a creatividade, o uso da imaxinación e o emprego da motivación; xerar múltiples ideas aplicando un esbozo sobre as técnicas narrativas para a creación do argumento, personaxes, escenas, diálogos e descripcións. Cada alumno leva unha historia dentro, real ou ficticia, que merece ser contada.

Esta actividade enmárcase no programa de obradoiros e concursos de creación literaria do proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

Seguimos o Luns 14 de outubro con outra das actividades enmarcadas na programación de LER CONTA MOITO.

Nesta ocasión teremos con nós no Auditorio do Concello ás 13:00 horas a VICENTE MOHEDANO do Colectivo m=!!! - Peripeciencia co seu espectáculo de divulgación científica BE WATER”.

"Be Water" é un dos minishows Xperimenta. Un obradoiro espectacular con apoio audiovisual e experiencias in situ.

Be Water. Hidrólise, vasos comunicantes, osmose inversa, células de combustible... todo combinado con dramatizacións coa participación do público para recrear con humor os conceptos máis arriscados.

Contemplando a Terra desde a Estación Especial Internacional (EEI) descobres que todo o que viviches, todo o que somos... foi aí, nesa humilde esfera húmida enfeitada de mares e nubes. É precisamente esa humidade o que a fai especial: é a auga brincando a ser mar, a ser río, a ser nube, a que consente o desenvolvemento da vida. Na EEI a auga é un ben precioso. Na Terra tamén.

Nesta actividade está prevista a participación dos alumnos de 3º a 6º de Primaria e o usuarios da Asociación ASPAVI.

Esta actividade enmárcase no programa de divulgación científica en galego do proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

O mércores 16 de outubro na Sala de Lectura ás 13:00 horas, iniciamos o programa de “Encontros con autores”, consistente en reuniones literarias con diversos autores galegos para entrevistalos, e traballar e comentar algunhas das súas obras literarias que, previamente os participantes -alumnos de Primaria e/ou ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos- terán traballado nas aulas.

Neste primeiro encontro contaremos coa presenza da escritora MARÍA CANOSA BLANCO.

María Canosa é enxeñeira de Camiños, Canais e Portos, sendo escritora de corazón. Coñecida pola súa participación como xurado nos programas “Cifras e letras”, “Verbas van” e “Como un Allo” da TVG e tamén como autora de literatura infantil e xuvenil. É guionista de varios programas da TVG, articulista de “La Voz de Galicia” e ten participado tamén en varios programas radiofónicos de Radio Galega e Radio Voz. Ten recibidos varios premios literarios, entre eles o Premio Merlín de Literatura Infantil de 2017 pola súa obra “Muriel”.

Nesta ocasión María Canosa estará acompañada dos alumnos de 3º e 4º de primaria e o encontro versará sobre a súa obra “O LIBRO DOS MEDOS” que recibiu unha mención no VII premio Arume de poesía para nenos no ano 2013 e que profunda nos medos "que non o son", os medos que ameazan o soño da infancia e que a autora vai desmontando con intelixencia e rimas fáciles capaces de converter o pesadelo infantil máis terrorífica nun feliz soño.

A seguinte actividade deste programa de “Encontros con autores” traerá á Biblioteca de Pazos de Borbén ao escritor, mestre de educación infantil e contacontos IAGO LOPEZ SANTOS que nos virá a ofrecer o seu contacontos infantil “O COCIÑEIRO MARTIÑO” baseado nesta obra da súa autoría e unha conversa co alumnado onde se lles explicará a creación dun álbum ilustrado.

Nesta actividade participarán os alumnos de 1º e 2º de primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e terá lugar o Luns 21 de outubro ás 13:00 horas na Sala de Lectura de BiblioPazos. Durante a actividade haberá moitas preguntas e o sorteo dalgún exemplar do libro.

Estas dúas actividades enmárcase no programa de encontros con autores do proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

O mércores 23 de outubro ás 13:00 horas e na Sala de Lectura contaremos cunha nova actividade do programa “Encontros con autores” coa presenza de XAVIER ESTÉVEZ FERREIRO, autor do libro “AVIÓNS DE PAPEL”, finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil no ano 2016, e do que falará cos alumnos de 6º de primaria.

A obra trata da amizade, do bullyng, da autosuperación, da arte e da cohesión social dos barrios das cidades.

Un novo encontro literario co que pretendemos analizar as obras dos autores e fomentar o hábito da lectura entre os mais mozos.

A programación de actividades de animación á lectura continúa o Venres 25 de outubro ás 13:00 horas no Auditorio do Concello no que terá lugar a obra de teatro infantil “QUE TRABALLO TAN CURIOSO!!!. Seredes quen de adiviñalo?” con guión e idea orixinal de Luisa Martínez Lorenzo da Unidade de Cultura Científica do CSIC Galicia e que conta co asesoramento científico de Marta López Cabo do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC.

O espectáculo duns 45 minutos de duración aproximadamente vai dirixido a públco familiar e escolar e o seu obxectivo principal é ofrecer unha actividade diferente, con contidos científicos rigurosos, entretidos e adaptados ao público co que se pretende dar visibilidade ás mulleres na ciencia; achegar a microbioloxía ao público; transmitir hábitos de hixiene saudables; xerar actitudes positivas hacia a investigación; e poñer en valor o traballo do persoal científico.

Está previsto que asistan a este espectáculo os alumnos de 3º a 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.

E finalizamos as actividades deste mes o Martes día 29 de outubro na Sala de Lectura onde contaremos co espectáculo “MATEMAXIA” que nos traerá O Mago Paco de A Illa dos Nenos S.L. cunha actividade que mestura dúas disciplinas, as matemáticas e a maxia, que ainda que a priori podamos pensar que non teñen nada en común e ata parecen contrapostas, pero nada mais afastado da realidade.

A través desta actividade o Mago Paco demostrará o moito que teñen en común e o que comparten unha vez que nos achegamos a elas dunha maneira diferente e moi divertida.

Coa axuda deste mago un tanto tolo e fascinado polas mates, os participantes conseguirán atopar e sentir moi de preto a maxia que existe dentro dos números, das operacións, da xeometría, da estatística, etc. Descubrindo algúns dos porqués da maxia coa axuda de explicacións matemáticas, demostrando que esta disciplina, as veces tan pouco motivadora para os alumnos e alumnas, está chea de sorpresas que descoñecemos e que a converten nunha materia fascinante.

Un espectáculo moi dinámico e moi entretido que interactúa constantemente cos rapaces e rapazas facéndoos partícipes, cómplices e protagonistas de cada experiencia.

Terá lugar en dúas sesións ás 11:00 e ás 13:00 horas nas que participarán os alumnos de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.

Estas actividades enmárcase no programa de divulgación científica en galego do proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

VINDE A BIBLIOPAZOS E PARTICIPAR DAS ACTIVIDADES!!!

ESPERÁMOSVOS!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger