venres, 11 de xuño de 2021

O CONCELLO DE PAZOS DE BORBÉN PARTICIPA NA "IX EDICIÓN DO FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL ATLÁNTICA"


Outro ano máis, e xa é o cuarto, o Concello de Pazos de Borbén participa no FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL "ATLÁNTICA".

Os escolares de Pazos de Borbén acollen as primeiras funcións do Festival Atlántica 2021
  • O luns 14 será a quenda de Brais das Hortas e os seus Contos para caghar patatillas.
  • O mércores, 16 de xuño, actuará Anxo Moure "Carballo con botas" con Nubinete contra o cambio climático.
  • Trátanse de funcións concertadas con centros de ensino que se desenvolverán no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén.
A novena edición do Festival Atlántica quenta motores con dúas funcións para escolares no Auditorio de Pazos de Borbén grazas á colaboración co concello da vila. Nesta festa dos contos participarán os galegos Brais das Hortas e Anxo Moure "Carballo con botas" os días 14 e 16 de xuño, respectivamente.

A primeira das actuacións vai ser o luns 14 de xuño, ás 12:30 horas, no Auditorio do Concello. Ese día Brais das Hortas levará ata Pazos de Borbén o espectáculo Contos para caghar patatillas, unha mestura de música, clown e contos a partes iguais. Ao longo dos seus 50 minutos pode acontecer calquera cousa: que a Santa Compaña cante un trap, escoitar a verdadeira canción de como morreu Tranquilo, que sete bruxas voen de Moaña a Sevilla nunha barca e mesmo crear instrumentos de refugallo en directo.

Brais das Hortas é músico, narrador oral e clown. Como músico forma parte de Blues do País e Sacha na Horta. Tocou tamén en Sons Miúdos e Mamá Cabra, entre outros, amais de colaborar en numerosos proxectos (Ataque Escampe, Sofía Espiñeira...). Como clown e músico participa en dous espectáculos con Peter Punk Pallaso: Concerto PunkInfantil e Peter Punk e O Neno Imperdible. Na súa faceta de narrador oral leva máis dunha década na Tropa de Trapo con Marta Ortiz.

Contos con ecoloxía

No que respecta á segunda cita do Atlántica 2021 en Pazos de Borbén, está prevista para o mércores 16 de xuño, tamén no Auditorio do Concello, ás 12:30 horas. Nesta ocasión os contos chegarán da man de Anxo Moure "Carballo con botas" e Nubinete contra o cambio climático, unha proposta de viaxe de contos e cantigas ate as nubes para coñecer a problemática da contaminación e o cambio climático. Cun singular paraugas reciclado de nome Dameaugas os máis cativos intentarán conseguir que chovan contos, soños, esperanzas e futuro. Este espectáculo está baseado no libro O paraugas Dameaugas do propio Moure (ed. Urco) e forma parte do proxecto CUCO (Cultura Contra o Cambio Climático).

Anxo Moure (Chantada, 1963) é un escritor e contacontos galego con máis de trinta anos de experiencia no eido da narración oral. As súas actividades son cómicas e divulgativas, enmarcadas no ecoloxismo e no ecopacifismo. Impulsou a creación do Cinema Palleiriso na aldea de Garabelos, na parroquia de Mariz.

AXENDA FESTIVAL ATLÁNTICA 2021 | PAZOS DE BORBÉN

LUNS 14 XUÑO
Contos para caghar patatillas. Brais das Hortas
12:30 | Auditorio do Concello (PAZOS DE BORBÉN)
Función concertada público escolar | En galego
Asistirán os alumnos de 3º e 4º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos

MÉRCORES 16 XUÑO
Nubinete contra o cambio climático. Anxo Moure
12:30 | Auditorio do Concello (PAZOS DE BORBÉN)
Función concertada público escolar | En galego
Asistirán os alumnos de 1º e 2º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos


O programa completo de Atlántica 2021 así como a información sobre os artistas pódese consultar na web do Festival (http://festivalatlantica.gal) a partir do 15 de xuño.

Sobre o Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Toda a información relacionada co programa e cos artistas pódese consultar na web http://festivalatlantica.gal.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger