domingo, 20 de agosto de 2017

O ECO DAS PEDRAS - Andaina arqueolóxica e Contos na Natureza na Senda Arqueolóxica de Amoedo


A Concellería de Cultura do Concello de Pazos de Borbén a través da Biblioteca Pública Municipal "BiblioPazos" e en colaboración coa Oficina Municipal de Información Xuvenil, organiza unha nova actividade do seu programa “CONTOS NA NATUREZA” co obxecto de promover e dinamizar o uso da lingua galega no municipio; fomentar a animación á lectura a través dun programa de promoción da tradición oral galega a través de contadores de historias; incrementar a oferta de actividade cultural en lingua galega, e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico, etnográfico, natural e cultural do concello a través de actividades nas sendas e nos paraxes naturais do municipio. 

Nesta ocasión a actividade realizarase na Senda Arqueolóxica de Amoedo en colaboración cos seus creadores e organizadores das andainas nocturnas "Amoedo Lenda en Pedra". Para isto programamos o


SÁBADO, 9 de setembro
a partir das 20:00 horas

unha andaina educativo-cultural pola
Senda Arqueolóxica de Amoedo

A actividade comezará ás 20:00 horas na Casa Cultural de Amoedo onde o arqueólogo e divulgador Xosé Lois Vilar do Instituto de Estudos Miñoranos, nos introducirá no mundo da arte rupestre galega cunha pequena charla que conxugará arqueoloxía con grandes doses de humor e retranca. Logo da charla realizarase unha pequena andaina pola Senda Arqueolóxica de Amoedo, senda situada nunha zona considerada como unha das mellores e máis importes da arte rupestre do sur de Galicia e dunha inmensa riqueza arqueolóxica e etnográfica como dá conta o seu foxo do lobo ou as asisadas construccións do ciclo da auga. 

Por último e ao final do percorrido terá lugar no Carballo de Martiz o espectáculo

“O ECO DAS PEDRAS” 

da actriz, filóloga e sobre todo contacontos

RAQUEL QUEIZÁS

patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra dentro do seu programa do Ano Patrimonio.

Escoitaremos á luz da lúa e das estrelas, historias e lendas tradicionais que nos mergullarán nunha Galicia chea de misterio, nunha Galicia de milenios aínda por descubrir. Con elas coñeceremos o noso patrimonio inmaterial e como este vai intimamente ligado a súa vez co noso incrible patrimonio material de onde veñen gran parte destas lendas e contos. En definitiva, descubriremos todo un mundo oculto que tamén nos fai pobo e que debemos estimar, coidar e non dar a esquecemento.

Na nosa terra, Galicia, as pedras están vivas. Nelas se agochan tesouros, nelas viven as mouras encantadas, as serpes grandes, os mouros, os trasnos, os xigantes. Dentro das covas dormen as nubes do Nubeiro antes de formar fortes treboadas. Sobre as pedras descubrimos misteriosos petróglifos, gravados feitos sobre a pedra ao aire libre, que semellan mensaxes secretas que temos aínda que descrifrar. As pedras falan, só hai que pararse a escoitalas para poder viaxar ao outro lado, alén.


Dende a Concellería de Cultura e a Biblioteca Pública Municipal “BiblioPazos” do Concello de Pazos de Borbén, queremos agradecer aos principais impulsores desta senda, Jorge Alvarez e Antonio Graña todas as facilidades prestadas para poder organizar e levar a cabo esta actividade.

É OBRIGATORIA a
INSCRICIÓN PREVIA
no teléfono 

986 498 934

de
09:00 a 14:00 horas.

A actividade está dirixida a público familiar. Os menores deberán ir acompañados de adultos. 

RECOMENDACIÓNS: Traer unha lanterna, chaqueta de abrigo, uso de pantalón largo e un calzado adecuado para andar polo monte. 

IMPORTANTE: Non separarse do grupo para evitar perdernos. 

ESPERÁMOSTE!


CHAMA AO TELÉFONO

986 498 934
E

INSCRÍBETE!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger