domingo, 24 de febreiro de 2019

CELEBRAMOS O DÍA DE ROSALÍA CO ESPECTÁCULO "CONTANDO CON ROSALÍA" DE MARISA IRIMIA

O pasado xoves día 21 de febreiro ás 11:00 horas iniciamos na Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén "BIBLIOPAZOS", as actividades de animación á lectura cun interesantísimo espectáculo cheo de contos e poemas para compartir, cargados da musicalidade da poesía de ROSALÍA DE CASTRO e co obxectivo de conmemorar o 182 aniversario do nacemento da nosa poeta e escritora nacional que terá lugar o próximo domingo 24 de febreiro.

https://www.dropbox.com/s/qbasxah193bveil/2019-02-21%20CONTANDO%20CON%20ROSAL%C3%8DA.jpg?dl=0

O espectáculo "CONTANDO CON ROSALÍA" estivo a cargo da actriz, ilustradora e contadora MARISA IRIMIA e foi un achegamento á poesía da autora dun xeito lúdico, divertido e saboroso do que participaron 46 asistentes, alumnos de 2º e 3º de primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI.
Durante unha hora aproximadamente estivemos gozando das poesías e dos contos de MARISA IRIMIA que tiveron como protagonista a ROSALÍA DE CASTRO.
Ao finalizar a actuación fíxose unha lectura pública por parte do persoal da biblioteca da primeira parte da poesía "Vente, rapasa" que publicamos de seguido:
VENTE, RAPASA (I)

-Vente, rapasa,
vente, miniña,
vente a lavar
no pilón da fontiña.

Vente, Minguiño,
Minguiño, vente;
douche si non
polo demo do dente.

¡Que augua tan limpa!
¡Que rica frescura!
Venta a lavar,
que é un primor, criatura.

Válganos Dios,
que si auguiña n'houbera,
lama este corpo
mortal se volvera.

Vinde a lavarvos,
andá lixeiriños,
a cara pirmeiro,
dimpois os peíños.

¡Ai!, ¡que miniña!
¡Que nena presiosa!
Dempois de lavada
parese unha rosa.

I este miniño

que teño no colo,
dempois de lavado
parece un repolo.

¡Ai!, ¡que tan cuco!

¡Ai!, ¡que santiño!
Ven ós meus brazos,
dareiche un biquiño.

¡Olliños de groria!

¡Cariña de meiga!
¡Apértame ben,
corasón de manteiga!

Corre, corre

a que Antona te peite;
corre, darache
unha cunca de leite.

Corre, corre,

a teu pai, Mariquiña,
que come cebola
con pan e sardiña.

 Rosalía de Castro "CANTARES GALLEGOS"
Fragmento do poema "Vente, rapasa"


Aquí vos deixamos algunas imaxes da actividade:
 
 

E non vos esquezades, este domingo día 24 de Febreiro, convidámosvos a festexar o DÍA DE ROSALÍA sumándonos á proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega que propón á cidadanía que nese día agasalle cun libro en galego e unha flor.
ANIMÁDEVOS e de paso aproveitar para ler algunha das obras de ROSALÍA.
 

OS SABUXOS ENTRAN NA CASA DO PÉ ESQUEDO


OS SABUXOS ENTRAN NA CASA DO PÉ ESQUERDO
Autor: Jaureguizar
Ilustrador: Matalobos
Edicións Xerais de Galicia, S.A

Xénero: Literatura Infantil en Galego - Narrativa

Idade recomendada: +10 anos

Unha noite desapareceron todos os zapatos do pé esquerdo; no barrio todo o mundo sospeita do Mangallón, un vello rabudo que vende calzado. Tan só un grupo de rapaces que lidera Nica cre na súa inocencia. Son Os Sabuxos. Eles ocuparanse de descubrir a verdade e de que non derruben a casa do Mangallón para ampliar un campo de golf. Por outra parte, Nica intentará que o guaaapííísimo Sam lle preste un chisco de atención...

ISBN: 978-84-9914-491-7
Nº de páxinas: 143
Encadernación: Tapa branda
Formato: 13,5 x 20 cm.

sábado, 23 de febreiro de 2019

OS SABUXOS DIVÍRTENSE NO MUSEO PROHIBIDO


OS SABUXOS DIVÍRTENSE NO MUSEO PROHIBIDO
Autor: Jaureguizar
Ilustrador: Matalobos
Edicións Xerais de Galicia, S.A

Xénero: Literatura Infantil en Galego - Narrativa

Idade recomendada: +10 anos

Nica é unha "detectivesa" que se dedica a resolver misterios no seu barrio coa axuda dos seus amigos, Os Sabuxos.
O barrio no que vive é un barrio calquera, dunha cidade calquera, onde nunca pasa nada. Vaia, case nunca. Porque un día Nica atopa un lugar secreto cheo de aparellos estraños e marabillosos para hacer maxia. Os catro sabuxos xogan e divírtense alí ata que descobren que quedaron atrapados dentro dun sitio que ninguén coñece: o Museo Prohibido.

ISBN: 978-84-9914-899-1
Nº de páxinas: 159
Encadernación: Tapa branda
Formato: 13,5 x 20 cm.

venres, 22 de febreiro de 2019

O DÍA QUE CHOVEU DO REVÉS


O DÍA QUE CHOVEU DO REVÉS
Autora: María Canosa
Ilustrador: Dani Padrón
Edicións Xerais de Galicia, S.A

Xénero: Literatura Infantil en Galego - Narrativa

Idade recomendada: +5 puntos

O sol secábao todo coa súa calor abrasadora, e as nubes non facían máis que matarse a regar os campos para que medrasen as verzas e o millo, e para que as herbas fosen verdes.

En canto viron que o verde se volvía amarelo, ás nubes pareceulles tan mal que decidiron facer unha folga traballando, e puxéronse a chover os sete choveres ata que quedaron sen agua.

Por culpa de tanto chover a Vila de Portoseco quedou asolagada e os seus habitantes navegaban entre os tellados das casas e o campanario da igrexa.

Como ían solucionalo?, pensaron as nubes.
Pois podiamos facer que chovera do revés.

ISBN: 978-84-9914-965-3
Nº de páxinas: 32
Encadernación: Tapa dura
Formato: 18,5 x 20,5 cm.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger