venres, 11 de setembro de 2020

PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES DE ANIMACIÓN Á LECTURA SETEMBRO-OUTUBRO 2020

Despois do período de paralización desde o pasado mes de marzo debido á pandemia do COVID-19 que estamos a vivir, retomamos novamente as actividades de animación á lectura na Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén “BiblioPazos” coas que queremos contribuír a animarnos nesta difícil etapa para todos ademais de seguir promocionando a lectura como vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal, ofrecendo espazos de encontro para descubrir e compartir, mediante a realización dun conxunto de actividades para achegar aos nenos e nenas do concello á lectura e a información dun xeito lúdico e atraente.

As actividades que presentamos para estas próximas datas atópanse incluídas no programa de dinamización da lectura LER CONTA MOITO promovido pola Dirección Xeral de Políticas Culturais, da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración coas entidades locais.


Este programa ofrece un conxunto de actividades nas bibliotecas públicas galegas que reforzan o seu carácter de espazo aberto, ao tempo que alentan a aprendizaxe e a descuberta a través dos recursos que as bibliotecas proporcionan.

Todas as actividades realizaranse no AUDITORIO DO CONCELLO cumprindo con todas as medidas de seguridade para a prevención do COVID-19 e será obrigatorio o uso de máscara, a desinfección das mans ao acceder ao recinto e o mantemento da distancia social. 


Nesta ocasión iniciamos o programa o Venres 18 de setembro con “O MUNDO DA DOBRAXE”, a cargo de Suso Pando e Manuel Pombal, que en dúas sesións –unha ás 11.00 e outra ás 13:o0 horas- realizarán esta actividade lúdico educativa que ten como finalidade achegarlles aos nenos e nenas, dun xeito ameno e didáctico esta “ferramenta”; axudando á dinamización da lingua galega a través da súa aplicación en novas tecnoloxías; e que consta das seguintes fases:

Primeiro, mediante unha “brincadeira” dramática, móstranse todos os pasos da elaboración dunha película; desde a creación do guión ata a dobraxe da mesma. 

Logo, sen abandonar o ton lúdico, preséntanse os personaxes do “mini capítulo” que“@s propi@s nen@s” van dobrar, sorprendéndo@s con exóticas versións orixinais, en idiomas que probablemente xamais escoitaran. 

Acto seguido, ensaiamos “entre tod@s” un fragmento da película, aprendendo a encaixarmos as propias voces nas bocas dos personaxes. 

- ”Experimentámolo tod@s..? Ben. Agora... Quen quere sair?” 

Xa temos @s “dobrador@s”. // Lemos o guión, ensaiamos, axustamos e...// 

Silencio! 

Imos gravar! // Gravamos… e, moi sorprendid@s, escoitamos o resultado. 

Xa vos contaremos como foi a gravación.

Está prevista a asistencia a esta actividade dos alumnos de 5º e 6º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.


Continuamos a programación o Xoves día 24 de setembro ás 13:00 horas coa actriz e presentadora Genma Pardo “GEMOLA” cunha actividade de dinamización denominada “DECTECTIVE GEMOLA. O MISTERIOSO CASO...” no que durante os 60 minutos de duración intentaremos que os asistentes resolvan este caso sen nome.

Se soñas con ser un auténtico detective e resolver misterios inexplicables; Se chaman a túa atención as series de investigación; pois esta é a túa oportunidade...

Asistirán os rapaces e rapazas de 3º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos, e xa os manteremos informados sobre a resolución deste caso coa axuda da Detective Gemola.


E daremos por finalizadas as actividades do programa LER CONTA MOITO o Venres 2 de outubro ás 10:30 horas coa actividade de narración oral “NATURIZO E O ESPÍRITO DO BOSQUE” que nos traerá a mestra, pedagoga e actríz de Sarabela teatro Sabela Gago, que con esta actividade pretende -entre outras cousas- fomentar entre os escolares o amor pola natureza e polos animas, así como o coidado do medio ambiente.

“Os animais do bosque buscan a Naturizo e convidarán aos rapaces a axudarlles, pero como está hibernando, o público terá que reconstruír a primavera para espertalo e que salve a súa amiga Amelia, atragantada cun tapón que confundiu con comida. Naturizo nomeará aos rapaces e rapazas “Naturvixiantes” tras pasarlles unhas probas e comprobar a súa destreza na reciclaxe e coidado do medio ambiente.”

Todos os asistentes serán agasallados cunha chapa e un carné de “Naturvixiante”.

Prevese a asistencia dos alumnos de 2º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.

Para calquera información sobre esta programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por email biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura.

NON VOS ESQUEZADES!

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger