xoves, 20 de outubro de 2022

"DOIS DOS MONTES" con Vítor Fernandes e Estefânia Surreira de Trás-os-Montes (Portugal) - X Edición do FESTIVAL INTERNACIONAL ATLÁNTICA - DÍA DAS BIBLIOTECAS 2022

Finalizamos as actividades do mes de outubro cunha última actividade coa que queremos aproveitar tamén para conmemorar o DÍA DAS BIBLIOTECAS que se celebra en todo o país o 24 de Outubro de cada ano, especialmente dedicado ao público infantil e xuvenil, desde que no año 1997 a Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, promoveu a celebración deste día, co apoio do Ministerio de Cultura e Deporte, co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento ao labor do persoal bibliotecario; e en recordo da destrución da Biblioteca de Sarajevo, incendiada el 1992 durante a Guerra dos Balcáns.

A iniciativa naceu para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana. A través destas accións preténdese educar aos nenos e maiores nos valores da lectura e a cultura, e destacar a misión das bibliotecas como centros socializadores e integradores e demostrar que os libros están ao alcance de todos os veciños.

Bibliotecas públicas, privadas, universitarias, especializadas, escolares, nacionais, móbiles… Todas elas albergan grandes tesouros, e destruílas ou non protexelas, que vén ser o mesmo, é un memoricidio a pequena ou gran escala. E unha das mellores maneiras de protexelas é dalas a coñecer, abrir as súas portas, mostrar os seus recunchos máis escondidos, extraer os seus documentos dos fríos estantes e poñelos en mans dos lectores. E, sobre todo, falar e facer que se fale delas. Por iso é tan importante este día e as celebracións que se propoñen desde diferentes ámbitos.

E para continuar conmemorando o DÍA DAS BIBLIOTECAS contamos con outra actividade incluída no programa da X Edición do FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL “ATLÁNTICA”; na que recibiremos a visita de VÍTOR FERNANDES e ESTEFENÍA SURREIRA desde (Trás-Os-Montes) Portugal o Venres 28 de Outubro, a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello.

VÍTOR FERNANDES e ESTEFÂNÍA SURREIRA traeránnos o seu espectáculo “DOIS DOS MONTES”; un espectáculo contado e cantado, procedente de Trás-os-Montes, onde os contos e as lendas da tradición portuguesa son os ingredientes principais pero mesturados con petiscos (burlescos) de disparate, riso e boa disposición. Unha viaxe ao fantástico, onde non faltarán as bruxas, diaños, deuses, almas en pena, trasgos, pantasmas e moitos outros seres da mitoloxía popular.


Está prevista a asistencia a esta actividade de todo o alumnado de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e dos usuarios da Asociación ASPAVI.


VITOR FERNANDES
| Natural do reino marabilloso de Trás-os-Montes, desde neno ouvía contos que os seus familiares máis vellos contaban nas rúas das aldeas ou nas noites das casas. Busca manter a forza da oralidade a través dun repertorio cheo de contos de amor, humor, vivacidade, astucia e emoción, tan propios da tradición portuguesa. Formouse con varios narradores nacionais e internacionais e ten participado en varios festivais nacionais e internacionais. Forma parte do grupo Contos na Eira. En 2014, en colaboración coa Libraría Traia Mundos, en Vila Real, creou o evento Traia Contos. En 2015 integrou o equipo que realizou os eventos Sexta dos Contos e o Festival Porto de Contos. En 2021, con Clara Haddad e Mariana Machado, creou o primeiro Club de Historias Motivacionais en Portugal. É o cofundador, con Estefânia Surreira, do proxecto Dois dos montes.

ESTEFÂNIA SURREIRA | Creei o meu proxecto de mediación de lectura en 2014 e deille o nome “As tartarugas tamén voan”, por ser o título dun dos filmes da miña vida e por crer que elas voan de verdade (cando ningún ser humano está preto, claro). Fun aprendendo a ler historias en voz alta e a narralas, descubrindo que elas se tornan reais no momento máxico de compartilas cos demais. Con aquel que escoita. Con aquel que se deixa enmarañar nos longos fíos de palabras que imos soltando dos libros, da nosa imaxinación, da nosa voz, do noso corpo. E tamén aprendín, neste traballo de lectora e narradora, a escoitar os outros que, coma min, entregan a súa alma á palabra lida, á palabra dita. Neste camiño que é, por enriba de todo, de escoita, descubrín o poder marabilloso das historias e aprendín, con quen fai da narración o seu oficio, o seu modo de vida, que é posible rescatar contos, memorias e afectos e partillalos con quen sabe que as tartarugas, alí do outro lado da vida, tamén voan.

E así remataremos o mes de outubro conmemorando o DÍA DAS BIBLIOTECAS; e xa iremos informando das próximas actividades previstas para o mes de novembro.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger