E para este mes de medo, meigas, vampiros..., lecturas terroríficas para os cativos da casa

E para este mes de medo, meigas, vampiros..., lecturas terroríficas para os cativos da casa

NOVEDADES DE LECTURA PARA LOS PEQUES

NOVEDADES DE LECTURA PARA LOS PEQUES

NOVEDADES DE LECTURA PARA ADULTOS

NOVEDADES DE LECTURA PARA ADULTOS

luns, 2 de abril de 2018

DIA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

https://www.dropbox.com/s/mrp4wk880hget5c/2018%20Cartel%20Dia%20Internacional%20Libro%20Ifantinl_gl.jpg?dl=0

Un novo ano BIBLIOPAZOS quere sumarse aos actos para conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL que se celebrou en todo o mundo o pasado 2 de abril e que en España promove a Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), sección española do IBBY (Internacional Board on Books for Young People) xunto coas súas catro seccións: Consejo General del Libro Infantil y Juvenil, Consell Català del Llibre Infantil i Juvenil (ClijCAT), Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) e Galzagorri Elkartea.

Dende o ano 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andresen, o IBBY promove a celebración do DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL co fin de promover os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.

Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do DIA DO LIBRO INFANTIL e selecciona un escritor/a representativo e a un/unha recoñecido/a ilustrador/a do seu país para que elaboren a mensaxe dirixida a todos os nenos do mundo e o cartel que se distribúe por todo o mundo, e promóvese a celebración nas bibliotecas, centros escolares, librarías, etc.

Este 2018, o país encargado é Letonia: a mensaxe é unha creación da escritora e editora Inese Zandere e o cartaz, do recoñecido ilustrador Reinis Petersons. 

Descarga facendo clic AQUÍ o díptico coa mensaxe do Día Internacional do Libro Infantil e coa información dos autores da mensaxe e do cartaz.

MENSAXE DO DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2018

OS LIBROS FAN GRANDE O MÁIS PEQUENO
As persoas tenden ao ritmo e á regularidade, do mesmo xeito que a enerxía magnética organiza as lascas de metal nun experimento de física, do mesmo xeito que unha folerpa crea cristais a partir de auga. Xa sexa nun conto de fadas ou nun poema, ás nenas e aos nenos gústalles a repetición, os refráns e os motivos universais porque poden recoñecerse unha e outra vez; danlle regularidade a un texto. O mundo adquire unha orde preciosa. Aínda me lembro cando de nena loitaba comigo mesma por defender a xustiza e a simetría, a igualdade de dereitos para a esquerda e a dereita: se tamborilaba cos dedos unha melodía sobre a mesa, contaba cantas veces debía golpear con cada dedo para que os demais non se sentisen ofendidos. Adoitaba aplaudir dando unha palmada coa man dereita sobre a esquerda, pero pensei que iso non era xusto e aprendín a facelo ao contrario, coa esquerda sobre a dereita. Por suposto, este afán instintivo de equilibrio resulta gracioso, pero o que mostra é a necesidade de evitar que o mundo chegase a ser asimétrico. Tiña a sensación de ser a única responsable de todo o seu equilibrio.

A inclinación das nenas e os nenos cara aos poemas e ás historias xorde, do mesmo modo, da súa necesidade de levar regularidade ao caos do mundo. Dende a indeterminación todo tende cara a unha orde. As cancións infantís, as cancións populares, os xogos, os contos de fadas, a poesía... son formas de existencia ritmicamente organizadas que axudan aos máis pequenos a estruturar a súa presenza no gran caos. Crean a conciencia instintiva de que a orde no mundo é posible e que todas as persoas teñen un sitio único nel. Todo flúe cara a este obxectivo: a organización rítmica do texto, as series de letras e o deseño da páxina, a impresión do libro como un todo ben estruturado. A grandeza revélase no máis pequeno e dámoslle forma nos libros infantís incluso cando non estamos pensando en Deus ou nos fractais. Un libro infantil é unha forza milagrosa que promove o enorme desexo dos pequenos e a súa capacidade de ser. Promove a súa coraxe para vivir.

Nun libro, os pequenos sempre son grandes, de forma instantánea, e non só cando chegan a adultos. Un libro é un misterio no que se encontra algo que non se buscaba ou que non estaba ao alcance de ninguén. O que non poden comprender as lectoras e os lectores dunha certa idade permanece na súa conciencia como unha pegada e continúa actuando aínda cando non o entendan completamente. Un libro ilustrado pode funcionar como un cofre do tesouro de sabedoría e cultura incluso para os adultos, do mesmo xeito que as nenas e os nenos poden ler un libro destinado a adultos e atopar a súa propia historia, un indicio sobre as súas vidas incipientes. O contexto cultural modela as persoas, establecendo as bases para as impresións que chegarán no futuro, así como para as experiencias máis difíciles ás que terán que sobrevivir sen perder a súa integridade.

Un libro infantil representa o respecto pola grandeza do máis pequeno. Representa un mundo que se crea de novo unha e outra vez, unha seriedade lúdica e preciosa sen a que todo, incluída a literatura infantil, é simplemente un traballo moi pesado e baleiro.

Escrito por Inese Zandere 
Traducido por Ana Luna e Antía Marante 
Ilustrado por Reinis Pētersons
Este ano pedimos disculpas por non ter realizado ningunha actividade neste mes de abril, pero por razóns alleas á vontade dos que traballamos na biblioteca, non foi posible preparar con tempo ningunha actividade para celebrar nin este día nin o Dia Mundial do Libro o 23 de abril. Esperamos nos próximos meses do ano compensar esta falta de actividades no mes do libro, con outras moitas que temos pensado levar a cabo.

Mentres tanto animóvosmos a ler esta Mensaxe do Día Internacional do Libro Infantil e a gozar da lectura de calquera libro que teñades pola casa, no colexio ou que podedes vir buscar á biblioteca.


venres, 30 de marzo de 2018

O DERRADEIRO FUXIDO

O DERRADEIRO FUXIDO
Autor: Xosé Domínguez González
Sotelo Blanco Edicións S.L.
Colección: Realidade

Xénero: Literatura Galega - Biografías

Con esta biografía de Mario Rodríguez Losada, Mario de Langullo, o xornalista Xosé Domínguez González pescuda polo miúdo nos trinta e dous anos de loita que converteron este fuxido nun dos homes máis buscados despois da guerra do 36. O seu compromiso co movemento de resistencia xurdido nos montes galegos a partir de 1941 alongouse ata que en agosto do 1968 marchou exiliado a Francia.

Apoiándose nos testemuños dos veciños, familiares e compañeiros, e no do propio Mario de Langullo, o autor revisa a traxectoria dun home que xa figura , na historia do noso país e mais na memoria da xente, a carón do Foucellas, o Piloto ou Gardarríos.

ISBN:84-453-0206-X
Nº de páxinas: 68
Encadernación: Tapa branda
Formato: 11 x 19 cm


BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger