Hoxe é o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL que se celebra en todo o mundo o 2 de abril de cada ano e que, en España, promove a Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), sección española do IBBY (International Board on Books for Young People) xunto coas súas catro seccións: Consejo General del Libro Infantil y Juvenil, Consell Catalá del Llibre Infantil i Juvenil (ClijCAT), Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) e a Asociación de Literatura Infantil e Juvenil Galtzagorri Elkartea.
Dende o ano 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY promove a celebración do DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL co fin de promover os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.
Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do DIA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL
e selecciona un/unha escritor/a representativo e un/unha recoñecido/a
ilustrador/a do seu país para que elaboren a mensaxe dirixida a todos os
nenos e as nenas do mundo e o cartel que se distribúe por todo o mundo,
e promóvese a celebración nas bibliotecas, centros escolares,
librarias, etc.
Esta ano 2019, o país encargado foi Lituania: a mensaxe e o cartaz son unha creación do escritor e ilustrador Kestutis Kasparavicius.
Se queres descargar o cartaz e o díptico coa mensaxe fai clic nos seguintes enlaces:
MENSAXE DO DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2019
Os libros fannos acougar
Vou
con présa!, Non teño tempo ningún!, Aburiño!... Expresións coma estas
poden escoitarse quizais acotío, non só en Lituania -no centro mesmo de
Europa-, senón en moitas partes do mundo. E a miúdo escóitase dicir
tamén que vivimos na idade da abundancia da información, da présa e da
precipitación.
Non
obstante, colles un libro entre as mans e, inmediatamente sentes que
algo muda. Parece que os libros teñen unha cualidade marabillosa
-axúdannos a acougar. Tan pronto como abres un libro, mergúllaste nas
súas tranquilas profundidades e sabes que nel as cousas non pasarán a
tanta velocidade que non che permita apreciar nada. Comezas a entender
que non paga a pena lanzarse a facer tarefas de dubidosa urxencia. Nun
libro todo acontece paseniñamente, en orde e segundo unha secuencia.
Quizais porque as súas páxinas están numeradas, quizais porque as súas
follas roxen amodo a medida que as vas pasando. Nos libros, os
acontecementos do pasado atópanse cos que aínda están por chegar.
O
universo dos libros é moi extenso; e nel poden mesturarse a realidade
coa imaxinación e a fantasía. Ás veces non sabes moi ben onde -se nun
libro ou na vida- percibiches de que xeito tan fermoso caen as pingas do
tellado nevado cando se derreten, ou de que forma tan bonita cobre a
carriza o valado da veciña. Foi nun libro ou na realidade onde
comprobaches que as amoras non só son bonitas senón tamén amargas?
Aconteceu nun libro ou na realidade cando estabas estomballada sobre a
herba seca no verán, e despois sentada coas pernas cruzadas, vendo como
as nubes avanzan polo ceo adiante?
Os
libros axúdannos a vivir amodo, apréndennos a observar e convídannos a
buscar acomodo e sentar durante un longo anaco. A miúdo lemos sentadas,
co libro sobre a mesa ou entre as mans, non si?
E
non comprobastes o milagre de que cando estás a ler un libro, o libro
tamén te le? Si, si, os libros tamén saben ler. Lenvos a fronte, as
cellas, as comisuras da boca que soben e baixan, pero primeiro e por
riba de todo, os libros len os ollos. E mirándote aos ollos, eles ven...
vaites, xa sabedes o que ven!
Estou
seguro de que os libros nunca están aburridos se están entre as túas
mans. Unha persoa que goce lendo -sexa pequena ou adulta- é moito máis
interesante que unha persoa á que non lle preocupen os libros, que
sempre estea bulindo a contrarreloxo, que non teña tempo para sentar,
que non teña tempo para fixarse en nada do seu arredor.
No Día Internacional do Libro Infantil, este é o meu desexo para todas nós:
Que non falten libros interesantes para o lectorado e lectorado interesante para os libros!
Escrito por Kęstutis Kasparavičius
Ilustrado por Kęstutis Kasparavičius
Traducido por Antía Marante Arias (GÁLIX)
Outro ano máis BIBLIOPAZOS súmase con esta noticia no blog aos actos para conmemorar este día e animámosvos a ler e difundir esta Mensaxe do DIA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL e a gozar da lectura
de calquera libro que teñades a man, na casa, no colexio ou onde vos
atopedes. Tamén podedes pasar pola Biblioteca onde poderedes escoller
entre miles de libros que temos a vosa disposición para que poidades
levalos para ler ás vosas casas ou para facelo aquí directamente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.