O Certame Literario de narrativa e poesía, que convoca de forma anual o Concello de Ames, xa chega a súa décima edición e para celebralo o goberno municipal decidiu incrementar as contías dos premios. Este certame literario xa é un referente para os novos creadores/as, así como para os autores/as consagrados, e todos os anos conta cun amplo número de participantes. Como nas edicións anteriores, poderá participar no concurso calquera persoa que presente textos inéditos escritos en lingua galega. Os textos deberán presentarse ata o día 20 de abril. Os gañadores coñeceranse o 14 de maio e os premios entregaranse o xoves, 16 de maio, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro. En cada modalidade do certame (narrativa e poesía) establécense tres categorías e, en cada categoría, tres premios.
O Certame Literario Concello de Ames xa se converteu nun concurso de referencia dentro do mundo da poesía e narrativa de Galicia. Dirixido a todos os e as amantes da literatura, sexa cal sexa a súa procedencia, este concurso é xa un referente para os novos creadores e creadoras, e supón unha boa oportunidade para todas aquelas persoas que desexen medir a súa capacidade para escribir e os límites da súa imaxinación. Este ano este certame xa chega a súa décima edición e para celebralo o goberno municipal decidiu incrementar a contía dos premios.
A concellaría de Cultura, María Eugenía Martín, destacou que “o certame literario serve de plataforma de lanzamento para todas aquelas persoas que lles gusta escribir e non se atreven a dar o paso. Ademais, tamén está aberto a autores consagrados que desexen mostrar os seus últimos traballos. Nas nove edicións anteriores presentáronse máis de 1.000 traballos, o que indica ben ás claras que este certame xa está consagrado dentro do panorama literario galego”.
Dúas modalidades: POESÍA E NARRATIVA
Existen tres categorías en cada modalidade do certame (poesía e narrativa). Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría, mentres que a segunda está dirixida a rapaces e rapazas de 14 a 17 anos e a terceira ás persoas de 18 anos ou máis. Haberá tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades, que serán de 150 euros, 120 euros e 90 euros na primeira categoría, 180 euros, 150 euros e 120 euros na segunda e 260 euros, 210 euros e 180 euros na terceira. Os gañadores anunciarase publicamente o 14 de maio e os premios entregaranse o xoves, 16 de maio, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.
O certame será difundido por toda Galicia, enviaranse as bases aos 315 concellos da comunidade, á Rede de bibliotecas de Galicia e a todos os centros de ensino da comarca. Ademais, vaise facer unha importante difusión a través da rede, xa que se van colgar as bases do concurso en todas as páxinas literarias galegas e de fóra de Galicia. Neste senso xogará un papel fundamental as redes sociais xa que se vai publicitar o concurso a través de Facebook ou Tuenti. Cómpre destacar que todos os anos se reciben traballos doutras cidades e localidades do resto de España e incluso de fóra das nosas fronteiras. Como anécdota, pódese comentar que na edición so ano 2010 chegou un traballo procedente de Vietnam.
Presentación dos traballos
Todas as persoas que desexen participar no certame deberán enviar antes do 20 de abril catro exemplares do seu texto, en folios mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra 12 ao enderezo Concello de Ames (Servizo de Normalización Lingüística), Avenida de Azcárraga número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña. A extensión mínima será de 2 páxinas en narrativa e de 20 versos en poesía, mentres que a máxima será de 6 páxinas en narrativa e de 50 versos en poesía. Ademais, cómpre lembrar que o tema é libre e que só se poderá presentar un traballo por persoa en cada unha das modalidades.
Outro dos puntos importantes reflectidos nas bases do certame advirte que nos textos non poderán aparecer os datos persoais do autor ou autora nin a súa sinatura. Así, en cada un dos catro exemplares enviados terá que figurar a modalidade na que participa (narrativa ou poesía), a categoría (1ª, 2ª ou 3ª) e o pseudónimo do autor ou autora. Para garantir o anonimato, os participantes terán que introducir os seus datos persoais (nome, apelidos, idade, fotocopia do DNI, teléfono, enderezo postal e electrónico) nun sobre pechado no que, por fóra, figure o pseudónimo e o título do traballo. Este sobre cos datos persoais e as catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deste sobre grande terá que marcarse claramente, de novo, a modalidade, a categoría e o pseudónimo do autor ou autora (nunca o nome real).
O Concello de Ames, en colaboración con FEIRACO, empresa patrocinadora do certame, publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando aos autores con cinco exemplares do volume que se edite. As persoas gañadoras do certame deberán entregar posteriormente os textos en formato dixital, e, se os autores publican pola súa conta un dos textos gañadores, deberán facer referencia ao premio obtido neste certame. Os nove libros de recompilacións publicados ata o de agora, recollen un total de de 162 traballos que foron premiados neste concurso (cada antoloxía publicada contén os 18 traballos premiados de cada edición).
Para máis información poden chamar ao número de teléfono 981 884 991 ou enviar un correo electrónico á dirección normalizacion@concellodeames.org correspondente ao Servizo de Normalización lingüística (SNL) do Concello de Ames.
Fonte: Concello de Ames
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.