Nesta ocasión recibiremos a visita da pandereteira e regueifeira GUADALUPE BLANCO VÁZQUEZ para impartir ao alumnado de ESO un "OBRADOIRO DE REGUEIFAS" en dúas sesións de 90 minutos cada unha coa que queremos conmemorar especialmente o DÍA DAS LETRAS GALEGAS deste ano 2025 adicado á Poesía Popular Oral.
Esta proposta de LUPE BLANCO ven da necesidade imperiosa de que esta tradición, que nos chega dende tempos inmemoriais, non se perda no tempo que nos toca vivir, de forma irreversible, simplemente polo feito de non haber quen se preocupe dela. Ademais somos da idea de que os seus valores e contidos non están esgotados, son plenamente vixentes e teñen ademais cualidades pedagóxicas e de entretemento inexploradas ata hoxe. É por isto que nos decidimos a promover esta experiencia absolutamente nova e pioneira, que agardamos dea os resultados previstos.
Os obxectivos desta actividade son os seguintes:
- Dar a coñecer o fenómeno da poesía oral improvisada en verso.
- Espertar posibles vocacións na práctica desta manifestación artística.
- Utilizar esta forma de expresión como elemento didáctico de estudo das distintas compoñentes do fenómeno poético: - Tipo de estrofas –Rima –Tonada –Métrica -Outros
- Conseguir que os/as rapaces/zas sexan quen de realizar unha copla improvisada ao remate da sesión.
- Facelos participar doutra serie de compoñentes educativas:
1. Desenvolvemento de competencias persoais:
- Actitudes e competencias para a improvisación.
- Autoconfianza/autoestima
- Actitude creativa e axilidade mental
- Competencias para organizar a comunicación
- Desenvolvemento da memoria
2. Implicación do alumnado no patrimonio cultural: Coñecemento da improvisación oral como expresión cultural universal
A actividade está orientada ao alumnado de 12 a 16 anos, é dicir, a estudantes de ESO, que son os que teñen máis temas relacionados coa poesía dentro dos seus contidos académicos.
Aclarar que este é un obradoiro de duración reducida e que non pretende sacar regueifeir@s, senón familiarizar os asistentes con esta manifestación popular e coa súa técnica que ten elementos poéticos, musicais e tamén teatrais. Haberá unha serie de contidos/conceptos que estarán de fondo durante toda a sesión, como son; a estrofa, a rima, a tonada, o verso, a musicalidade..., todas elas características intrínsecas da poesía.
As sesións van a ser eminentemente prácticas, dinámicas e participativas; variando a súa intensidade entre os distintos exercicios e dependendo tamén do grao de implicación que se acade dos partícipes. Pensamos a sesión para que a intensidade da mesma vaia de menos a máis e @s moz@s leven unha experiencia satisfactoria para casa.
GUADALUPE BLANCO VÁZQUEZ, ( Coristanco 1980 ) Pandereteira dende os sete anos, entra no mundo da regueifa recordando ó seu bisavó Blanco de Muiñoseco, considerado o " padriño" da regueifa en Bergantiños. Crea a súa páxina nas redes sociais
"Regueifandopolavida" e colle un mérito notorio en toda Galicia, tanto é así que colabora dende o 2016 cunha regueifa semanal en Radio Voz Bergantiños e publica no dominical da Voz de Galicia edición Carballo. No 2017 veu a dar os pregóns do día da muiñeira ( Carballo ) Noite no Medievo ( Rioboo- Cabana ) e Festa da Pataca ( Coristanco) todos eles a modo de regueifa. Colabora cos proxectos Regueifesta e Enreguéifate como formadora en obradoiros no ámbito educativo, e forma a primeira “Escola de regueifa" no Concello de Carballo.
Sae fóra de Galicia con actuacións no País Vasco ( Centro Galego de Laudio ) ou Mallorca ( Certame de Glosa en Sóller )
Nas súas intervencións destacadas están:
- Gala do Patrimonio (Cangas 2017 )
- Carballeira de Zas ( 2019)
- Presentación do Diario Nós ( Compostela 2019 )
- Festival "Alguén que Respira" ( Teatro principal Compostela 2020)
- Presentación Gala ARitmar Galiza e Portugal ( Auditorio de Galicia 2021)
- Certame Internacional de improvisación ( Valladares, Vigo )
- Congreso estatal de EPA ( Cidade da Cultura 2022)
- Catas de Galicia ( 2022 )
- No ano 2024 acadaou o primeiro premio dos "Premios Galegos da Regueifa" por terceiro ano consecutivo, organizados pola Voz De Galicia en Carballo, e actualmente está considerada a mellor regueifeira de Galicia pola conservación das tonadas características de Bergantiños.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.