venres, 27 de setembro de 2024

O escritor MIGUEL ALONSO DIZ impartirá o Obradoiro de Creación Literaria "ESCRIBIR PARA CONTAR 3" a todo o alumnado de Infantil e Primaria e aos usuarios da Asociación ASPAVI

Ola outra vez seguidoras/es, usuarias/os e socias/os da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén "BIBLIOPAZOS".

Continuamos con novas actividades que temos organizadas para as vindeiras semanas a través do programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2024 "OBRADOIROS E CERTAME DE CREACIÓN LITERARIA" e que contan co co patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra.

Os principais obxectivos deste programa son os de promover e dinamizar o uso da lingua galega no municipio, sobre todo entre a poboación infantil, a mocidade e as persoas con diversidade funcional; animando á creación literaria e á lectura a través da realización de diversos obradoiros e da convocatoria dunha nova edición dun certame literario en lingua galega; ademais tamén se pretende promover e facilitar a plena integración na sociedade dos colectivos en risco de exclusión social e con diversidade funcional, a través do emprego da expresión artística e literaria en lingua galega.

O primeiro Obradoiro de Creación Literaria que dará comezo o Venres 27 de setembro será "ESCRIBIR PARA CONTAR 3" que impartirá o escritor, poeta, docente e contacontos MIGUEL ALONSO DIZ e nel participará todo o alumnado de Infantil e Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos; o alumnado de Educación Infantil da EEI "A Galeriña" de Nespereira; e os usuarios da Asociación ASPAVI.

Realizarase nas instalacións escolares e da Asociación ASPAVI en 9 sesións de entre 50 e 90 minutos cada unha delas nos seguintes días e  horarios:

Venres, 27 de Setembro:
13:00 a 14:30 - 4º de Primaria CPI Pazos

Xoves, 3 de Outubro:
13:00 a 14:30 - 5º de Primaria CPI Pazos

Venres, 4 de Outubro:
13.00 a 14:30 - 3º de Primaria CPI Pazos

Xoves, 10 de Outubro:
13:00 a 14:30 - 6º de Primaria CPI Pazos

Venres, 11 de Outubro:
13:00 a 13:50 - Infantil CPI Pazos

Luns, 14 de Outubro:
10:30 a 11:45 - 1º de Primaria CPI Pazos
13:00 a 14:15 - 2º de Primaria CPI Pazos

Xoves, 17 de Outubro:
13:00 a 13:50 - Infantil EEI A Galeriña
15:30 a 17:00 - Asociación ASPAVI

Dando continuidade aos obradoiros “ESCRIBIR PARA CONTAR 2” realizados no ano 2023, nesta nova edición ensínase ao alumnado participante os procesos de creación. Camiñando pola palabra, tanto escrita como oral, a imaxe e mesmo a expresión teatral para dotar dunha visión o máis completa posible; sempre adaptándose ao nivel da rapazada participante e dando resposta ás necesidades de cada grupo e de cada persoa.

Nas actividades búscase fomentar a creatividade, o amor pola arte en xeral e pola nosa lingua.

Todas estas variables xogan un papel relevante no intre de pórse diante da folla en branco.

Dende os ciclos de infantil ata 6º de primaria, pasando polas usuarios dos colectivos de persoas con diversidade funcional, achegaremos a un colectivo de persoas máis amplo o labor desenvolto a través de obradoiros adaptados a cada idade e circunstancia.

Os obxectivos que se pretende conseguir son os seguintes:

  • Incentivar a creatividade e o valor da orixinalidade.
  • Estimular a creación de historias vencelladas co noso entorno, sementando neles o aprecio e valoración do propio, tanto na súa vertente material (patrimonio histórico), como inmaterial.
  • Asociar a escrita ao xogo, e non só a escrita, senón tamén o propio proceso de aprendizaxe.
  • Enlazar elementos escritos e de narración visual e conectar a escrita e a narración oral. Incentivar a transmisión oral de historias no seu entorno familiar.
  • Incentivar a lectura como motor da escrita. Iniciar no xogo de palabras.
  • Escribir como ferramenta de expresión dun mesmo.
  • Fomentar o uso da lingua galega.
  • O emprego da expresión artística galega como un elemento de expresión integradora na sociedade e de fomento do respecto á diversidade.

Os obradoiros están estruturados en cinco niveis:

- Primeiro nivel: Ciclo de Infantil

Escribir para contar.
Narrar a través da imaxe.

- Segundo nivel: 1º e 2º de Primaria

O valente coello que quixo soñar.
Unha intervención artística.
Que é o protagonista?
Pequenas historias. Debuxamos.

- Terceiro nivel: 3º e 4º de Primaria

Unha historia entre todos.
Mesmas palabras, diferentes historias.
O relato máis curto do mundo.

- Cuarto nivel: 5º e 6º de Primaria

A través de cancións, efectos sonoros, fotografías etextos noutras linguas estimularase a creación literaria por parte do alumnado.

-Quinto nivel: Colectivos de persoas con diversidade funcional

Que queremos contar?
Unha historia entre todos.
Efectos sonoros. Que sucede?
O debuxo como ferramenta de narración.


Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger