domingo, 31 de marzo de 2013

A abella abesullona - LITERATURA INFANTIL

A Abella abesullona
Manuel Janeiro
Ilustracións de Marta Álvarez
Col. Árbore, 169. Ed. Galaxia. Vigo, 2009
A partir de 8 anos 

Nunha colmea de tan só tres mil abellas reina a preocupación porque non están fabricando suficiente mel co que se alimentar durante o inverno, cando non poden saír porque a choiva lles rompería as ás e o vento as arrastraría de aquí para alá polo seu cativo tamaño. Así que no inverno quédanse nas colmeas ata a próxima primavera gozando do mel, do néctar e do pole recollido. A abella abesullona, que tamén era retrucadora, explicoulle á raíña que apenas había mel nos panais porque o verán parecía inverno de tanta chuvia e vento, polo que escaseaban as flores, que axiña murchaban. Ao escoitala, a raíña nomeouna exploradora e ordenoulle que saíse polo mundo e non volvese ata atopar un lugar onde houbese flores. E alá foi.

Para saber dun campo de flores, materia prima para a produción do mel, preguntoulle a unha mosca, que como se alimenta de sangue ou marmelada non lle soubo dicir. Logo, a unha bolboreta, deprimida porque non atopa flores libres para ela. Despois, a unha abella solitaria, desas non comunais, á que lle pediu axuda pois botábase a noite. Fixéronse amigas e levouna ao seu fogar, onde tiña tres crías, pois só quería ter os fillos que podía manter dignamente. Faloulle de que non precisaba raíña e do pracer de unirse cun macho impetuoso no alto ceo, logrando ela nova enerxía e caendo el exhausto e coas ás rotas en calquera silveira. E faloulle do amor. Deixouna con nostalxia, pero debía seguir coa súa misión.

Atopou logo unha libélula, que lle ía dicir dunha mata de romeu enorme que ata nese ano de escaseza loce multitude de flores, mais un barbo xurdiu do regato e enguliuna. Deu entón cun simpático saltón saltarín que a levou a un outeiro onda un enorme campo de lavanda. Foi comunicar a súa localización á colmea. Mais como coñecera a liberdade volveu para onda a amiga no voo máis feliz da súa vida. E as dúas acordaron ir recoller pole e néctar para preparar un doce para a cea. E contemplaron xuntas o ceo, unha noite espléndida de plenilunio.

60 páx.
20 x 13 cm.
ISBN 978-84-9865-243-7

Fonte: BLIX

FAITE SOCIO DE BIBLIOPAZOS E LÉVAO PARA LER NA TÚA CASA
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger