Texto de Charo Pita
Ilustracións de Fátima Afonso
OQO Editora,maio 2009 Ilustracións de Fátima Afonso
+ de 4 anos
Antea e Filipa son dúas velliñas humildes
que comparten todo, aínda que o seu todo sexa case nada: sopa de auga de
luns a sábado e un fideo a medias os domingos. Pero son felices ao
contar coa súa maior riqueza: o afecto dunha pola outra.
Esta historia amosa que somos capaces de facer cousas que parecen
imposibles polas persoas que queremos, e que paga a pena chegar a
vellos, pero moi vellos, para gozar canda elas dos grandes praceres —un
gran banquete— e dos pequenos —unha faba diminuta.
Charo Pita lémbranos que a idade é un regalo: está chea de vida e de
misterios. Unha cara esculpida polas engurras é como unha árbore
milenaria. O seu tronco groso florece cada primavera do mesmo xeito que
unha persoa anciá con cada amencer. Así son Antea e Filipa, aventureiras
do día a día, do carpe diem.
Velliñas é un relato de renacemento na vellez, con elementos
máxicos propios dos contos tradicionais, onde o coidado, a paciencia, a
imaxinación e a valentía transforman a rutina de dúas mulleres maiores
que se queren cunha alegría e unha forza, capaces de venceren calquera
contratempo.
Fátima Afonso regálanos neste álbum unha mostra, contida pero eficaz,
da súa demostrada capacidade para xerar imaxes de marcado carácter
narrativo. As puntuais contraposicións de texto-imaxe obrigan o lector a
resolver algúns problemas de distanciamento, pero respectan en todo
momento a función narrativa do discurso plástico.
A ilustradora lusa propón unha xenerosa serie de planos medios para
despregar un discurso dominado sobre todo polos acrílicos, con imaxes
repletas de suxestivos detalles narrativos, o que permite gozar dunha
lectura demorada e profunda.
978-84-9871-150-9
48 páxs.
Cartoné
25 x 23 cm
Fonte: OQO Editora
Faite socio de BIBLIOPAZOS e lévao para ler na túa casa
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.