martes, 2 de abril de 2013

Acuarelas - LITERATURA INFANTIL

Acuarelas
Rafa Villar
Ilustracións de Kristina Sabaite
Col. Árbore, 158. Ed. Galaxia. Vigo, 2009
A partir de  8 anos 

Con grande variedade formal xogando coa rima, o verso libre ou a prosa poética achégase este libro de poemas ao universo infantil. Mesmo contando historias fantásticas cal o circo das marabillas cos seus pallasos e a súa maxia, mentres vira a terra arredor do larpeiro sol e as estrelas esfarélanse na noite. Por iso, a estrela de mar varou na praia e trae unha chave enferruxada que abre un cofre dun barco que naufragou, que será da voz poética cando lle regalen polo seu aniversario un traxe de mergullador. O vendedor de globos está amolado porque ningún deles quería que o inchasen demasiado, xa que, segundo un meigo de encantamentos, por cousa da moda teñen medo de engordar. Unha pantasma mirrada, feúcha e con asma, sempre fracasa no seu intento de asustar nenos, e todos se rin dela. O vello pirata inglés di ter agochado un tesouro que non ten. O centolo repróchalle ao longueirón que entrase na súa casa. O torpe robot charlot vai algo enferruxado e vello. Os globos son, segundo a cor, espelidos, lambóns ou presumidos. Pero o zoo deambulante é un trapalleiro que non ten nada con xeito.

Hai pontes poéticas cara á literatura de autor ou tradicional sen que falte un recitado dialogado do touporroutou: o lobo quéixase de que os contos que falan deles non din a verdade da súa triste sorte; os soños na gaiola son ás de bolboreta na voz do poeta; os personaxes de contos clásicos son eles sós son un poema. Porque seica os contos que se contan no adro da noite escorrentan monstros e pantasmas.

E non falta a presentación do mundo propio da voz poética, que non quere ser nin futbolista nin doutor: só quere ser pirata. Na querida cidade de avenidas longuísimas e semáforos de cores, a súa casa ten chaves escondidas e un segredo do tempo dos avós. Na bocanoite debúxanse no seu cuarto sombras que arrolan o sono e ás veces outras que dan medo, e soña con crocodilos xigantes que un día pintou con ceras e cando non os soña chegan e pídenlle acubillo na noite. E ao espertar as mañás saben a lagañas prendidas nos ollos no bus camiño da escola, cando el quere pisar coas botas novas as pozas camiño da escola. O patio da escola é como o oasis do deserto ou unha festa de aniversario e, aínda que ten unha reixa que non deixa liscar ao mundo de fóra, nel a escola cambia de cor, como cambia o triste encerado. que estoura en mil cores coas palabras paz, luz ou sol. Porque tamén sabe ser solidario e tíralles pedras aos avións de guerra e mandaríalles os seus xoguetes aos nenos vítimas dese tsunami que din na tele.

Sabe quen é: "Eu non son yo, que sei quen son". Tal o Sinbad que soña co mar e non se conforma cun tren de plástico. 

68 páx.
20 x 13 cm.
ISBN 978-84-9865-159-1

Fonte: BLIX
FAITE SOCIO DA BIBLIOTECA
E
LÉVAO PARA LER NA TÚA CASA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger