Participantes e premiados da categoría D: 3º e 4º de ESO II CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN (2019) |
Relato premiado cun accésit da categoría E: 3º e 4º de ESO do II CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN (2019).
"VAIA COINCIDENCIA" de PAULA FERNÁNDEZ CAMIÑA - 14 anos - 3º de ESO.
Situámonos no ano 1999. Daquela aínda vivían os meus avós, e os meus pais e mais eu acabáramos de mudarnos a súa casa para coidalos. Se cadra xa se lles ía un pouco a cabeza.
Para a mudanza transportamos unha chea de caixas en camións que nos deixaban todo no baixo dos avós. Estivemos dúas semanas dun lado para o outro acarrexando cousas. Acabamos rebentados, e aínda por riba meu pai andaba todo enfurruñado porque perdera a súa navalla da sorte, unha que lle trouxera seu tío de Suíza. Estaba insoportable e, sabendo como é meu pai, custaríalle esquecerse dela.
Unha vez que acabamos de transportar todo, acomodámonos na "nova casa" e axudámoslle en todo aos avós. Cada noite miña nai dáballe aos avós un vaso de leite con bica e deitábaos ás 10:00. Meu pai e mais eu aínda quedabamos un ratiño máis no sofá a ver a tele, pero non ata moi tarde, porque ao día seguinte había que madrugar.
Nos primeiros meses todo foi ben, ata que unha noite meu avó comezou a dicir que escoitaba o son dun paxaro que proviña do garaxe e quería ir a espantalo. Nós pensamos que toleara, xa que non se escoitaba nada, pero el insistía e insistía en que tiña que botalo fóra de alí. Miña nai estaba desesperada, xa non sabía como facer para deitalo. E o peor non era iso. O peor era que o avó escoitaba ao paxaro tódalas noites e baixaba ao garaxe a ver se o topaba, pero como era de esperar, non había nada.
Isto sucedeu durante moito tempo ata un día. Era unha tarde na que quedara cos meus amigos na praza da vila, pero meus pais non me podían levar, porque o coche estaba no taller a aranxar. Entón decidín ir na bicicleta. Só había un problema: a miña bici quedara na antiga casa e non había outra que usar a vella do meu pai. Si, a típica bicicleta que hai en todas as casas. Esa que está gardada no fondo do garaxe, xusto entre as tellas que sobraron de cando fixeron o tellado novo e o moble coas ferramentas vellas dos nosos avós. Xusto esa.
Pois ben, andei revolvendo entre toda a trapallada que había alí metida e topei a bici. Estaba toda chea de po e coas rodas desinchadas, pero servíame ben para o que ía facer. Total, que agarrei a bicicleta polo guiador e ao sacala para fóra escoitei un ruidiño moi agudo. Levantei un pouco a roda traseira para ver o que era e...
A que non sabedes o que alí se atopaba? Só vos digo unha cousa, meu pai poríase supercontento cando llo dixera.
FIN.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.