sábado, 20 de abril de 2013

A pastelaría de dona Remedios - LITERATURA INFANTIL

A pastelería de dona Remedios
Agustín Fernández Paz
Ilustracións de Mabel Piérola
Colección Tucán, Serie Azul 11.
Rodeira. A Coruña, 2008
A partir de 6 anos 

Na pastelaría O Paraíso, coñecida en toda a cidade polos seus riquísimos pasteis, están todos nerviosos apurando a elaboración dos doces pois é o derradeiro xoves de mes e deben acabar antes das seis para que non ocorra ningún incidente. Porque todos os meses pasou algo: a Lola derramóuselle toda a crema de chocolate porque o neno enredara o brazo nun fío; a Charo caéronlle as tortiñas que levaba para enfornar por culpa dunha bóla caída do pantalón furado do rapaz; Santi confundiu o tarro da pementa co da canela porque alguén llos cambiara de sitio; e dona Remedios, a dona, lembra cando os interruptores apareceron baixados ou apareceron formigas na crema das canas. Sempre acontece algo cando o xoves, pois nunca falta, vén unha irmá de dona Remedios co seu fillo Luís, un fedello que aínda non cumpriu oito anos.

Pero esta vez o rapaz, ameazado pola nai, está moi formal tomando a gorentosa merenda con chocolate e doces co que o agasallou a tía. Até que descobre unha mosca intrusa. Consciente de que non debera estar, prepáralle unha trapela co chocolate e consegue capturala cun vaso mentres o insecto zuga na lamboada. Orgulloso, Luís proclama a súa captura e Santi encárgase de sacar a mosca valéndose dunha bolsa, con tan mala sorte que se lle escapa e, perseguíndoa polo obradoiro, provoca que vaia ao chan a marabillosa torta preparada para o banquete especial do Casino.

Volveu suceder outro desastre, si. Pero desta vez a culpa non foi das trasnadas de Luís senón da torpeza do empregado. Por iso leva anacos da saborosa torta para a casa. E o vindeiro mes poderá volver ao Paraíso. 

64 páx.
20 x 13 cm.
ISBN 978-84-8349-122-5

Fonte: BLIX

FAITE SOCIO DA BIBLIOTECA E LÉVAO PARA LER NA TÚA CASA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger