mércores, 3 de outubro de 2012

Os Bolechas chegan á tele!

Os Bolechas chegan á tele!

 

Unha das liñas de traballo prioritarias da Secretaría Xeral de Política Lingüística é apoiar a transmisión da lingua galega aos máis pequenos. Esa é unha tarefa que, hoxe en día, as familias comparten con outros axentes de socialización, coma as escolas infantís e os medios de comunicación. Por iso, é importante para o obxectivo de promover o idioma propio de Galicia entre os máis pequenos contar cunha boa oferta de programas infantís na nosa lingua. E por iso a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Compañía de Radio Televisión de Galicia e a editora e produtora Bolanda, lanza unha serie infantil de televisión baseada nas aventuras dunha familia moi especial: Os Bolechas.

Os Bolechas
Quen non coñece a Carlos, Loli, Pili, Braulio, Sonia, Tatá e Chispa? Que neno galego non se sentiu identificado con algún deses personaxes que van a un parque ou a unha escola coma a súa, participan nas mesmas actividades extraescolares e fan excursións polas mesmas vilas e aldeas que coñece?

Os Bolechas, galegofalantes, son un referente para os cativos e cativas de Galicia, un modelo divertido que permite asociar a lingua galega a elementos positivos. Despois do éxito acadado coas súas historias en papel, debuxadas e escritas polo xenial Pepe Carreiro, entran nos fogares galegos tamén pola porta da televisión. Que o pasedes ben con eles! 

Por fin, na Galega
A serie de televisión Os Bolechas arrinca con oito capítulos de seis minutos de duración que serán emitidos tres veces ao día a través da segunda canle da TVG, no marco do espazo infantil Xabarín Club. Tamén os atoparedes, canda outras moitas sorpresas, na web da CRTVG: www.crtvg.es/infantil/programas/os-bolechas.

O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora-xerente da TVG, Rosa Vilas; o director xeral de Novagalicia Banco, Juan Díaz; o responsable da empresa Bolanda, Antonio Couto, e mais o autor dos Bolechas, Pepe Carreiro, participaron en Santiago, canda máis de 250 escolares de ensino infantil, na festa de lanzamento dos Bolechas na TVG.

Velaquí o avance de presentación, para que vaiades facendo boca:


Na Bibliotecas tedes a vosa disposición as diversas colecións de "Os Bolechas".

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger