luns, 29 de setembro de 2025

OBRADOIRO DE CREACIÓN LITERARIA "OS FÍOS DA HISTORIA. COMO CONSTRUÍR UN RELATO" PARA O ALUMNADO DE ESO.


Continuamos coas actividades incluídas no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2025 "OBRADOIROS DE CREACIÓN LITERARIA E CERTAME DE RELATO CURTO" financiado polo Concello de Pazos de Borbén e o Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra, cuxos principais obxectivos son os de promover e dinamizar o uso da lingua galega no municipio, sobre todo entre a poboación infantil, a mocidade e as persoas con diversidade funcional; animar á creación literaria e á lectura a través da realización de diversos obradoiros e da convocatoria dunha nova edición dun certame literario en lingua galega; ademais tamén se pretende promover e facilitar a plena integración na sociedade dos colectivos en risco de exclusión social e con diversidade funcional, a través do emprego da expresión artística e literaria en lingua galega.

Agora informamos do Obradoiro de Creación Literaria "OS FÍOS DA HISTORIA. COMO CONSTRUÍR UN RELATO” que será impartido pola escritora, xornalista e docente ANDREA BARREIRA FREIJE para todo o alumnado de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.

Terá lugar tamén nas instalacións do colexio en catro sesións dunha duración de hora e media cada unha e se realizarán durante os próximos días 6 e 7 de Outubro.

Escribir é coma xogar. Primeiro precisas coñecer as normas, as pautas básicas de como se desenvolve a escrita, as técnicas, as estratexias, os elementos narrativos… Despois, toca pulir e practicar unha e outra vez ata conseguir que a nosa historia (o noso xogo) sexa o máis atractiva posible.

Nos obradoiros de narrativa detémonos a reflexionar sobre o punto de vista desde o que contar a historia (o narrador), sobre como construír personaxes sólidas, cribles e coas que sentirnos identificadas, detémonos nos espazos onde transcorre a acción e xogamos cos tempos coma se tiveramos as horas e os días nas nosas mans. Todo isto, tecido nunha trama, onde cada xiro nos leva a un final distinto.

Os fíos da historia. Como construír un relato é un obradoiro de escrita creativa adaptado a cada curso ao que vai dirixido. Nel, a partir das bases do Certame de Relato Curto Pazos de Borbén, abordaremos a construción dunha historia na que serán fundamentais os intereses de cada participante, tanto para facilitar a escrita, como para lograr un texto co que se sintan identificados e orgullosos.

A partir das ideas que vaian xurdindo estruturaremos a narración para facela interesante, atractiva e dinámica. Veremos como mudan as historias en función das personaxes e voces narradoras escollidas. Tiraremos do fío para que o relato flúa de xeito natural, usando cada elemento narrativo ao favor da historia.

Para rematar cada sesión, leremos os relatos escritos ou os fragmentos desenvoltos para, dun xeito construtivo, analizar entre toda a aula o texto. Unha visión allea ao texto sempre axuda a mellorar as creacións e enriquecer o proceso. Cómpre salientar, que durante o obradoiro a rapazada ten o “comodín do público” co que poden pedir axuda a compañeiros e compañeiras. Malia que o proceso sexa individual, contar co apoio da aula, sempre é un bo xeito de evitar bloqueos creativos e ter varias opcións que axuden a avanzar e facer o proxecto o máis interesante e próximo para quen le.

O obradoiro impartirase para a rapazada de 1º a 4º da ESO e nel cada persoa escribirá un relato, no que se mesturarán as temáticas do Certame de Relato Curto de Pazos de Borbén, coas ferramentas máis básicas da creación narrativa e aquelas que lles permitan arriscar nas voces narradoras ou nos xiros das historias.

1º ESO: A través dun xogo, a rapazada aprenderá que é un narrador, como se constrúen as personaxes, como inflúe o espazo na historia que contamos, como o tempo determina a acción. Todo isto ordenarase nunha trama lineal na que a narración resultante será divertida, distendida e extravagante.

2º ESO: Despois da base creada o curso anterior, descubrirán como usar as ferramentas narrativas para levar ao seu terreo as bases do concurso municipal. Isto permitirá descubrir unha variedade máis ampla dentro dos elementos narrativos.

3º ESO: A partir da tradición oral propia do concello e da comarca, a rapazada aprenderá a adaptar as historias acontecidas no pasado, ao presente. Deste xeito, recupérase, revísase e actualízase a aprendizaxe e a memoria colectiva cunha ollada do presente.

4º ESO: Neste curso profundaremos en como podemos xogar coas estruturas (inversa e circular principalmente, aínda que tamén in media res) e variar principios e finais, para poder experimentar cos xiros e descubrir outras formas de contar.na de setembro ou outubro.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura. 

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

venres, 26 de setembro de 2025

"A HISTORIA DE RATA O PIRRATA" teatro familiar coa Compañía OLIVAS NEGRAS para conmemorar o DÍA MUNDIAL DO SORRISO

Na Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén "BiblioPazos" seguimos traballando pola educación, pola cultura e polo fomento da lectura entre a poboación do concello; e nesta ocasión, o facemos a través do teatro cun novo espectáculo para público infantil e familiar que forma parte do programa de animación á lectura e de dinamización da Lingua Galega de 2025 da Biblioteca promovido polo Concello.

O proximo Venres 3 de outubro de 2025 teremos con nós á Compañia de Teatro "OLIVAS NEGRAS" co seu espectáculo "A HISTORIA DE RATA O PIRRATA" na Casa Cultural de Pazos en dúas funcións cunha duración aproximada de 45 minutos cada unha delas. Aproveitaremos esta actividade para conmemorar o DÍA MUNDIAL DO SORRISO que se conmemora en todo o mundo o primeiro venres de outubro de cada ano desde o 2015.

A primeira función ás 13:00 horas vai destinada para o alumnado de 3º a 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI e á función das 18:00 horas poderá asistir todo o público en xeral que queira con entrada libre ata completar o aforo do local.

O público será a tripulación que se embarque nunha emocionante e divertida aventura neste espectáculo de teatro infantil "A Historia de Rata o Pirrata".

Nesta enérxica representación, seguiranse os pasos de Nazario, un buscavidas coa mirada posta no tesouro, e Rata, un rapaz valente cun soño: ser un auténtico pirata dos mares.

Con risas aseguradas e momentos emocionantes, os protagonistas embarcaranse nunha misión para atopar o tesouro do temido pirata Bocachancla. Pero ao longo do camiño, descubrirán que o verdadeiro tesouro non se atopa en ouro e xoias, senón na forza da amizade e na aventura compartida.

Dirixido a nenos e nenas de todas as idades, "A Historia de Rata o Pirrata" é un espectáculo que cautivará tanto aos máis pequenos como aos adultos. Coa súa combinación de humor, emoción e valores positivos, é a elección perfecta para unha xornada de diversión.

ESPERÁMOSVOS!!! NON FALTEDES!!!

Para calquera información sobre esta programación poden contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

luns, 22 de setembro de 2025

Ponse en marcha o Obradoiro de Creación Literaria "ESCRIBIR PARA SOÑAR" que impartirá o escritor MIGUEL ALONSO DIZ ao alumnado de Infantil e Primaria e aos usuarios da Asociación ASPAVI


Continuando coas actividades organizadas incluídas no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2025 "OBRADOIROS DE CREACIÓN LITERARIA E CERTAME DE RELATO CURTO" financiado polo Concello de Pazos de Borbén e polo Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra, o próximo Xoves 25 de setembro comezarán as sesións do Obradoiro de Creación Literaria "ESCRIBIR PARA SOÑAR" que será impartido polo escritor, poeta, docente e contacontos MIGUEL ALONSO DIZ e no que participará todo o alumnado de Infantil e Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos; o alumnado de Educación Infantil da EEI "A Galeriña" de Nespereira; e os usuarios da Asociación ASPAVI.

Realizarase nas instalacións escolares e da Asociación ASPAVI en 9 sesións de entre 50 e 90 minutos cada unha delas entre os días 25 de Setembro e 23 de Outubro.

Dando continuidade aos obradoiros “ESCRIBIR PARA CONTAR” realizados en anos anteriores, neste novo obradoiro ensínase ao alumnado participante os procesos de creación. Camiñando pola palabra, tanto escrita como oral, a imaxe e mesmo a expresión teatral para dotar dunha visión o máis completa posible; sempre adaptándose ao nivel da rapazada participante e dando resposta ás necesidades de cada grupo e de cada persoa.

Búscase fomentar a creatividade, o amor pola arte en xeral e pola nosa lingua. Todas estas variables xogan un papel relevante no intre de pórse diante da folla en branco.

Dende os ciclos de Infantil ata 6º de primaria, pasando polas usuarios dos colectivos de persoas con diversidade funcional, achegámonos a un colectivo de persoas máis amplo o labor desenvolto a través de obradoiros adaptados a cada idade e circunstancia.

Os obxectivos que se pretende conseguir son os seguintes:

  • Incentivar a creatividade e o valor da orixinalidade.
  • Estimular a creación de historias vencelladas co noso entorno, sementando neles o aprecio e valoración do propio, tanto na súa vertente material (patrimonio histórico), como inmaterial.
  • Asociar a escrita ao xogo, e non só a escrita, senón tamén o propio proceso de aprendizaxe.
  • Enlazar elementos escritos e de narración visual e conectar a escrita e a narración oral. Incentivar a transmisión oral de historias no seu entorno familiar.
  • Incentivar a lectura como motor da escrita. Iniciar no xogo de palabras.
  • Escribir como ferramenta de expresión dun mesmo.
  • Fomentar o uso da lingua galega.
  • O emprego da expresión artística galega como un elemento de expresión integradora na sociedade e de fomento do respecto á diversidade.

Os obradoiros están estruturados en cinco niveis:

- Primeiro nivel: Ciclo de Infantil

  • O soño de Esther.
  • Narrar a través da imaxe.

- Segundo nivel: 1º e 2º de Primaria

  • O soño de Emma.
  • Que é o protagonista?
  • A nosa propia historia. Debuxamos.

- Terceiro nivel: 3º e 4º de Primaria

  • Soñamos en grupo. (Escrita, debuxo e teatro).
  • O relato máis curto do mundo.

- Cuarto nivel: 5º e 6º de Primaria

  • Soñamos en grupo.
  • Estimularase a creación literaria a través do uso de diferentes técnicas de expresión artística.

-Quinto nivel: Colectivos de persoas con diversidade funcional

  • Unha sesión de soños.
  • Dos contos ao papel.
Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

domingo, 21 de setembro de 2025

O CONCELLO CONVOCA A TRAVÉS DA BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL O " "VII CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN"

Ola de novo seguidoras/es, usuarias/os e socias/os da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén "BIBLIOPAZOS".

O pasado venres 19 de setembro informbamos a través deste Blog e das Rede Sociais da Biblioteca das actividades que se vamos a levar a cabo en Setembro e de Outubro incluídas no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2025 "OBRADOIROS DE CREACIÓN LITERARIA E CERTAME DE RELATO CURTO"; financiadas polo Concello e polo Sevizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra.

E como comentabamos nesa noticia temos organizadas novas actividades para as vindeiras semanas nas que poderá participar todo o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria residente no municipio que estivera ou estea cursando estudos de Infantil, Primaria ou Secundaria nos colexios públicos do concello durante os cursos 2024/2025 e/ou 2025/2026; e tamén os usuarios dos Centros de Atención a Persoas con Diversidade Funcional que teñan a súa sede e actividade en de Pazos de Borbén.


Agora publicamos a CONVOCATORIA do 
“VII CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN" no que, como en anos anteriores, haberá sete (7) categorías para poder participar:

  • Categoría A: Persoas con diversidade funcional
  • Categoría B: Alumnado de Educación Infantil
  • Categoría C: Alumnado de 1º e 2º de Primaria
  • Categoría D: Alumnado de 3º e 4º de Primaria
  • Categoría E: Alumnado de 5º e 6º de Primaria
  • Categoría F: Alumnado de 1º e 2º de ESO
  • Categoría G: Alumnado de 3º e 4º de ESO

Prazo de presentación dos traballos abrirase o 1 de Outubro e rematará o 14 de Novembro de 2025.

Cada participante poderá presentar un único traballo que deberá ser orixinal, inédito, ESCRITO EN LINGUA GALEGA e non premiado.

Na Categoría A: Persoas con diversidade funcional poderán presentar un debuxo nunha folla tamaño A4 por unha soa cara que inclúa unha ou máis frases alusivas ao mesmo; ou un relato escrito que se entregará en formato A4 por unha soa cara, manuscrito en letra clara ou ben impreso en tipo de letra Arial, tamaño 14 puntos e entreliñado 1,5 liñas. A extensión mínima será dunha (1) páxina e máxima de dúas (2) páxinas.

Na Categoría B: Alumnado de Educación Infantil poderán presentar un debuxo nunha folla tamaño A4 por unha soa cara.

As persoas participantes na Categoría C: Alumnado de 1º e 2º de Primaria poderán presentar un debuxo nunha folla tamaño A4 por unha soa cara que inclúa unha ou dúas frases alusivas ao debuxo presentado.

nas restantes categorías  deberán presentar os traballos en papel e entregaranse en formato A4 por unha soa cara, manuscritos en letra clara ou ben impresos en tipo de letra Arial, tamaño 14 puntos e entreliñado 1,5 liñas. A extensión mínima será dunha (1) páxina e máxima de catro (4) páxinas.

A temática dos relatos será LIBRE se ben valorarase que incida preferentemente nas seguintes materias:

  • A igualdade, a diversidade, a tolerancia, o respecto e a prevención da violencia de xénero como valores esenciais para a convivencia entre homes e mulleres.
  • A recollida de historias e lendas locais transmitidas oralmente de avós/avoas, a pais/nais, a fillos/as e a netos/as que favorezan o coñecemento do patrimonio inmaterial de Pazos de Borbén.
  • A recollida de toponimia e microtoponimia dos lugares, barrios e parroquias do concello.

Haberá dous premios por cada categoría que consistirán en:

Categoría A: Persoas con diversidade funcional

  • 1º premio: Unha tableta electrónica + un lote de libros.
  • 2º premio: Un lote de libros.

 Categoría B: Alumnado de Educación Infantil

  • 1º premio: Un lote de libros
  • 2º premio: Un lote de libros.

 Resto das categorías (C, D, E, F e G):

  • 1º premio: Unha tableta electrónica + un lote de libros.
  • 2º premio: Un lote de libros.

Co obxecto de fomentar a lectura en lingua galega e o traballo cooperativo entregarase tamén un lote de libros a cada unha das aulas do colexio e aos centros de atención a persoas con diversidade funcional que presenten máis de catro participantes ao certame. Todos os participantes non premiados recibirán un libro de agasallo.

Para mais información sobre o "VII CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN" podes descargar as BASES do certame facendo click AQUÍ.

Desde BIBLIOPAZOS animamos a todo o profesorado, aos pais, nais e demais familiares do alumnado e dos usuarios da Asociación ASPAVI para que os estimulen a escribir e e a debuxar para participar neste nova convocatoria do certame que chega a súa 7º edición.

Co obxecto de facilitar a participación no VII CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN, temos organizado varios Obradoiros de Creación Literaria que se desenrolarán entre os meses de setembro e outubro e dos que iremos informando nos vindeiros días.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

sábado, 20 de setembro de 2025

PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES DE ANIMACIÓN Á LECTURA (OBRADOIROS DE CREACIÓN LITERARIA e VII CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN)

Ola de novo seguidoras/es, usuarias/os e socias/os da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén "BIBLIOPAZOS".

Fai uns días iniciamos a programación das actividades de outono-inverno coa actuación de PAKOLAS co seu espectáculo “ECORALIA, A LAMBONA ECOLÓXICA” o pasado venres 12 de setembro; e continuamos coas mesmas o próximo día 19 de setembro co espectáculo “O CONTO DE BARRIGA VERDE" a cargo de FRAN REI de Culturactiva, incluídas no programa de dinamización da lectura LER CONTA MOITO que promove a Xunta de Galicia a través de Dirección Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades xunto cos concellos galegos que teñen bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Temos organizadas novas actividades para as vindeiras semanas a través do programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2025 "OBRADOIROS DE CREACIÓN LITERARIA E CERTAME DE RELATO CURTO" que conta co patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra.

Os principais obxectivos deste programa son os de promover e dinamizar o uso da lingua galega no municipio, sobre todo entre a poboación infantil, a mocidade e as persoas con diversidade funcional; animar á creación literaria e á lectura a través da realización de diversos obradoiros e da convocatoria dunha nova edición dun certame literario en lingua galega; ademais tamén se pretende promover e facilitar a plena integración na sociedade dos colectivos en risco de exclusión social e con diversidade funcional, a través do emprego da expresión artística e literaria en lingua galega.

Poderá participar todo o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria residente no municipio que estivera ou estea cursando estudos de Infantil, Primaria ou Secundaria nos colexios públicos do concello durante os cursos 2024/2025 e/ou 2025/2026; e tamén os usuarios dos Centros de Atención a Persoas con Diversidade Funcional que teñan a súa sede e actividade en de Pazos de Borbén.


Nos próximos días publicaremos a convocatoria do “VII CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN" no que, como en anos anteriores, haberá 7 categorías para poder participar:
  • Categoría A: Persoas con diversidade funcional
  • Categoría B: Alumnado de Educación Infantil
  • Categoría C: Alumnado de 1º e 2º de Primaria
  • Categoría D: Alumnado de 3º e 4º de Primaria
  • Categoría E: Alumnado de 5º e 6º de Primaria
  • Categoría F: Alumnado de 1º e 2º de ESO
  • Categoría G: Alumnado de 3º e 4º de ESO
Prazo de presentación dos traballos abrirase do 1 de Outubro ao 14 de Novembro de 2025.

Desde BIBLIOPAZOS animamos a todo o profesorado, aos pais, nais e demais familiares do alumnado e dos usuarios da Asociación ASPAVI para que os estimulen a escribir e e a debuxar para participar neste nova convocatoria do certame que chega a súa 7º edición.

E para axudar aos posibles participantes no VII CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN, temos organizado, como dixemos antes, varias actividades que se desenrolarán entre os meses de setembro e outubro próximos e que describimos a continuación.


A primeira comezará o próximo Xoves 25 de setembro co Obradoiro de Creación Literaria "ESCRIBIR PARA SOÑAR" que será impartido polo escritor, poeta, docente e contacontos MIGUEL ALONSO DIZ e nel participará todo o alumnado de Infantil e Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos; o alumnado de Educación Infantil da EEI "A Galeriña" de Nespereira; e os usuarios da Asociación ASPAVI.

Realizarase nas instalacións escolares e da Asociación ASPAVI en 9 sesións de entre 50 e 90 minutos cada unha delas entre os días 25 de Setembro e 23 de Outubro.

Dando continuidade aos obradoiros “ESCRIBIR PARA CONTAR” realizados en anos anteriores, neste novo obradoiro ensínase ao alumnado participante os procesos de creación. Camiñando pola palabra, tanto escrita como oral, a imaxe e mesmo a expresión teatral para dotar dunha visión o máis completa posible; sempre adaptándose ao nivel da rapazada participante e dando resposta ás necesidades de cada grupo e de cada persoa.

Búscase fomentar a creatividade, o amor pola arte en xeral e pola nosa linguaTodas estas variables xogan un papel relevante no intre de pórse diante da folla en branco.

Dende os ciclos de Infantil ata 6º de primaria, pasando polas usuarios dos colectivos de persoas con diversidade funcional, achegámonos a un colectivo de persoas máis amplo o labor desenvolto a través de obradoiros adaptados a cada idade e circunstancia.

Os obxectivos que se pretende conseguir son os seguintes:
  • Incentivar a creatividade e o valor da orixinalidade.
  • Estimular a creación de historias vencelladas co noso entorno, sementando neles o aprecio e valoración do propio, tanto na súa vertente material (patrimonio histórico), como inmaterial.
  • Asociar a escrita ao xogo, e non só a escrita, senón tamén o propio proceso de aprendizaxe.
  • Enlazar elementos escritos e de narración visual e conectar a escrita e a narración oral. Incentivar a transmisión oral de historias no seu entorno familiar.
  • Incentivar a lectura como motor da escrita. Iniciar no xogo de palabras.
  • Escribir como ferramenta de expresión dun mesmo.
  • Fomentar o uso da lingua galega.
  • O emprego da expresión artística galega como un elemento de expresión integradora na sociedade e de fomento do respecto á diversidade.
Os obradoiros están estruturados en cinco niveis:

- Primeiro nivel: Ciclo de Infantil
  • O soño de Esther.
  • Narrar a través da imaxe.
- Segundo nivel: 1º e 2º de Primaria
  • O soño de Emma.
  • Que é o protagonista?
  • A nosa propia historia. Debuxamos.
- Terceiro nivel: 3º e 4º de Primaria
  • Soñamos en grupo. (Escrita, debuxo e teatro).
  • O relato máis curto do mundo.
- Cuarto nivel: 5º e 6º de Primaria
  • Soñamos en grupo.
  • Estimularase a creación literaria a través do uso de diferentes técnicas de expresión artística.
-Quinto nivel: Colectivos de persoas con diversidade funcional
  • Unha sesión de soños.
  • Dos contos ao papel.

O segundo obradoiro de creación literaria "OS FÍOS DA HISTORIA. COMO CONSTRUÍR UN RELATO” será impartido pola escritora, xornalista e docente ANDREA BARREIRA FREIJE para todo o alumnado de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos. Terá lugar tamén nas instalacións do colexio en catro sesións dunha duración de hora e media cada unha e se realizarán durante os días 6 e 7 de Outubro de 10:20 a 11:50 - 3 de 12:20 a 13:50 horas.

Escribir é coma xogar. Primeiro precisas coñecer as normas, as pautas básicas de como se desenvolve a escrita, as técnicas, as estratexias, os elementos narrativos… Despois, toca pulir e practicar unha e outra vez ata conseguir que a nosa historia (o noso xogo) sexa o máis atractiva posible.

Nos obradoiros de narrativa detémonos a reflexionar sobre o punto de vista desde o que contar a historia (o narrador), sobre como construír personaxes sólidas, cribles e coas que sentirnos identificadas, detémonos nos espazos onde transcorre a acción e xogamos cos tempos coma se tiveramos as horas e os días nas nosas mans. Todo isto, tecido nunha trama, onde cada xiro nos leva a un final distinto.

Os fíos da historia. Como construír un relato é un obradoiro de escrita creativa adaptado a cada curso ao que vai dirixido. Nel, a partir das bases do Certame de Relato Curto Pazos de Borbén, abordaremos a construción dunha historia na que serán fundamentais os intereses de cada participante, tanto para facilitar a escrita, como para lograr un texto co que se sintan identificados e orgullosos.

A partir das ideas que vaian xurdindo estruturaremos a narración para facela interesante, atractiva e dinámica. Veremos como mudan as historias en función das personaxes e voces narradoras escollidas. Tiraremos do fío para que o relato flúa de xeito natural, usando cada elemento narrativo ao favor da historia.

Para rematar cada sesión, leremos os relatos escritos ou os fragmentos desenvoltos para, dun xeito construtivo, analizar entre toda a aula o texto. Unha visión allea ao texto sempre axuda a mellorar as creacións e enriquecer o proceso. Cómpre salientar, que durante o obradoiro a rapazada ten o “comodín do público” co que poden pedir axuda a compañeiros e compañeiras. Malia que o proceso sexa individual, contar co apoio da aula, sempre é un bo xeito de evitar bloqueos creativos e ter varias opcións que axuden a avanzar e facer o proxecto o máis interesante e próximo para quen le.

O obradoiro impartirase para a rapazada de 1º a 4º da ESO e nel cada persoa escribirá un relato, no que se mesturarán as temáticas do concurso de Relato Breve de Pazos de Borbén, coas ferramentas máis básicas da creación narrativa e aquelas que lles permitan arriscar nas voces narradoras ou nos xiros das historias.

1º ESO: A través dun xogo, a rapazada aprenderá que é un narrador, como se constrúen as personaxes, como inflúe o espazo na historia que contamos, como o tempo determina a acción. Todo isto ordenarase nunha trama lineal na que a narración resultante será divertida, distendida e extravagante.

2º ESO: Despois da base creada o curso anterior, descubrirán como usar as ferramentas narrativas para levar ao seu terreo as bases do concurso municipal. Isto permitirá descubrir unha variedade máis ampla dentro dos elementos narrativos.

3º ESO: A partir da tradición oral propia do concello e da comarca, a rapazada aprenderá a adaptar as historias acontecidas no pasado, ao presente. Deste xeito, recupérase, revísase e actualízase a aprendizaxe e a memoria colectiva cunha ollada do presente.

4º ESO: Neste curso profundaremos en como podemos xogar coas estruturas (inversa e circular principalmente, aínda que tamén in media res) e variar principios e finais, para poder experimentar cos xiros e descubrir outras formas de contar.na de setembro ou outubro.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

venres, 12 de setembro de 2025

"O CONTO DE BARRIGA VERDE" de Manuel María con FRAN REI de Culturactiva - Programa LER CONTA MOITO de 2025


Continuamos coas actividades do mes de Setembro e nesta ocasión presentamos o espectáculo de narración oral "O CONTO DE BARRIGA VERDE" de Manuel María que nos traerá FRAN REI de Culturactiva e que terá lugar o Venres 19 de Setembro a partir das 13:00 horas nas instalacións do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e co que aproveitaremos para conmemorar a chegada do Equinoccio de Outono e inicio do curso escolar 2025/2026.
Fran Rei presenta un novo espectáculo unipersoal que mestura narración oral, humor e maxia: O conto de Barriga Verde, escrito por Avelino González a partir de tres obras de Manuel María (Barriga Verde, Os soños na gaiola e Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela).

Os Contos de Barriga Verde pretende ser un achegamento á poesía, prosa e teatro do autor lucense a quen lle dedicaron o Día das Letras Galegas no ano 2016.
Un contacontos que mestura a narración coa maxia e os monicreques con Fran Rei en escena.

Nesta sinxela historia, Fiz, un mozo labrego galego, terá que enfrontarse ao Serrador e ao Demo polo namoramento da sempre belida Moza.

Coa axuda da maxia do seu padriño Barriga Verde, vello e neno demostrarán ao mesmo tempo que nada é máis forte que o amor verdadeiro.

"Aquí sigo: ledo, ufano, satisfeito de estar vivo. Mentras o tempo me gasta: paseo, leo e escribo...!"
(Manuel María, Os Soños na Gaiola, 1968)
Están convidados a participar nesta actividade os escolares de Infantil e 1º e 2º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e Infantil da EEI "A Galeriña" de Nespereira.

Fran Rei é un nome fundamental do clown en Galicia. Cofundador, pallaso en activo e coordinador da compañía oficial do Festival Internacional de Clown de Galicia (Festiclown), Os Sete Magníficos Máis Un, ten participado con ela nun total de doce espectáculos teatrais desde o ano 2001. En paralelo, ten traballado noutras compañías de teatro galegas, como Bagunça Teatro, Produccións Desaqueloutradas, Acontrabutaca e Culturactiva SCG, e tamén ten experiencia no mundo televisivo. Xunto a Pedro Brandariz, formou as parellas cómicas O Gordo e o Calvo e Os ramistas, que participaron regularmente no programa Luar da TVG entre 2012 e 2016.

Na súa formación escénica destacan numerosos cursos de teatro, clown e bufón con algúns dos mellores mestres do panorama internacional, como Good Idea Company, Carlo Colombaioni, Leo Bassi, Eric de Bont, Iván Prado ou Antón Valén. Igualmente, tamén el exerce de profesor, xa que traballa como monitor de dramatización, dirixe varias aulas de formación teatral desde 2001 e desenvolve regularmente obradoiros de iniciación e perfeccionamento da técnica do clown.

Nos últimos anos está especializándose na dirección de espectáculos cómicos e de pequeño formato. Así, é director dos espectáculos Supergalácticos, de Código Morsa, Volta á maxia, de Dani García, Ritmo refugallo, de Trío Refugallo e Concerto singular (e plural) de Píscore. Ademais, é membro fundador da organización galega de cooperación internacional a través das artes Pallasos en Rebeldía e, con esta entidade, ten participado en diversas caravanas de pallasos por comunidades indíxenas de Chiapas (México).

Esta actividade atópase incluída no programa de dinamización da lectura LER CONTA MOITO que promove a Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Universidade da Xunta de Galicia a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración cos concellos e coas súas bibliotecas. 

EN BIBLIOPAZOS,  A BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL DO CONCELLO DE PAZOS DE BORBÉN, SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA


venres, 5 de setembro de 2025

"ECORALIA, A LAMBONA ECOLÓXICA" de PAKOLAS para conmemorar a chegada do Equinocio de Outono e o inicio do Curso Escolar.


Comezamos as actividades do mes de Setembro cun espectáculo musical dirixido ao público infanti que terá lugar nas instalacións do CPI "Curros Enríquez" de Pazospróximo Venres 12 de setembro a partir das 13:00 horas e co que conmemoraremos a chegada do Equinocio de Outono e o inicio do Curso Escolar 2025/2026. Recibiremos a visita, outro ano máis, de PACO CERDEIRA “PAKOLAS" co seu espectáculo musical “ECORALIA, A LAMBONA ECOLÓXICA” baseado no seu último libro-disco editado polo CRAEGA en Decembro de 2024  e que está dispoñible na Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén e no resto das Bibliotecas de Galicia desde este ano 2025.
Pakolas presenta unha proposta musical-narrativa que conta e canta a historia da meiga Ecoralia, que nos ensinará a través das súas cancións e contos a importancia de consumir alimentos ecolóxicos, para coidar o medio ambiente, combater o cambio climático e garantir o benestar animal. Unha nova aventura didáctica e rockeira rebordante de imaxinación e aprendizaxe.

Así, a través das cancións e a narración, adentrámonos nas entrañas da carballeira máis extensa de toda Galicia, onde a vexetación é máis mesta e verde, vivía Ecoralia. Sempre vestía da cor do musgo e levaba unha trenza longa e roxa recollida cun estalote. Ecoralia era unha meiga moi nova e boa coñecedora de conxuros ancestrais aprendidos das súas avoas. Pero ela non era coma as demais.

De Ecoralia, moitas personaxes poderedes coñecer neste novo traballo musical, como o seu compañeiro Mistín, o lucecú, que vivía no medio das flores amarelas de xestas empregadas para os os seus conxuros. E, se Ecoralia era diferente ás demais meigas, Mistín era diferente aos demais lucecús, xa que tiña un semáforo no traseiro! Ramón o teixugo dispoñía do ultramarinos da vila. Sempre había alimentos coa etiqueta ECO de CRAEGA: froitas e legumes, leite, carne, ovos, mel e mesmo alimentos do mar. Os alimentos ecolóxicos sempre sentaban ben!. Tamén as tías Rosa e Mónica, dúas irmás xemelgas que coidaban das súas hortas coma ninguén. E por último Don Arsenio, que recollía unhas enormes mazás todo o ano! 

Como podía ser? Todas estas personaxes e historias poderás coñecer neste novo espectáculo rockeiro, e desvelar este misterio.

"Pakolas", rockeiro e guitarreiro, é o nome co que Paco Cerdeira se presenta ante o público infantil, eido no que o músico conta con longa traxectoria.  Neste concerto, Pakolas guiaranos coa súa forza interpretativa e o seu humor por todo un universo musical, a través da súa voz e a guitarra, nun espectáculo individual creado polo propio autor, onde a interacción e participación coas nenas e nenos, a animación, as súas caracterizacións e a súa música son o principal atractivo para o público.

Están convidados a participar nesta actividade os escolares de 3º a 6º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.


Esta actividade atópase incluída no programa de dinamización da lectura LER CONTA MOITO que promove a Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Universidade da Xunta de Galicia a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración cos concellos e coas súas bibliotecas.

EN BIBLIOPAZOS,  A BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL DO CONCELLO DE PAZOS DE BORBÉN, SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

xoves, 24 de xullo de 2025

TÍTERES CACHIRULO achega o seu "O CACHIMOBIL" a Pazos de Borbén para representar o espectáculo "Xela e o dragón Traga-verbas" - Programa +ESCÉNICAS da Deputación de Pontevedra

O próximo Domingo, 17 de Agosto ás 19:00 horas na Praza do Concello de Pazos de Pazos de Borbén terá lugar a próxima actividade incluída no programa de animación á lectura e dinamización da Lingua Galega da Biblioteca Pública Municipal; unha actividade subvencionada pola Deputación Provincial de Pontevedra dentro do seu programa +ESCÉNICAS de apoio á programación de artes escénicas en galego nos concellos da provincia de Pontevedra.

O espectáculo “O CACHIMÓBIL” de TITERES CACHIRULO é unha actividade de Teatro familiar dirixida a todos os públicos, dunha duración aproximada de 55 minutos, no que unha barraca rodante leva os monicreques e a ilusión a calquera recuncho.

As aventuras do Príncipe Verdemar, de Don Gaiferos ou mesmo de Xela, unha nena que terá que enfrontarse ao malvado Dragón Traga-verbas para rescatar as palabras e frases esquecidas do galego, chegarán ate a vosa vila dende este teatriño autosuficiente, axeitado para espazos exteriores, que inclúe cadeiras e bancos para acomodar ao público.
TÍTERES CACHIRULO co seu CACHIMÓBIL representará o espectáculo “XELA E O DRAGÓN TRAGA-VERBAS”, un espectáculo de aventuras no que a súa protagonista Xela, unha nena de 9 anos, ten que liberar aos seus compañeiros de escola atrapados polo malvado Demo Luciferino que, valéndose do Dragón Dracus traba-verbas, os ten escondidos na cova do trasno. Alí permanecerán ata que esquezan o galego, a súa lingua nai, e se convertan nos seus secuaces.

Para iso Xela e os seus compañeiros de escola, teñen que enfrontarse ao Luciferino e convencer a Dracus Cus Cus do teirible mal que está causando.

Un espectáculo que trata a importancia do uso cotián da lingua galega e da conservación da nosa identidade.

A compañía TÍTERES CACHIRULO inicia a súa actividade no ámbito do teatro de monicreques no ano 1985 e, dende entón, leva realizados máis de 35 montaxes de teatro de bonecos combinando textos clásicos con autorías propias dunha gran variedade técnica: marionetas de fío, luva chinesa, bunraku, guiñol, sombras, obxectos e teatro de rúa, destacando espectáculos como "Pinocho", "O libro da selva" ou "Do, re, mi, Mozart xoga aquí", Premio ao Mellor Espectáculo de Marionetas no 4° Festival Iberoamericano de Teatro "Cumbre de las Américas" (Arxentina, 2008).

Ademais desta actividade de creación e representación de espectáculos, os membros da compañía participaron en diferentes publicacións dentro do ámbito da animación á lectura, destacando as obras "Educación a la lectura para adolescentes ¿Cuántos cuentos cuentas tú?” ou "Te trueco un cuento. Animación a la lectura e interculturalidad", entre outras, e participando en distintas ocasións en campañas de dinamización lectora para o Ministerio de Educación e distintas autonomías.

Títeres Cachirulo imparte periodicamente obradoiros creativos de elaboración de textos e dramaturxia, e de construción e manipulación de monicreques e marionetas de diversas técnicas. Por outra banda, a compañía organiza sesións de contacontos e narración oral en bibliotecas, concellos, centros culturais, etc. acompañadas de actividades de dinamización con teatro e música, dirixidas tanto a centros de ensino como público familiar.

Cachirulo caracterízase por ter realizado un importante traballo de creación e investigación con mestres do teatro de monicreques como Francisco Peralta, Yang Feng, Guaira Castilla ou Chris Geris, da compañía belga Plansjet.

A compañía abre en 1997 a Sala Yago de Santiago de Compostela, que permanece en funcionamento ata o 2007, cunha programación estable de teatro de monicreques e marionetas, á que posteriormente se incorporaron o teatro e as proxeccións cinematográficas. Así mesmo, a Sala Yago, galardoada co Premio Max de las Artes Escénicas 2003 na categoría de Teatro Alternativo, serviu como plataforma para o desenvolvemento de diferentes proxectos de formación e difusión, entre eles a edición da revista Bululú, da que se chegaron a editar 7 números, sendo unha das poucas publicacións especializadas en teatro de monicreques. Actualmente, Títeres Cachirulo alterna as súas representacións de monicreques coa participación en numerosas programacións e festivais internacionais de Europa e América, obtendo importantes premios.

NON VOS ESQUEZADES.

ESPERÁMOSVOS!!!

EN BIBLIOPAZOS, A BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL DE PAZOS DE BORBÉN, SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger